martes, 12 de xaneiro de 2016

LX. Santiago



Na intermidable viaxe da vida,
na liberdade pechada
atopei o sono infinito…

Cristina Corral Soilán


Espertamos a un tempo, cedo. Achegámonos á cafetaría do hotel e almorzamos unhas galletas con leite, como se fose un traballo en lugar dun pracer. Estabamos nerviosos.
E nisto soa o teléfono:

-Ola! Son Pepe. Quero falar con Mikel.

Díxoo como se non quixese falar comigo. Máis ben era polo parco que era falando; xa non lembraba como era cando o coñecemos. Doulle o teléfono ao pícaro. E sigo a conversación do Mikel:
-Ben, ben. Xa imos deixar o Monte do Gozo, o que queda e costa abaixo, así que imos chegar pronto á catedral…heillo dicir ás miñas tías… ao marchar…non tiñas porque facelo, de todos os xeitos, grazas, moitas grazas…xa che contarei se me gusta…adeus! bicos!

Mirou para min, e dixo:

-Era o Pepe, dixo que fósemos recoller un regalo que nos deixaba, mellor, que me deixaba, na consigna da estación.
-Enfeitizáchelo, eh!
-Ti sabes que non empreguei malas artes.
-Non, oh, non. Mais si boas artes, lerchán.
-Me cago en diola…es un carallán…xa sei, o que che pasa a ti é que me tes envexa…non si?

Montamos na bici e deixámonos ir pola costa abaixo. Ía rindo para os meus adentros e sabía que o neno tamén gozaba desa regueifa en prosa.

Entramos na parte urbana de Santiago, cidade con preto de cen mil habitantes. Lembrei o Códice Calixtino na súa pax.453:

A cidade de Compostela está situada entre dous ríos, dos que un se chama Sar e outro Sarela (xa falaramos deles en Lavacolla). O Sar está a oriente entre o Monte do Gozo e a cidade; o Sarela, a occidente. As entradas e as portas da cidade son sete. A primeira entrada chámase Porta Francíxena; a segunda, Porta da Pena; a terceira, Porta de Sofrades; a cuarta, Porta do Santo Peregrino; a quinta, Porta Falgueira, que leva a Padrón; a sexta, Porta de Susannis; a sétima, Porta de Mazarelos, pola que entra o precioso licor de Baco pola cidade.”

Atopámonos no barrio de San Lázaro. Rotonda cun monumento xacobeo. Unha chea de edificios: pazo de Congresos e Exposicións, hoteis, centros administrativos, Pavillón de Galiza, sede da S.A. do Plan Xacobeo, Campo de fútbol…; vello lazareto e capela de San Lázaro, xa no barrio antigo. Fontiñas. Concheiros, imaxinamos os pequenos comerciantes afanándose en venderlle as cunchas aos peregrinos. Vellas lendas ao redor do cruceiro do Home Santo.

“Os peregrinos, tanto ricos como pobres, que volven do sepulcro de Santiago ou que chegan a el deben ser recibidos e respectados caritativamente por todos, pois quen os recibe ou lles procura atentamente hospedaxe terá como hóspede non só a Santiago, senón tamén ao mesmo Señor, conforme di El mesmo no Evanxeo: “Quen vos recibe a vós recíbeme a min tamén” (Mt. 10,40). Houbo en tempos moitos que incorreron na ira de Deus porque se negaron a recibir aos peregrinos e aos pobres de Santiago…”(Códice Calixtino pax.463).

Baixamos pola rúa de San Pedro e desembocamos na encrucillada da Porta do Camiño. Berros. Miramos  cara ao lugar do altercado e decatámonos dunha porfía entre un energúmeno que estaba a insultar a un pobre parroquiano con cara asustada:
-Quen che deu a ti o carné? Non sabes onde tes a man dereita…Non sabes que non se pode frear de repente…
-Recórdolle que ten que gardar a distancia de seguridade.
-A distancia, contigo de un km., freas sen motivo ningún.
-Cruzouse un can…
-Acaso é máis importante o can que eu, que por pouco me mato.
-Se foi só un golpe de nada. Que o amañen os seguros.
-Iso, e eu unha semana sen coche…

E alí seguiu o nugallán a berrar, mentres o outro víase á espera de que se calmase entre tanto non chegaban os policías que levantarían o correspondente atestado.

-Mira Mikel, isto que estas a ver lémbrame un conto. Vello indio falaba co seu neto:
-Síntome –dicía o avó- como se tivese dous lobos pelexando no corazón: un aborrecido, irritado, violento e vingador; o outro alegre, cheo de amor, compasivo, bondadoso, indulxente, humanitario…
-Avó, cal dos lobos gañará?
-Aquel que eu alimente…”

Quedamos nun silencio que romperon as sereas da policía. O atasco era maiúsculo.

-Mira Mikel, mentres non poidamos cruzar, tes aí –sinalei o edificio- o antigo convento de San Domingos de Bonaval, e do Museo do pobo Galego, no que se atopa o Panteón de Galegos Ilustres, onde enterraron algúns dos persoeiros máis importantes de Galicia: Rosalía de Castro, Domingo Fontán, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas e Alfonso Daniel R. Castelao… Aquel outro edificio é o Centro Dramático Galego, obra dun arquitecto portugués moi afamado chamado Álvaro Siza.

Un dos policías deu paso aos peóns e cruzamos a estrada e a Porta do Camiño, pertencente á antiga muralla que defendía a cidade. Atopámonos xa no cerne da cidade antiga rúa de Casas Reais; por aquí asentaban o gremio dos cambiadores de moedas, bo lugar por ser o camiño dos peregrinos. Vemos á esquerda a igrexa da Nosa Señora do Camiño, de estilo  neoclásico que, xunto coa capela que estamos a ver das Ánimas, son do s. XVIII. Seguimos pola praza de Cervantes, antes coñecida como a praza do Campo (o nome víñalle pola venda de produtos do campo).
A igrexa de San Bieito, tamén neoclásica, edificio do antigo consistorio á esquerda. Baixada pola Acibechería; praza da Inmaculada e a espectacular fachada do mosteiro de San Martiño Pinario proxectada por frei Gabriel de las Casas e realizada no s.XVIII; igrexa, claustros e o resto do edificio teñen estilos das diferentes épocas da súa construción entre o s. XVI e XVIII. Estamos xa na Porta do Paraíso, hoxe coñecida como da Acibechería; inicialmente a fachada era románica e foi substituída posteriormente por outra de transición do barroco ao neoclásico.
-Na Idade Media –dígolle ao Mikel- existía aquí,  unha fonte, Fons Mirabilis, onde os peregrinos se purificaban antes de entrar na catedral. Así o conta o Códice Calixtino na súa pax.455, que imos ler:

“…Ao final dos chanzos do adro hai unha magnífica fonte, semellante á cal non se atopa outra no mundo. En efecto, esa fonte ten na base tres escalóns de pedra, sobre os que está asentada unha fermosísima cunca de pedra, redonda e cóncava á maneira de bandexa ou cunco, que é tan grande que penso que se podan bañar nela comodamente quince persoas. No medio dela está colocada unha columna de bronce, grosa na parte inferior, de sete caras cadradas e dunha altura proporcionada; no seu remate vense catro leóns e das súas bocas saen catro chorros de auga para calmar a sede dos peregrinos e dos habitantes da cidade. Estes chorros que saen das fauces dos leóns caen de contado abaixo na cunca, desaparecen baixo da terra.Así como non se pode ver de onde ven a auga, tampouco é posible ver a onde vai. É unha auga doce, nutritiva, sa, clara, excelente, morna no inverno, fresca no verán. Na devandita columna están escritas aos pés dos leóns, todo arredor, estas letras  en dúas liñas deste teor:

“Eu, Bernardo, tesoureiro de Santiago, trouxen aquí esta auga e fixen este obra, para remedio da miña alma e das almas de meus pais, o día terceiro do mes de abril da era MCLX.”

Entre as pax. 453 e a derradeira do Libro V 463 pódese ler acerca das dimensións da basílica, as fiestras, os pórticos, a xa descrita Fonte de Santiago, o adro da cidade, a porta setentrional, a porta meridional, a porta occidental, as torres da basílica, os altares da basílica, o corpo e o altar de Santiago, o frontal de prata, o ciborio do altar do Apóstolo, as tres lámpadas, dignidade da igrexa de Santiago e dos seus cóengos, os canteiros da igrexa e a fin da súa construción e a Dignidade da igrexa de Santiago:
“Non se debe esquecer que o santo papa Calixto, de feliz memoria, trasladou a Dignidade de arcebispado da cidade de Mérida, que era habitualmente a metrópole na terra dos sarracenos, e que por amor e en honor do Apóstolo deulla á basílica de Santiago e a súa cidade, e como consecuencia ordenou e confirmou por primeira vez como arcebispo da sede apostólica de Compostela a Diego, home nobilísimo, que antes fora bispo de Santiago”

-Se fago mención á fonte é porque xa non está situada nese lugar. Polo que respecta á dignidade de ser arcebispado sublíñase porque posiblemente nin Santiago sería o que hoxe é, nin o Camiño tampouco, e incluso me atrevería a pensar que teriamos outra Galiza sen este feito e, sobre todo, sen a figura do arcebispo Don Diego Xelmírez.

Continuamos camiño atravesando o Arco do Pazo cara á Praza do Obradoiro.
O Mikel situouse no medio da praza e mirou a fachada con detemento, deu unha volta de 360 graos e logo dixo:

-Que pequeno me sinto aquí.

Eu calei, mais era verdade, ante a maxestosidade da fachada do Obradoiro e os edificios do Reitorado, Pazo de Raxoi, Hostal e Pazo Arcebispal un séntese moi cativo...

Subimos os chanzos da magnífica escaleira que nos conduce ao Pórtico da Gloria, hoxe chea de andamios. Miramos unha foto que levo entre as follas do Códice e coméntolle varias cousas curiosas.

-Volveremos velo co Brais, Sabine e Iago noutra ocasión, cando estea rematada a restauración.

Entramos. O neno, olla cara arriba e tamén ao longo, e dime:

-Vou dar unha volta eu só e espérote diante do altar.

 E así o fixo, púxose a andar sen esperar unha contestación. Eu sentei nun banco fronte ao Altar Maior e pensei en todo o percorrido, no ben que o pasara, nas novas que me deparara o Mikel e tamén en que a aventura rematara…para nada vía o que tiña de fronte.

Ao rato chegou o neno:

-Imos ver o Santo.

Erguinme e seguín detrás do pícaro cara ao camarín do altar maior para cumprir co ritual da aperta ao Apóstolo. Dirixíame como se fose un experto. Chegamos diante, ou mellor, detrás da estatua de Santiago ataviado como peregrino que se conserva no mesmo lugar desde 1211.

-Grazas amigo –dixo o Mikel- por todo…

Emocionado, acariñeille a cabeza. Deille a aperta ao Apóstolo, pensei no mesmo que dixera o neno, mais non dixen nada. Baixamos  á cripta; ao fondo suponse que foi o lugar onde apareceron os restos do Apóstolo.

Santiago entre estes santos brillando
mártir insigne, columna de fe,
pola espada de Herodes entre os doce
foi o primeiro

HIMNO (C.C pax.492)

Indiqueille onde estaba o botafumeiro e mais a Porta Santa e saímos pola porta pola que entraramos para poder dar a volta á catedral e ir cara á praza da Quintana. Alí sentamos nunha terraza e saciamos a sede ao tempo que lle falaba do botafumeiro, da torre, da porta Santa e o ritual de apertura, da propia praza e tamén do xubileo nos anos santos, e da Compostela, pola que nós non mostramos interese ningún.

-Compre facer un balance, que me digas o que foi para ti esta viaxe –dixen.
-Home, así de pronto, que queres que che diga?
-Así de pronto é como tes que dicir o que pensas.
-Paseino moi ben. Descubrín un novo ou mellor un vello avó: carallán, agarimoso, trapalleiro, mestre, borrachón, xeneroso, toleirán, benevolente, mentireiro, desinteresado, enredante, doado de entender e bo… que che parece?
-Ben, demasiado ben. Vamos, un aprobado.
-Tamén aprendín a medir o esforzo a abafar menos, a gozar da paisaxe e do patrimonio, a compartir cos outros, descubrir o valor da amizade…Non me van chegar as vacacións para visitar os amigos. Ben, así de repente non está mal, eh!
-Decátaste de que ao final da viaxe só lembras as cousas positivas que che ocorreron; as negativas non quedan nin no recordo. Eu remataría dicindo “iso é o Camiño”.
-Para min foi tamén deleitarme con moitas cousas, sobre todo gozar da túa compañía, e podería repetir todos os teus adxectivos agás o de borrachón. Ademais de todo iso o Camiño paréceseme a un proceso ou proxecto vital: nace cando falo coa túa nai e escarállase coa proposición; é neno que comeza a andar cando saímos en bicicleta de Roncesvalles, seremos ou non capaces de facer o Camiño?, dúbidas incluso debido á neve, dúbidas cando vas correr o Encerro…; é escolar cando topamos con Emeterio e Amparo, cos cans e cos xabarís, coa miña pretensión de facer ler a un mentireiro; adolescente cando ris dos gardas en Burgos ou cando me contas que tes dúas noivas; adulto cando coñecemos a Ilia e máis a Lola; o Camiño vai casar na capela onde San Froilán foi anacoreta; pai cando bautiza ao seu primeiro fillo no Cebreiro e así comeza outro ciclo: neno en Sarria, escolante en Melide, adolescente en Arzúa e estudante en Compostela, onde casará e fará avó o Camiño.
-Se se fai avó en Santiago, xa non podería seguir a Fisterra? -pregunta Mikel.
-Eu desde logo non continuaría o Camiño contigo. Ao final, en Fisterra, é a morte o que lle queda ao avó Camiño para rematar ese proxecto de vida.

Quedamos en silencio, pensando no pasado, na viaxe…

-Iso quere dicir que non faremos o percorrido a Fisterra?
-Si, farémolo, mais non como continuación do camiño feito. Faremos só o Camiño a Fisterra co teu irmán e os teus primos.
-Ou sexa, que no fondo es un supersticioso.
-Polo que poida ocorrer. Nin si, nin non…
-Heille dicir ao padre Sarmiento que veña falar contigo.
-Gustaríame, si.

Deixamos o conto aquí.

-Logo han chegar Aída e Olaia coa furgoneta –dixen.

Dicir iso e velas chegar subindo as escaleiras foi todo un. Apertas, risas, bicos e todos a falar a un tempo. Pedimos novas consumicións para todos e seguimos a falar da ruta e do tempo que ía en Foz, da avoa, do avolo, de Iñaki e de Sabine e Iago, de Brais Gema e Jeroen, de Suso e Puri…de todos.

-Hoxe, para despedírmonos desta aventura felizmente rematada vou tirar a casa pola ventá para convidarvos a comer ben.

Deixamos a terraza e entre moita xente fomos andando cara ao Franco, torcemos en Correos, deixamos á esquerda a Comisaría de policía e baixamos para toparnos co restaurante S. Clemente.

-Tróuxenvos aquí porque foi onde nos convidaron a comer Gema e Lourdes cando leron a tese. Xa veredes que ben se come aquí…

Comemos ben, si señor, como diría Fole.
-Temos a furgoneta no aparcamento da praza de Galicia –dixo Aída.
-Pois vaiamos andando, que queda preto de aquí.

Así o fixemos.

-Agora recollemos a nosa bici e saímos cara a Foz –dixen.
-Diso nada –dixo Mikel. Temos que recoller o regalo que me deixou Pepe.
-Pensei que xa non o lembrabas, como a min non me deixaron ningún…
-Xa, xa…

Fomos ata a estación do tren e en consigna dixo o Mikel:
-Viñamos buscar un paquete ao meu nome: Mikel Ángel de Ruig Rodríguez.
-O paquete non é pequeno –dixo o empregado.

Mirámonos entre nós.

-Home, nunha furgoneta caberá? –dixen.
-Si, supoño que si.

Marchou cara atrás e veu…coa bici de Pepe!!! Este era o regalo, acompañado dunha carta.
O Mikel quedou coa boca aberta. Non sabía que dicir. Colleu o sobre, apartouse, leu e dixo:
-Carallóooo, este Pepe é moito…E aparecéronlle unhas bagoas polas meixelas.

Mirámonos novamente.
-Ala, agora si, camiño de Foz!

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que debería ter sabido

Lois Pereiro





3 de abril de 2012, en Lugo

Ningún comentario:

Publicar un comentario