…pero
nós somos porque non podiamos non selo tan só;
pero
tal vez nos queremos.
Olga
Novo
Á media hora de
marcharen Nano e Pepe emprendemos nós o Camiño. Unha subida entre o centro da
TVG e o centro territorial RTVE levounos a San Marcos, preto do Monte do Gozo;
desde alí avistaremos as torres da catedral que albergan os restos do Apóstolo
Santiago o Maior polo que tantos quilómetros levamos percorridos desde Roncesvalles.
Gozamos… abofé, que gozamos da vista de Compostela.
O Monte do Gozo é
un pequeno outeiro duns 380 m. de altitude que ten un importante valor
simbólico, e eu engadiría sentimental.
Domenico Laffi fálanos da enorme
felicidade que embargaba aos peregrinos en chegando a este lugar. Era
denominado así xa no medievo. O Códice Calixtino cítao como Mons Gaudii e os peregrinos franceses
chamábano Monjoie, en galego Monxoi. Conta cunha sinxela capela de San Marcos, existente
xa no s. XII, moi modificada ao longo dos séculos.
Esta zona, de
carácter público, ordenouse como espazo de lecer e de encontro entre
peregrinos. Son moitos os que, coma nós, prefiren pasar a noite neste albergue,
que é o máis grande en número de prazas de todo o Camiño, e chegar á cidade de
mañá cedo para dedicarlle como mínimo o día á catedral e o seu contorno.
Admiramos os
enormes bronces do escultor Acuña ao tempo que nos fotografamos xuntos os dous
coa axuda dunha bela moza peregrina.
-Mikel, que che
parece se nos quedamos aquí a durmir e mañá baixamos cedo para chegar á catedral
e darlle o abrazo ao Apóstolo?
-Ben, porque Aída e
Olaia non chegan ata a hora de xantar.
Puxémonos á cola
para o ritual da disposición das camas no que, por certo, beneficiounos un moi
amable albergueiro. Curioso era sentilo falar cos peregrinos no seu propio
idioma, aquilo parecía a Torre de Babel.
E despois de
ducharnos e cambiar de roupa, fomos cara á cafetaría do hotel que está situada
máis abaixo para cear uns bocadillos e as bebidas habituais: viño e zume, un descafeinado e un xeado para o neno.
Estábase ben alí,
temperatura ideal e o entretemento co bule–bule dos peregrinos: uns subindo, outros baixando…
a verdade é que resultaba un espectáculo moi colorista.
Había un home e mais
unha muller sentados na mesa do lado. O Mikel xogaba coa chapa do zume. E eu,
non sei porque, xa que non é algo que faga habitualmente, estaba atento á súa
conversa. Daban a entender que se coñeceran no Camiño.
-Logo de vinte e sete
anos traballando –dicía o home- na mesma empresa, presentáronme o finiquito, eu penso que só por ter
cincuenta anos, xa que a empresa non tiña ningún problema, vamos que non lle
afectaba para nada a crise. Aprovéitanse das vantaxes legais de protección aos
empresarios. Eu por suposto engrosei as filas do paro e non atopei ningún tipo
de traballo, o meu era ir tirando para conseguir a xubilación a partir dos
sesenta.
-E que pensas
facer?
-Estiven bastante
desesperado. A miña única vantaxe é que non teño familia que manter. Emprendín
a peregrinación por recomendación dun amigo e consoloume, deume tranquilidade e
teño dúas ou tres ideas para subsistir ao pé do Camiño, ao tempo que poida
servir de axuda ao camiñante.
-Pois oxalá che
vaia ben.
-Ola! Non puiden evitar escoitalos. A verdade é que
admiro o seu proceder –dixen dirixíndome ao home- e espero que lle saia todo
ben. Mais o que lle pasou a vostede lembroume a min un conto cuxo autor non
recordo. Ah! Perdón, eu son Ignacio e este neno é o meu neto; vimos desde
Roncesvalles en bicicleta. Se non lles molesta cóntolles a fábula porque é unha
boa lección tamén para o Mikel; así se chama este homiño.
A parella, logo dun
momento de desconcerto, sorriu e a señora dixo:
-Adiante, conte,
conte…
-Isto era un campesiño que tiña un cabalo
vello que lle axudaba a traballar as terras. Un día o cabalo caeu nun pozo
abandonado e moi profundo. O campesiño avaliou a situación e decidiu que non
compensaba sacar o cabalo do pozo e que a mellor opción era enterralo alí
mesmo; non teño que salientar que non contemplaba ningún aspecto afectivo.
Comezou a tirarlle terra, e o cabalo sacudíaa e caía debaixo das súas
ferraduras; seguiu insistindo e canto máis terra botaba máis ía subindo o
cabalo, ata que chegou ao cimo do pozo. Total, que o cabalo salvouse e o
campesiño quedou sen pozo.
A ensinanza que nos
proporciona esta fábula é dobre; por un lado, que o cabalo salvouse porque
loitou por saír; e o home perdeu, por non decatarse de que debía utilizar
outros métodos para agradecer ao cabalo o traballo dunha vida de entrega á súa
facenda; e por riba quedou sen auga.
Vostede –dixen
dirixíndome ao home- ten o mérito de reporse á adversidade e o seu patrón terá
o castigo da súa insensibilidade…E agora, por nos aturar, que tal se admiten a
invitación doutra ronda?
Falamos de onde
viñan, de como chegaramos nós, do tempo, da peregrinaxe…falamos. Despedímonos e
fomos durmir; mañá sería un día especial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario