Las virtudes de la mandrágora se asemejan a las del
beleño y de la belladona.
Fue muy utilizada en la Edad Media.
Propiedades: Vomitiva, analgésica, sedante,
hipnótica y venenosa.
Angel García Sanz
Chegamos a pasar por baixo do arco de triunfo das ruínas do convento de
S. Antón. Baixamos da bici e díxenlle a Mikel:
-Polo que lin, antes de vir, has
saber que este convento foi fundado por Fernando VII no s. XII para que os
monxes antonianos tratasen aos
enfermos do mal de San Antón, tamén chamado “lume sagrado” que producía unha
gangrena infecciosa pola inxestión do cornizó do centeo (ergotismo). Este foi o
primeiro convento en España dedicado a esta enfermidade: convento de San Antón
en Castro Xeriz (Castrojeriz), aínda
que o pobo se atope a dous km.
Para atacar a enfermidade cortábanse os membros nos casos gangrenados.
A terapia era a base de rezos, levar amuletos benditos e inxerir infusións de
herbas. Os pais antoninos levaban o
distintivo “T azul” sobre a túnica.
Algunha narración anónima di “A
primeira noticia fidedigna que se ten data de 1093, na cidade francesa de
Dauphine onde está enterrado S. Antón,
famoso polas súas visións demoníacas, defensor da epilepsia, o lume
sagrado… Mesturábase a relixión, o esoterismo e as infeccións”.
A Epidemia máis grande deuse en Francia, onde morreron corenta mil
persoas no pobo de Pont Saint Esprit. Tamén se chamou “enfermidade dos pobres”.
Como producía abortos, ao decatarse de que se ocasionaba pola inxestión
do cornizó do centeo, utilizouse, posteriormente, e en pequenas doses, como
abortivo.
No Camiño de Santiago ocorría algo curioso: ao chegaren a España
tomaban pantrigo, entón curaban, se a enfermidade non estaba moi avanzada. Este
milagre atribuíanllo á intercesión do
Apóstolo Santiago, dese xeito o poder do santo medraba considerablemente. Claro
que ao chegar ás súas casas en Europa volvían enfermar ao tomar de novo pan de
centeo (…sempre lles quedaba Santiago).
No libro, escrito polo profesor e ilustre mindoniense de adopción D.Ángel
García Sanz, Plantas curadoras en el
Camino de Santiago comunes al hombre y ganado fálanos dunha morea de
plantas. Imos recordar tres delas das que temos a seguridade que os monxes antoninos coñecían e utilizaban para curar aos enfermos. Outros as usarían
con outros fins, menos solidarios.
A primeira leva o nome do pobo
onde che dixen que vira os primeiros porcos bravos Beleño (o mapa sinala a
existencia desta planta por aquel contorno):
Beleño negro ou meimendro negro, sábese que
foi utilizada en Babilonia e en Exipto para loitar contra a dor de moas. Na
Idade Media como anestésico. Shakespeare, en Hamlet, narra a morte do seu pai
en mans do seu irmán introducindo gotas de beleño
no seu oído. Nostradamus incluíaas nas súas fórmulas máxicas a
base de preces e meigallos…Existe a crenza de que este vexetal foi utilizado
xunto co opio por pousadeiros desaprensivos para provocar o sono aos peregrinos
e, deste xeito, roubarlle as súas pertenzas e logo trasladalos a lugares
afastados e descoñecidos. Utilizada en pequenas doses podíase usar para curar a
asma, os gabuñóns, estrinximento, insomnio e calquera outra dor.
O doutor Perelló, a propósito da disfonía
hipercianética, e entre outros tratamentos, recomenda: cloruro de calcio,
beladona e o beleño; como ves, aínda
hoxe, en pequenas doses é curativa.
Bistoria que, en po, cicatriza as feridas e cura as chagas de mal aspecto; a ruda utilizada contra dos velenos
mortíferos. Seguro que os monxes antoninos
as utilizaron para curar o lume sagrado.
Decadencia e esplendor. Desamortización. Abandono. As asociacións de
peregrinos tentan recuperar o mosteiro…Por tanto estamos nun momento de
esperanza…
Castrojeriz é unha vila que ten sido moi
importante, e coma o convento, tamén a vila está pasando por unha fase
de recoñecemento e de rehabilitación. Ademais do seu pasado medieval, ten uns
importantes restos romanos e visigóticos. O seu castelo foi un baluarte
importante do condado no seu momento. Colexiata de Santa Mª del Manzano do s.X. A imaxe policromada da Virxe do s.XIII
foi citada polo rei Alfonso X o Sabio
nas Cantigas co nome de “Santa María
d´Almacán (con cedilla no c), é
dicir del Manzano. O templo actual,
gótico, ao que se foron engadindo outros elementos dos séculos posteriores.
Destaca a portada oxival e o seu espectacular rosetón. Tamén ten imaxe de
Santiago peregrino.
Pouco máis de mil habitantes. Casas brasonadas, igrexas, historia. A
igrexa de San Esteban reconvertida en
centro cultural e albergue de peregrinos.
Preguntando conseguimos unha habitación nunha casa particular. Un
matrimonio maior, discreto e servicial. Unha habitación limpa. Ducha e baño.
Cena nunha tasca a base de bocadillos. Deambular pola vila.
Vila castelá, ninguén pola rúa. Frío. Imaxinación doutros tempos,
xentes, mercados, ruídos…Silencio. Sentimos os golpes das nosas botas contra o
chan…
Sentamos baixo un farol. Noite estrelada… Lembro uns versos de
Baldomero Iglesias “Mero” dun poema
que el titula: Debaixo das estrelas.
E recítollo ao Mikel de memoria:
Si, meu fillo,
o avó tamén foi mozo algún día
e foi pícaro e xogou a correr
as bolboretas.
Si, miña filla,
e algún día desteceu os
amenceres
e gardou na memoria os
contornos das estrelas,
as mesmas que ti miras.
Eu tamén
anoitecín buscando as fábulas
dos soños
e a luz do sol enorme, nun
solpor de primavera.
- Mira cantas estrelas. Son milleiros e milleiros. Forman galaxias e
galaxias. O noso Sol é unha estrela coma esas. A Terra, onde vivimos xira ao
redor do Sol, con outros planetas. A Lúa xira ao redor da Terra. Por iso é
lóxico que exista vida nalgún outro lugar.
- Como ET: “a miña casa…”
- Pode ser, ou iguais ca nós. E
como eles non estean máis adiantados, dá a impresión, que non nos coñeceremos.
As distancias mídense por anos luz (a
distancia que percorre un raio de luz nun ano). E son moitos anos luz dunha estrela a outra e moitos
máis dunha galaxia a outra.
- Mira, o faro vai ser o noso Sol; eu vou a ser a Terra (póñome a andar ao redor da farol. Agora
ponte a correr ao meu redor…iso é, agora ti es a Lúa. Que che parece?.
-Ben, no verán, na praia habemos
poñer de planetas e satélites ao Brais, a Sabine e a Iago; e tamén a avoa, a
papá e a mamá.
Poñémonos a andar cara á casa onde pasariamos a noite, aínda que polo
camiño atopamos unha casa coñecida.
-Esta casa penso que é a que está a restaurar Paolo Caucci, catedrático
italiano da Universidade de Perugia, estudoso e amante do Camiño. É presidente
dunha Asociación de Peregrinos. Estiven invitado na súa casa en Perugia no ano 2006. A reforma está a
dirixila a súa encantadora dona, que por certo e arquitecta e cónsul. Un
recordo agarimoso para esta familia que tan ben me tratou e a esperanza que
algún día lle poida corresponder.
E con estas imos para a cama, que tanto nos reconforta. Teño que ir
pensando nun conto, o Mikel non mo perdoa. Pode ser:
O Sol e a nube
O Sol viaxaba no ceo, ledo e
glorioso no seu carro de lume, lanzando os seus raios en tódalas direccións,
con grande rabia para unha nube de humor tempestuoso, que rosmaba: …(pax.88
CONTOS Ó TELÉFONO de Gianni Rodari)
Despedida da boa xente que nos albergou na súa casa. Almorzo simple:
cafés con leite e unhas galletas. Comeremos antes, xa que partimos máis cedo
que en ocasións anteriores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario