Quedaba unha reserva de
saudade
entre as últimas rosas.
Luz
Pozo Garza
-Lembro, polos debuxos da televisión que
estabas a ver antes, cando a túa nai e o teu tío eran coma ti; sempre estaban a
pelexar. O teu tío, cando choraba a túa nai por que lle empurrara, dicía:
-É que ela empezou
primeiro.
E a túa nai
contestaba, nunca quedaba calada:
-E el, segundo.
-Sempre a armaban.
Só tiñamos un momento de tranquilidade cando vían na TV os pallasos Gabi, Fofó, Miliqui e Miliquito. E, por
suposto, sempre prendiamos a TVE para que a visen e así nós poder descansar. Ti
sabes as cancións porque as mercou túa nai para vós: “Como están ustedes!!!
-Ben!!! (contestou
Mikel) e seguiu: “Ola D. Pepito!, ola D. José! Pasou vde. por casa? Pola casa
eu pasei…
-Brais tamén as
sabe. Cantámolas moitas veces cando imos no coche de viaxe… Así que a miña nai
era traste?
-Non lle digas que
cho contei eu, senón rifa comigo. Ben… fai como queiras, unha mentira non é.
Mais non te aproveites diso, eh!
Xa estabamos na calle Estafeta, camiño por nós xa coñecido. Dela chegamos a Mercaderes e á praza onde está o
Concello. Continuamos cara á calle Mayor,
Avda. del Ejército, Vuelta del Castillo (preto
da Ciudadela), posteriormente cruzamos a Avda.
Sancho el Fuerte e seguimos cara á Universidade de Navarra (institución
privada); cruzamos a ponte de Acella sobre o río Sadar e, anda que te andarás, ou mellor, pedal e pedal, chegamos a
Citur e recreámonos coa xoia románica
da igrexa de S. Miguel, pechada como case todas.
-Pola porta é
románica –di Mikel.
-Por que o dis?
-Por que ten a
forma así (e fai co dedo polgar un aceno semicircular).
-Bravo!
Levanta a man e fai
o sinal da vitoria.
Montamos na
bicicleta e seguimos camiño con ganas de saír e deixar tanta urbanización
atrás.
Chegamos a
Guenduláin, miramos para as ruínas do palacio e lembramos a lenda que nos di
que alí se toparon Carlomagno e o caudillo musulmán Aigolando, vencido e morto
en batalla. Comeza a subida ao monte do Perdón. Antes parada en
Zariquiegui.-Esta igrexa que é, avó, románica ou gótica?
-Supoño que foi
feita nunha época na que remataba o uso do estilo arquitectónico románico e
aínda non estaba definido o gótico. Uf! Que leria! Ben, entre o románico e o
gótico. Entendes?
-Creo que si.
-Fíxate que o arco
é algo apuntado, mais pouco apuntado. Saca a pizarra que o debuxamos e verás
que está entre un e outro.
Sacou a pizarra e aínda tiña o debuxo que
fixera en Roncesvalles e eu pinteille un arco no medio dos dous.
-Por que debuxaches
unha nena na porta románica. Digo nena por que leva saia. E dous nenos na
portada gótica.
-Non dicías que o
románico é máis antigo que o gótico.
-Si, mais iso que
ten que ver?.
-E non é máis
antiga Sabine que Brais e Iago.
-Está ben, está ben
–dicíalle mentres ría con ganas. Non é que sexa máis antiga, é máis vella en
todo caso. De todos os xeitos non está nada mal a idea e o comentario…
Deixamos atrás o
bonito pobo de Zaraquiegui e intentamos a ascensión ao monte de El Perdón. Logo de andar uns douscentos
metros decatámonos que nin baixando da bici ía ser doado facer o camiño pola
senda do Camiño. Demos media volta e intentámolo bordeando o monte pola estrada, bastante máis longo pero máis
axeitado para o noso vehículo. De todos os xeitos, chegamos ao alto do monte
con esforzo e suando. Baixámonos da bicicleta e pensamos en comer algo e botar
un grolo.
Inmensa a paisaxe
que se percibe dende o alto de El Perdón,
entre o val de Pamplona e o val de Valdizarbe.
Facemos as
consabidas fotos agarrados ao rabo do burro e cabalo respectivo e metémoslle a
man na boca ao can, nas esculturas de ferro presentes no monte.
Cóntolle a Mikel a
historia, máis ben lenda, do peregrino que pasou por aquí e que lle saíu o demo
ao paso para tentalo, medio moribundo e co antídoto do rezo rexeitou as ofertas
do demo e, en premio á lealdade divina e coa axuda de Santiago, comezou a manar
auga dunha fonte; fonte que por problemas de corremento das fallas hoxe non ten
auga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario