venres, 14 de agosto de 2015

XLVII. Milagre



Sentamos nun banco da igrexa e lembro aqueles versos de Uxio Novoneyra:

Irei ó Santo Milagre
irei á Nosa Señora
irei como meu pai fora
por endelado do agro
e polas gradas do monte,
bebendo de fonte en fonte…

A igrexa de Santa María a Real de o Cebreiro, onde descansamos e contemplamos, ten tres naves e cuberta de madeira e ábsida rectangular. Conserva a planta primitiva, prerrománica do s. IX ou X. O material é de lousa da zona, agás as pilastras e mais os arcos de cachotería de granito; pequeno atrio e torre baixa. Á dereita do altar maior atópase a capela do Santo Milagre coa Virxe dos Remedios (Santa Mª a Real), talla do s. XII con moita vida, inclinada sobre o Neno ao que parece protexer coas súas mans, e non hierática e fría como as do común románicas; a tradición reflicte a historia da inclinación e da expresividade por mor do Milagre.


-O Milagre explicoumo o meu profesor de Xeografía e Historia, do que xa che falei, D. Antonio Fraguas, alá pola década dos cincuenta, na miña primeira excursión cando estudaba segundo de bacharelato, aquí nesta igrexa, máis ou menos deste xeito: “Había un veciño de Baixamaior, alá polos anos de mil trescentos, que fixese o tempo que fixese sempre viña a misa. Un día con tempestade de neve o home chegou á igrexa, despois de moitísimo loitar coa neve, cando o monxe estaba consagrando a hostia e o viño, ao ver ao parroquián pensou para si con menosprezo:!Que fai aquí este home co tempo que vai só para ver un pouco de pan e viño! Entón ocorreu o Milagre o pan converteuse en carne e o viño no sangue de Cristo…”

A memoria histórica e mais o culto eucarístico está sendo promovido hai tempo desde a “Fundación do santo Milagre do Cebreiro” administrada  por persoeiros de acreditada importancia na cultura xacobea, como Laurie Dennet, peregrina británica que ten sido presidenta da Confraternity of Saint James, asociación xacobea inglesa que é dona e xestiona un albergue en Rabanal del Camino e outro en Miraz (Friol- Lugo)

Despois de explicarlle o que é e o que representa a igrexa dun xeito sinxelo, sinálolle a tumba onde está enterrado D. Elias Valiña Sampedro.

-Mira, o personaxe que está enterrado aí chamado “o cura do Cebreiro” (consulto os meus apuntes) naceu no lugar de  Lier (Sarria), preto de aquí, no ano 1929 e faleceu con sesenta anos no Nadal de 1989. Aos doce anos ingresou no seminario de Lugo e ordenouse cura en 1953. En Comillas licenciouse en Dereito Canónico. Nomeado cura párroco do Cebreiro en 1959, parroquia a que lle dedicará a súa vida, doutourouse na Universidade Pontificia en 1965 coa tese “El Camino de Santiago. Estudio histórico jurídico”
Puxo ao Cebreiro no mundo con charlas, conferencias escritos…No ano 1984 emprendeu a sinalización do Camiño utilizando as famosas frechas amarelas que tantas veces viches (o porqué de amarelas hai varias versións, entre elas unha que di que lle regalaron a pintura de estradas, a que se  utiliza nas sinalizacións provisionais…; a min é a versión que máis me gusta) e que se converteron no símbolo máis importante do Camiño. Enumerou quilómetros, delimitou, recuperou…promoveu estudos sobre o Camiño, potenciou o asociacionismo dos Amigos do Camiño; todo iso sen esquecer a recuperación arquitectónica do contorno e o desenvolvemento social e, sobre todo, económico dos habitantes do poboado chamado O Cebreiro. E para rematar dicir que predicou co exemplo: estudo e traballo. É o símbolo do renacer do interese do Camiño na segunda metade do s. XX.
É moi interesante o libro biográfico escrito polo xornalista Lois Celeiro.
Que che pareceu, Mikel?
-A igrexa, bonita; ao cura non me importaría axudalo coa brocha se vivise, sería divertido. A escultura que hai a entrada é a del? Ten traballado moito e estudado máis…
-Si, ese era Elias Valiña Sampedro.
-Imos dar unha volta polo pobo. Quero ver esas casas tan redondas.
-Chámanse pallozas. Imos logo.

Saímos da igrexa e percorremos o poboado. Iamos de vagar.

-Mira, é un conxunto de vivendas prerrománicas, adaptadas ás condicións climatolóxicas e á forma de vida da zona. Menos mal que non lles deu por facer casas modernas que esnaquizasen a configuración do contorno. Foron rehabilitadas a partir da segunda metade do século pasado. Non teñen forma circular, máis ben oval, con muros de pizarra e algo de cachotería de granito. A cuberta é de palla de centeo, “colmo”. Só teñen unha porta, algunha dúas pequenas e unha fiestra pequeniña. No interior hai un ou dous apousentos no sobrado, unha lareira (lugar onde se facía o lume e máis a comida),  e as cortes. Convivían baixo o mesmo teito persoas e animais. Como ves son seis, e unha está dedicada a museo, ímola ver e así dáste de conta de como vivían os veciños.

Alá fomos e funlle explicando, polo miúdo, o tipo de vida, as diferentes ferramentas e os animais que convivían -nunca mellor dito, “convivían”- coas persoas. Tamén lle contei que antes da construción do albergue usábanse para dar cama ao peregrino. Hoxe teñen outras funcións, entre elas a de  restaurante, bar, tenda de souvenirs…

-Como podes ver –díxenlle ao Mikel- O Cebreiro é un lugar moi visitado; hoxe parece unha feira. A vista panorámica que vemos é única: podemos apreciar pradarías, aldeas, montañas… historia, lendas, cultura… principio do fin para uns; principio da peregrinación para outros.

O visitante decatase pronto de que entrou noutro país con clima atlántico: veráns húmidos e frescos, invernos con chuvia, vento, neve, aínda que maioritariamente con temperaturas temperadas; vacas rubias; os mil ríos; e pedra, pedra…, canteiros:

O teito é de pedra
de pedra son os muros
i as tebras,
de pedra o chan
i as reixas,
as portas, as cadeas, o aire,
as fenestras, as olladas
son de pedra.Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están tamén de pedra. I eu, morrendo
nesta longa noite de pedra.

Celso Emilio Ferreiro


-Ben, agora Mikel, temos que pensar en comer algo e logo continuar o noso camiño cara a Compostela.
-Si, xa vou tendo fame.

Metémonos nun dos restaurantes do poboado. Baixamos unhas escaleiras para o bar. Preguntamos pola comida; indican o comedor e para alá imos.
Miramos na carta.

-Eu quero caldo e costelas de porco –dixen.
-Eu sopa e raxo -pediu o neno.

A pousadeira apuntou no libreto e dixo:
-E para beber?
-Un zume frío,  auga e unha cervexa. Pedín ben? –dixen mirando para o neno.
-Pediches. O que non entendo é que cambiases o viño pola  cervexa.
-Aínda sigo a ter sede.
-Eu tamén, heiche tomar algo da túa auga.
-Toma, que se non chega pedimos máis.

Comemos con ganas. Había moito barullo no comedor e apenas podiamos falar. De sobremesa  queixo do Cebreiro (aínda que non fose recomendable por mor do colesterol) e un flan da casa. Café e xeado.

-E agora emprenderemos camiño a Triacastela, que será onde durmiremos. Que che parece?
-A min ben, de todos os xeitos, ti es quen leva a rosa dos ventos e mais o temón… Non poñas esa cara, xa sei que te deixei abraiado. De algo valeu o moito que falei co capitán da mercante.
-Xa, Xa. Por certo, non fomos quen de preguntarlle como se chamaba.
-Tiña tanto vivido e tantas experiencias que nos engaiolou e non gardamos as formas…Cada vez falo máis pijo eh!... ata me asombro eu. Non sei se me entenderá Brais. Por certo témolo que traer ata aquí a el e a toda a vasca…
-Si, podemos facer unha excursión desde Foz cando cheguen Sabine e Iago.

-A min non me importaría pasar uns días percorrendo estes vales. Ímoslles preguntar aos nosos parentes cando fan a festa no Cebreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario