domingo, 28 de decembro de 2014

XV. Lázaro



…coa esperanza por bandeira
que algún día a razón, ha lucir como debera

B.Iglesias (Mero)


Chegamos a un lugar no que temos que tomar unha opción pois hai dous posibles camiños. Continuamos pola máis tradicional que se van xuntar en Los Arcos, segundo as miñas anotacións. Zona bastante alterada polo urbanismo e as vías de comunicación con algunha que outra terra de labor e un bo número de carqueixas.

-Mira Mikel, estas son as carqueixas, delas falaba marabillas o Frei Martín Sarmiento, frade galego estudoso das plantas, entre outras moitas cousas. Dicía que era un arbusto erecto moi ramificado e con flores amarelas (nesta época non podemos velas); as follas están estarricadas ao longo do talo como podes ver.


A partir de Arqueza subimos, entre viñedos, ata  Villamor de S. Monjardín. No cumio aprécianse os restos dun antigo castelo. Vemos de paso unha igrexa románica con torre barroca. Pena de hora para degustar o bo viño da zona, digo bo pola cantidade de viñedos. Continuamos baixando ata toparnos cunha fonte que
nos serve de descanso temporal (o tempo que nos leva baixar da bici e beber).

-Como temos unhas pistas asfaltadas, cómodas para a bici, ata chegar á Los Arcos, imos aprender algúns dos sons que non tes en holandés, por exemplo ch (escribinllo na pizarra). Acórdaste do conto do tren? Que son tiña, que facías cos cóbados e as mans?: Cha, cha, cha… Así sería co a. Engádelle o a ao ch. Agora fai o mesmo co e: cheeee. Escríbeo. E fai o mesmo co u, o, i. Ben, agora pensa nunha palabra como che a, chea (de viño ou de auga, ou de gusanitos…). Cha pa, chapa. Moi ben. Lémbrame que cando cheguemos a Los Arcos xoguemos as chapas.

Pedal máis pedal fomos chegando ao pobo.
Entramos en Los Arcos, de orixe romana, polo lugar de San Vicente cara á praza Mayor. Alí descansamos, aparcando a bici ao pé dunha árbore, e  tomamos asento nun banco: gozamos do legado histórico todo el xunguido ao peregrinar a Santiago ao tempo que comiamos.

Aínda nos quedan restos de embutidos da querida Amparo, penso que hoxe remataremos con eles. Quedaranos  máis da metade do queixo.

-Que queres beber, Mikel?.
-Un zume de piña.
-Espera aquí que vou a ese bar a mercalo.

Cando volvín o Mikel xa se enrollara cun colega.

-De onde sodes? -preguntou o neno.
-Depende (contestación propia de galegos, ou iso din)… É unha broma, eu son de Lugo –díxenlle- e este de Lugo e de Goringen (Holanda), alí vive.

Non preguntou que faciamos por alí, xa daba por suposto que eramos peregrinos, daquel xeito.
Xa se tiñan contado como se chamaba cadanseu.

-Mira avó este neno chámase Lázaro.
-Segundo as miñas notas, aquí houbo un hospital de peregrinos que se chamaba de S. Lázaro.
-Díxome que era do Barsa, coma Brais e coma min.
-Mellor, que así non discutides.
-Queres tomar algo con nós, Lázaro? -pregunteille (asentiu coa cabeza).  Que queres para beber?
-Zume de pexego.
-Ben vou por el.

Curioso é como se entenden dous nenos falando idiomas diferentes. Falaron de Messi e das habilidades de cada un co balón. Dos equipos nos que xogaban. Mikel contoulle que el estaba nun cromo, tamén o seu equipo, que os regalaban no supermercado segundo a cantidade, ou mellor, o gasto que fixeras, e dese xeito ías completando o álbum cos nenos, ah! E coas nenas, que, por certo, o Messi do su equipo era unha nena.

Ao rematarmos de comer e beber propúxenlles xogar coas chapas dos zumes. Eles nunca tal fixeran. Debuxeilles unha serpe no chan de terra e expliqueilles que tiñamos que ir dándolle a chapa co dedo paidetodos e o matapiollos, xuntando os dous e soltándoos rápido para impulsar as chapas desde a cola ata chegar á cabeza; se saías fóra das liñas do debuxo tiñas que volver á cola da serpe. Saímos todos, mais ao final gañou Lázaro. Eu alegreime porque o Mikel ten moi mal perder e así non se atreveu a montar ningún numeriño, xa que tiña que demostrar que era todo un home. Aplicáronse ben, e daban saltos cando a chapa quedaba fóra da serpe, e aplaudíanse cando atinaban.

-Imos dar unha volta pola vila, se queres poder vir connosco –díxenlle a Lázaro.
-Teño que pedirllo á miña nai. Sempre me di que non fale con descoñecidos.
-É un bo consello.
-Vivo nesa casa. Voulle pedir que me deixe ir con vós ata a rúa Mayor.

Esperamos onde estabamos, mentres seguiamos coa vista a Lázaro.

Abriuse unha porta e apareceu unha muller loura, duns corenta anos, cuns ollos grandes e verdes como os de Lázaro. Mirou para nós un rato, como estudándonos, toda seria; falaron os dous, sorriunos e o neno deu a volta cara a nós e a saltos veu correndo. Saudámola coa man e andamos ata a rúa Maior. Chegamos diante da igrexa de Santa María, que ten uns elementos na súa arquitectura propios do século XII e ata do XVIII. A portada plateresca que nos leva ao interior cun retablo pétreo e un coro de sillería maxestosa. A torre, que logo veremos de lonxe, cando saiamos do pobo e miremos cara atrás: planta cadrada rematada cun piso octogonal e por riba cunha lanterna, toda adornada cun balcón onde se encontran catro columnas das que parten arcos botantes que parecen termar do derradeiro tramo da torre.

Saímos cara a praza Mayor e imos vendo palacetes que nos fan pensar na importancia da vila no medievo e nos séculos renacentistas.


Despedímonos de Lázaro, pedímoslle o enderezo para mandarlle as fotos que nos fixemos nese rato tan agradable na súa compaña. Bicos, e a promesa de mandarlle os cromos repetidos do equipo de Mikel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario