Arrimadiño
a unha pena,
púxenme
a considerare
os
traballiños que pasan
os
mariñeiros no mare.
(Cantiga
tradicional)
Montamos na bici
pensando en baixarnos dentro de tres ou catro km. e seguir a pé por mor da
costa. Comezamos cunha pequena pendente, abandonamos a nacional VI para
percorrer unha estradiña ata chegar ao cruce que nos leva as Herrerías de Valcarce cunha poboación
diseminada en tres lugares. Como nos indica o nome tivo ferrarías no seu tempo
(ata principios do s.XX), aínda hoxe se pode apreciar o edificio dedicado a
fundición do ferro do mineral procedente das minas do Caurel. Tamén podemos
visitar a antiga fragua da Casa do Ferreiro.
Un dos lugares dos
que falamos chámase Hospital, e chámase así por ter sido un hospital inglés
documentado no s. XII e XIII e citado nunha bula do papa Alexandre III no ano
1178.
A igrexa parroquial
barroca, como case todas está pechada e contan os apuntes que ten un Cristo do
s.XVI.
Almorzamos, temos
necesidade de tomar un bo café:
-Queremos un café
dobre e un bocadillo de xamón.
Comemos unhas
galletas mentres partimos o bocata pola
metade. Estabamos serios e falabamos pouco.
-Eu quixera ir polo
camiño e non pola estrada, para iso temos que tomalo con calma, con calma chicha (como din os mariñeiros),
vaiamos devagar, ti que dis?
O Mikel miroume co
seu sorriso e dixo:
-Paréceme ben, mais
non me pidas logo que te leve no colo…Xa sei que quizais sexa o treito máis
duro co que nos enfrontamos. Polo menos
imos intentalo.
Unha lombeira fai
que, non só custe andar polo asfalto, senón que custe moito máis tirar da bici.
-Tranquilo avó que
temos todo o día para esta subida.
Lembrei a parte do
artigo firmado por Paolo Cauci von Saucken (Reitor da Confraternita de San
Iacobo de Compostela-Perugia) na Revista Peregrina.:
“…Son os peregrinos os que establecen etapas,
necesidades e esixencias. As
infraestruturas nacen despois. As máis auténticas nacen do mesmo Camiño, como
ocorreu nos anos setenta cando don Elias Valiña abriu a súa casa, as pallozas e
o seu corazón aos peregrinos que chegaban ao seu querido Cebreiro desde os
vales do Bierzo. Elixiu para eles, xunto a eles, os mellores camiños, sen
abandonar a verdade histórica nin as tradicións locais que conservaban a
memoria do Camiño…”.
Tamén lle expliquei
ao Mikel como cheguei a coñecer a estes dous persoeiros: Paolo Cauci e don
Elias Valiña. Co primeiro gardo amizade persoal ao segundo só recordo del a súa
figura delgada e quizais xa enferma, falándonos na súa igrexa do Cebreiro do
Milagre alá polos anos sesenta.
Remata o asfalto e
continuamos pola senda. Topamos cun peregrino que leva un burro polo ramal.
-Por este camiño
van mal deberían ir pola estrada.
-Xa sabemos, xa;
mais preferimos coller por esta senda.
-Se quere, o burro
pode levar ao neno.
Eu miro para Mikel
e indica o non co movemento da
cabeza.
-Non grazas, teño
que axudar a tirar coa bici ao meu avó, que xa está vello e cascado.
-Pois nin parece
tan vello, nin parece cascado –di o
peregrino.
-Pois a súa filla, que é a miña
nai, encargoume que coidara del ,que ás
veces non é ben.
Arrimei a bici a
unha árbore e o neno escapou correndo e dicindo.
-Xa o ve, e as
veces agresivo! Teña coidado con el!
O peregrino miroume
daquela maneira.
-Non lle faga caso,
que é un trapalleiro, e está a tomarnos o pelo. Tome un grolo deste viño que
fai esquecer as penas. Ven Mikel, toma esta mazá.
O neno veu sen medo
ningún e o peregrino decatouse que entre neto e avó había bo rollo.
Falamos un bo rato
e contounos que era capitán da mariña mercante, que tiña sucado todos os mares
e atracado nos portos máis importantes do Mundo.
O neno preguntoulle
moitas cousas. Grandes animais mariños, o Titanic, os submarinos, os
grumetes…As dúas últimas foron:
-Como se pasa por
unha canle como a de Panamá? É que, este meu avó, levoume a min e máis ao Brais
(meu irmán), a unha exposición que hai nun pobo preto de Amsterdam onde
explican como se fixo o Canal de Panamá: barcos, paleadoras, material e
máquinas utilizadas…ata o número de persoas que morreron na súa construción.
Pois non sei se sabe que o Canal de Panamá fixémolo os holandeses.
Isto último dixo
con orgullo mirando para min. Eu sorrín.
-O que tes que
facer para atravesalo é pedir permiso para pasar e despois poñerte a cola, ata que chegues ás esclusas: son como caldeiros grandes;
entras nelas co barco, énchense de auga e o barco sobe coa auga, cando está a
altura da outra pasa o mesmo, ata que xa podes navegar polos lagos cara ao
outro océano.
-Mira Mikel voucho
debuxar na pizarra: barco, esclusa, auga…
-Así se entende
ben. Hei de facer un experimento na praia e ensinarlle ao Brais como se pode
subir cun barco como estamos subindo, incluso máis sinxelo, xa que non teñen
que suar coma nós.
-Xa, mais en lugar
dun carreiro habería ter unhas infraestruturas moito máis importantes -díxenlle
eu.
-A derradeira
pregunta que me gustaría facerlle é: como se defende un barco grande cando hai
unha enorme tormenta e as ondas son de moitos metros?
-Este neno é moi
listo…Boa pregunta. Mira, é simple, ponse rumbo contra as ondas e os motores
funcionan de tal xeito que o barco vai a modo, moi a modo, ata que mellora o
tempo ou queda atrás a tormenta. Con todo, o medo é libre e sempre se pensa
mal, hai que ter moito coidado… e sorte.
-Tamén é curioso,
que esteamos a falar de barcos e mar subindo polo Camiño cara ao Cebreiro.
Menos mal que
levamos tamén auga que nos da pulo para seguir. Cruzamos o regato de Refoxo,
dura subida entre soutos e carballeiras que nos achega á Faba, pobo documentado no s.XIII co nome de Villa de Urz o Villa de Us, poboación diseminada, e continuamos por un carreiro
ata chegarmos ao derradeiro pobo leonés La Laguna de Castilla, a 1170 m . Pouco queda xa de
subida, porén temos que dicir co Pai Antonio
de Yepes (s,XVII): “…Un dos lugares máis agres e difíciles que topan os
peregrinos son estas montañas do Zebrero,
pola súa moita rudeza e altura, fríos e neves e incomodidades, coas
dificultades da subida e baixada. E así foi moi grande providencia dos reis de
España poñer naquel alto cumio un hospital para socorrer e doar aos pobres
peregrinos, e aínda aos ricos, que cando rematan aquela costa chegan arquexando
e rebentados.
E así chegamos ao
Cebreiro.
-Agora que estou
vendo meter o burro no remolque acordo dun conto de procedencia oriental
chamado La fábula del abuelo, el nieto y
el burro contado por terras de Castela, isto é:
“Certo día ían para a cidade un avó co seu neto a vender
un burro na feira. Ao saír o avó dille ao neno que vaia camiñando ao carón do
asno para non cansalo e que así teña mellor presenza para vendelo mellor. E
aparecen uns camiñantes que din:
-Que parvada que o neno camiñe ao lado do burro, pobre
neno debía ir riba del.
Entón o avó dille ao neno que monte no burro.
Máis adiante atopan outros camiñantes que din:
-Xa está ben, o neno que é novo vai no burro e o avó que
é vello vai camiñando.
O neno baixa do burro e monta o avó.
Seguen a andar e máis tarde encontran outro grupo de
xente que di:
-Porque non irán ambos os dous no burro.
Ao velos, outro grupo manifesta:
-Pobre burro os dous enriba e o burro renqueante.
Míranse o avó e o neto di:
-Ti que pensas, avó?
-O mesmo que pensas ti. Que nos importa un carallo o que
pense a xente. Imos facer o que nós creamos o correcto.
Hai outra versión
na que incluso despois das derradeiras críticas deciden levar o burro ás
costas. A conclusión é a mesma. A min gústame máis a primeira versión. E a ti?
-A min tamén. Iso
de cargar co burro debe ser un pouco estresante. De tóodos os xeitos eu penso
que o vello ten razón: a xente que coide da súa casa e deixe gobernar a cada
quen a dos outros.
Despedímonos do capitán;
deixa o Camiño para rematalo noutras vacións. Un seu irmán vén buscalo cun
remolque de levar cabalos. Leva percorrido preto de cincocentos km.
Ningún comentario:
Publicar un comentario