Non quero a vida da vila,
anque folgada ma dean;
quero ir e vir polos pousos
ó sol e ó aire da aldea.
Manuel Leiras Pulpeiro
-Avó, este é o
escudo de Galiza –di o Mikel sinalando un folleto que nos deran en Sarria.
-É. Gústache?
-Home… só ten
referencias relixiosas.
-E que a Igrexa
tiña, e ten, moita influencia na Galiza.
-Pois o escudo
debía levar outras cousas de máis importancia histórica.
-Porque non
inventas un escudo e tomámolo como o escudo da familia Rodríguez Longarela.
-Déixame pensar.
Pon aquí a pizarra e dáme o pizarrín.
Cruzamos o río
Celeiro pola medieval ponte de Áspera, gozamos dun espectacular espazo natural.
Imos camiño da fraga e castro de Paredes e do coñecido lugar de Barbadelo.
Barbadelo aparece citado no Códice Calixtino; a súa igrexa románica é unha das
máis afamadas do Camiño, a súa iconografía deu lugar a diferentes
interpretacións, incluída a esotérica (misteriosa) con estraños animais, como
leóns, serpes, aves... vinculados ao bestiario medieval e complexas
representacións humanas. Concéntranse no tímpano e nos capiteis da portada, e
tamén nas ventás e nunha porta lateral. A construción deste templo data de
s.XII con reformas no XVIII. Tamén ten unha estilizada torre de tres corpos.
Fontes documentais
dinnos que o pobo foi fundado no s.X .ou antes, xa que, no ano 976 hérdao un tal Veremundo que, xunto coa súa
irmá a abadesa Sendina, deciden doalo en 1009 ao mosteiro de Samos, polo que se
converte nun priorado. Así ata o s.XIX, por mor da Desamortización, houbo en
Barbadelo monxes beneditinos. A vella
casa, hoxe particular, sita ao carón da Igrexa, conserva aínda hoxe o nome de Mosteiro.
Pasamos Rente,
vimos o muíño de Marzán, de principios do s.XX, Leimar e Peruscallo. Sen pausa,
practicamente todo por asfalto.
Continuamos a nosa
andaina gozando de soutos e carballeiras, de pradarías e terras de labor, a
través de tramos de inigualable beleza.
-Avó, xa teño case
rematado o escudo da familia, aínda que eu penso que estaría ben para que fose
o escudo de Galiza. Tesme que axudar en pequenos detalles.
Parei, desmontamos
e deume a pizarra para que mirase e xulgase.
-Isto que bordea o
escudo é a muralla de Lugo, recorda o pasado romano tan importante: lingua,
calzadas, cidades, monumentos... No interior, a representación do máis
salientable desde o punto de vista histórico e económico de Galiza, isto é, a
vaca e o can de palleiro, rodeada de sete peixes; aquí me tes que botar unha
man. E para rematar unha coroa con forma de cuncha de vieira que lembra a
tradición xacobea. Que che parece?
-A verdade é que
imaxinación non che falta. Como te podo axudar?
-Ao redor da vaca e
do can, e representando as sete provincias do antigo Reino de Galiza, hai sete
peixes, tesme que dicir sete peixes que representen a cada unha das provincias.
-Iso non é fácil.
-Pensa, anda, pensa.
-Imos ver. Para
Ourense a troita; para Lugo a anguía; para Tui o meixón; para Mondoñedo o
salmón; para Santiago a lamprea; para Coruña a sardiña; para Betanzos a xarda.
Podería valer?
-Es a hostia,
avó!!!
-Xa será menos. De
alguén che ten que vir a ti tanta imaxinación. A verdade é que ese escudo si
sería máis representativo da sociedade galega.
-Quedámolo para
nós… O escudo dos Rodríguez Longarela!
-Preguntarémoslles
a Brais, Sabine e Iago que lles parece e por que escollemos os peixes que
escollemos.
-Non lles ha ser
fácil.
-Xa que estamos preguntando,
adiviña esta adiviña Mikel.
Son dúas irmás
e nunca xuntas as verás.
-Por aquí que imos
sós ben podemos cantar algo –dixo o neno.
-E logo, tes medo
de que nos prendan por facelo mal. É mellor cantar cando hai xente, así ao
mellor nos pode contratar alguén
-Avó…a verdade é
que se o dis en serio o teu é preocupante.
-Ben, pasámolo ben
cantando, así que o demais sobra. Imos logo. Con que queres arrancar?
-Para facer boca e
lembrar imos co Galopín e despois con
Pousa.
E así fixemos. Para
cantar iamos andando. Había que intentar facelo ben aínda que desafinabamos
abondo.
-Agora termos que
aprender algunha nova.
-Avó, ti sábelas
todas. Claro que non me estraña xa que
todos vos aprendiades as cancións nas tabernas…é dicir, a carón do viño…madía
leva.
-Cala e atende. A
próxima chamase O rodaballo, e temos
que sabela antes de chegarmos a Palas. Lembreina por mor de pensar en tanto
peixe para o escudo.
Nunha lancha de Marín
coa proa de carballo,
catro rapaces da Puebla
roubaron un rodaballo.
Mala chispa te coma
mala chispa te den,
mala chispa te trague
uiaiei.
O patrón que os mandaba
tamén era de Marín,
e díxolle ao rodaballo
moito miras para min.
Mala chispa te…
Fórono vender á lonxa
e con moito disimulo,
e quen no foi a mercare
a filla do Cachirulo.
Mala chispa te…
Así acaba a historia
deste peixe rodaballo,
que por non haber aceite
houbo que comelo asado.
Mala chispa te…
Pasamos Cortiñas e
Lavandeira e chegamos a Brea, a 100
km . aproximadamente de Santiago; poderiamos comezar aquí
o camiño para conseguir a Compostela, mais case ninguén o fai; todos veñen
desde Sarria. Ao pasar Morgade entramos no concello de Paradela.
Na aldea de
Ferreiros hai un pequeno albergue público asomado a outra fermosa carballeira. O
nome do pobo vén do servizo aportado as cabalarías, o calzado dos peregrinos e
diferentes labores antigos nesta zona. Mirallos e, a continuación, a igrexa
románica de Santa María, traída de Ferreiros e reconstruída; ten unha
interesante portada románica sobre dúas cabezas de león.
Continuamos por
asfalto a Pena, Couto e Rozas, Moimentos, Mercadoiro, Moutras, Parrocha e o
derradeiro lugar do concello de Paradela, Vilachá.
Por esta última
zona, e na parroquia das Cortes, estivo o mosteiro de Santa María de Ribalogio. A súa
primitiva igrexa, hoxe co nome de Santa María de Loio, foi a casa matriz da
Orde de Santiago da Espada fundada no s.XII na que os seus membros eran metade cregos e metade cabaleiros.
Descendemos ata a
ribeira do Miño. Deleitámonos coa vista desta paisaxe, mestura das anteriores,
mais por primeira vez na Galiza co
engadido dos cultivos de vide. Antes de cruzar a ponte sinálolle ao Mikel onde
se pode comer a anguía.
-Mira Mikel, alá no
fondo ves parte doutra ponte romana medieval, das máis consideradas do Camiño.
De 152 m .,
unha das máis longas do momento, era a que atravesaba o Miño pouco profundo e
si moi ancho; foi destruída pola raíña Urraca
en momento de discordias, escapando da persecución do seu home Afonso o Batallador. Pasado o cabreo, a propia raíña mandou
reconstruíla; fíxoo un tal Pedro, de
curioso apelido Peregrino, que tamén
foi o responsable da construción dun hospital a carón da ponte; no museo de
Lugo hai restos deste hospital e tamén do
Palacio da Encomienda, moi posterior. A nova ponte data de cando se
inaugurou o encoro de Belesar, polos anos sesenta do século pasado. Eu acórdome
de ter estado no vello Portomarín cos meus pais. Daquela, por mor de facer a
presa de Belesar, asulagaron o pobo, perdéronse as mellores leiras; tamén se
perdeu a anguía. Para compensar crearon ese novo poboado que chamamos
Portomarín e que imos ver pronto.
Atravesamos a ponte
sobre o río cun percorrido de máis de trescentos m. e sentamos a descansar
antes de bordear a vila para evitarmos a escalinata.
-Agora xa sabes por
que che dixen que a Lugo a representases no escudo coa anguía. Desde aquela ata
hai pouco tempo deixaron de existir as anguías no Miño xa que non podían
continuar -pois topaban co encoro- o seu longo percorrido de miles de km. polo
Oceano Atlántico para poderen depositar os seus ovos no mar dos Sargazos, no
golfo de México. Tampouco podían volver as crías polo mesmo motivo.
Despois de catro
décadas, a asociación O Carrual, coa
axuda da Administración, ideou transportar as anguías de volta por estrada e devolvelas
ao río despois do encoro. No só fixo iso senón que tamén recuperou moitos
caneiros que, co paso do tempo, se tiñan deteriorado. Os caneiros son esas
presas que ten o Miño… lembras que te tes bañado cos teus pais nun que hai preto
da nosa casa? Pódense pescar agora só por profesionais que chegan a extraer
máis de seiscentos kg. dos que unha parte moi importante teñen que soltar ao
outro lado, despois da última presa, a de Frieira, para que poidan seguir o seu
ciclo vital de chegar aos Sargazos e morrer despois da posta dos ovos. Como ves,
unha Asociación exemplar, que non só mantén a anguía no noso río, senón que con
eles perdura a tradición da súa pesca nos caneiros, única en Europa. E dúas notas
para o recordo: a anguía péscase de noite, sobre todo nas grandes enchentes, o
que fai que agora os pescadores leven chalecos salvavidas; e outra, que os
romanos, que tantas cousas nos deixaron, tamén construíron caneiros.
-Moi interesante a
vida das anguías e moi interesante o traballo dos homes e mulleres (haberá
mulleres?) do Carrual. Parece incrible que estes peixes podan nadar case ano e
medio para chegar ao mar dos Sargazos e por riba facelo profundo para escaparen
aos depredadores humanos, que todo o que lles cae na rede e válido.
-Algún día
contareiche a vida do salmón, un peixe moi curioso e que Sabine come máis ca
nós; para eles é toda unha industria. En Galiza quedan moi poucos e os que hai
son maioritariamente os que se extraen nos ríos da provincia de Lugo.
A vila de
Portomarín aparece nos relatos de peregrinos desde o s. XII ao XVIII como: Pons Minee, Porto Marín, Pontem Marinum,
Ponte Marine, porto Marino, Portlanchanne, Pourtau Mary, Por Marín. En
xeral, o Minee de Miño e o Marin de mariño.
Con esas xa
estabamos na praza do concello logo de ter pasado por diante do albergue
público e das escolas.
-Esta
igrexa-fortaleza de San Nicolás (hoxe de San Xoán) foi construída no s.XII pola
Orde de San Xoán de Xerusalén e,
probablemente, con artesáns do taller do Mestre Mateo. Recorda partes do
Pórtico da Gloria da catedral de Compostela, co Cristo en Maxestade e os
vintecinco anciáns da Apocalipse con cadanseu instrumento formando a corte do
Xuíz Supremo. Tamén son moi interesantes os dous rosetóns. Deixamos o interior
para outra vez, xa que como ves a igrexa está pechada. Os cabaleiros desta Orde
tamén atenderon o hospital situado a carón da igrexa. A igrexa foi reconstruída
aquí, logo de trasladala desde o vello Portomarin, pedra a pedra. Tamén se
trasladou a igrexa románica de San Pedro e no seu burgo había un hospital e
unha leprosería, atendida por cabaleiros de S. Lázaro.
A pesar de que as
mellores leiras quedaron asolagadas, mantén Portomarín fama de boa augardente,
que por certo promocionan cunha festa onde nomean cabaleiros da alquitara a personaxes destacados.
É moi importante o
Camiño na economía deste concello, posiblemente a mellor industria do pobo xa
que conta con varios albergues privados que en temporada alta se fan pequenos
para a cantidade de peregrinos que visitan Portomarín.
A tipoloxía da vila
é de casas adosadas de cantería con soportais e praza central onde se atopa a
igrexa de San Nicolás e máis o Concello.
Despedímonos de
Portomarín despois dun pequeno receso e emprendemos camiño de Palas.
Seguimos por estrada
ata chegar ao lugar de Gonzar, que conta cun albergue público e, seguindo o
trazado, chegamos a Castromaior, que como o nome indica posúe un castro de
moita importancia que salientou no seu momento o goberno da Xunta coa
preparación do terreo e varias escavacións.
-Mikel, ímonos
apartar da estrada e vouche amosar un castro importante, que foi escavado en
parte e penso que algún día se seguirá estudando... Mira que murallas máis
altas tiña para se defender en caso de enfrontamentos con outras tribos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario