E no centro do cume
do castro derruído
oulean libres á lúa.
Carmen Blanco
Andamos, tirando da
bici e a pé, ata chegar ao castro, subimos ás súas murallas e desde alí
contemplamos, máis ben recreámonos coa contemplación dunha paisaxe única pola súa
beleza e pola súa extensión, xa que
abranguía todos os concellos limítrofes.
-Mira, o Camiño vai
pola estrada, cando o lóxico, e eu penso que así foi noutra época histórica,
sería achegarse ao castro por ese camiño que ves. Desde a muralla, que ten unha
altura cara afora duns cinco metros, vemos ben o castro. Fíxate na muralla, co
exterior case perpendicular e por dentro como se estivsea escalonada. É moi
interesante esta portada; parece máis propia dunha muralla romana ou mesmo medieval,
ademais de pouco habitual nun castro. Comunica con outros espazos tamén
amurallados e circulares, posiblemente para recoller os animais.
Estivo poboado entre o século V a.C. e o I d.C. (sábese polos restos aparecidos, cos que por medio de análises nos proporcionan a súa antigüidade, tipo de comida, vestidos, armas, utinsilios…) Imos baixar para que vexas as casas escavadas. Mira para as súas rúas; ves ben esa lousa que debía ser para a lareira e coida da lousa que cerra a porta das casas? Os arqueólogos din que posiblemente marcharon de aquí por algunha motivación, pero coa intención de volver. É como se marchasen de viaxe e pechasen a casa para encontrala á volta como a deixaran. Sería interesante que continuasen coas escavacións; posiblemente poderíase convertelo nun dos castros máis importantes de Galiza. Como ves, así vivían os indíxenas galegos antes da chegada dos romanos. Por certo, a ocupación dos romanos non foi cruenta, pois permitiron que seguisen vivindo nos seus castros; outra cousa foron os suevos, época na que se despoboaron todos eles, aparecendo as aldeas e posiblemente as parroquias… mais esa é outra historia.
Estivo poboado entre o século V a.C. e o I d.C. (sábese polos restos aparecidos, cos que por medio de análises nos proporcionan a súa antigüidade, tipo de comida, vestidos, armas, utinsilios…) Imos baixar para que vexas as casas escavadas. Mira para as súas rúas; ves ben esa lousa que debía ser para a lareira e coida da lousa que cerra a porta das casas? Os arqueólogos din que posiblemente marcharon de aquí por algunha motivación, pero coa intención de volver. É como se marchasen de viaxe e pechasen a casa para encontrala á volta como a deixaran. Sería interesante que continuasen coas escavacións; posiblemente poderíase convertelo nun dos castros máis importantes de Galiza. Como ves, así vivían os indíxenas galegos antes da chegada dos romanos. Por certo, a ocupación dos romanos non foi cruenta, pois permitiron que seguisen vivindo nos seus castros; outra cousa foron os suevos, época na que se despoboaron todos eles, aparecendo as aldeas e posiblemente as parroquias… mais esa é outra historia.
Baixamos un momento
á aldea de Castromaior para ver a súa igrexa románica e continuar o noso
camiño. Cruzamos Hospital da Cruz, que
como indica o seu nome tivo hospital asistencial, hoxe desaparecido. Vendas de
Narón, escenario dunha batalla entre árabes e cristiáns alá polo ano 820.
Ermida de Santa María Madalena. Marco que indica a Serra de Ligonde que separa
os vales do Miño e o Ulla.
A partir de aquí
alegrámonos polo descenso, xa iamos cansos de subir. Topamos co Cruceiro de
Lameiros, do s. XVII con martelo, cravos, espiñas e caveira, elementos do
calvario de Xesús na basa; nunha cara da
parte alta, a imaxe de Cristo e na outra a Virxe das Dores.
Chegamos a Ligonde,
con casas típicas do país. Este lugar tivo hospital de peregrinos e tamén
cemiterio; e na Casa do Carneiro tiveron como visitante a Carlos I na súa viaxe
para ser coroado emperador, e Filipe II camiño da Coruña para casar con Ana
Tudor. Ten unha igrexa neoclásica, a igrexa de Santiago, conservando a portada
románica da anterior.
-Que che parece se
descansamos e ao tempo comemos algo? –díxenlle ao neno.
-Eu xa pensei que
non ías parar, que pensabas chegar hoxe
a Compostela, e mira que vai calor; ben deitamos do paraugas. Eu xa súo véndote
suar a ti.
-Dámoslle a un
chourizo e uns ovos.
-De acordo.
Metémonos nunha
taberna e pedímoslle a unha mesoneira entrada en carnes unha cervexa e unha
laranxada frías. Cando volveu dixémoslle o que queriamos xantar, engadíndolle
unha ensalada.
-Eu non vou comer herba, non me apetece –dixo Mikel.
-Cómoa eu soliño.
Compracémonos
tomando a bebida. De repente o Mikel botou unha gargallada tan esaxerada que
todo o mundo mirou para nós. Deixou, entón, de rir ao momento. Cando mirei para
a taberneira comecei a rir eu e a xente volveu mirar. Pensarían: estes dous están tolos, e ao mellor tiñan razón…A señora viña cunha fonte de leituga
e tomate como se fose para un rabaño; levábaa coas dúas mans.
-Non sei se che ha
chegar.
-Anda, cala e
axúdame un pouco.
Comemos ben. Café e
xeado e saímos a tomar o aire fóra.
Partimos forzando a
nosa vontade, ao pouco internámonos no concello de Palas de Rei, e pouco máis
aló divisamos na estrada un sinal que
nos indicaba o camiño para Vilar de Donas; moi poucas veces nos desviamos do
Camiño, mais polo que imos ver paga a pena.
-Mikel, imos saír
da ruta do Camiño, xa verás como o que veremos merecen estes km a maiores.
-Temos tempo que
agora non hai que coller o avión.
Chegamos ao templo
con tan boa sorte que estaba aberto. Pousamos a bici e saquei o libriño-guía
que editara a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Un libriño de peto moi interesante por ter un papel especial que
non se apedra nin coa auga nin coa humidade; bo para facer o Camiño. Comecei a
ler nel, ao tempo que sinalaba ou
debuxaba na pizarra para que o neno entendese:
“A igrexa de Vilar de Donas é un dos exemplos máis
coñecidos do románico galego vinculado ao Camiño. Ten planta de cruz latina con
tres ábsidas abovedadas e cruceiro con bóveda. No interior cómpre salientar
varios sepulcros dos cabaleiros da Orde de Santiago e, sobre todo, os frescos
góticos (s.XIV), os máis relevantes de Galiza no seu estilo, que cobren boa
parte dos muros da ábsida central. Na zona baixa aparece Cristo Varón de
Dolores, entre os que serían os reis Xoán II e María de Aragón e mais o seu
fillo Henrique; o nivel central está ocupado por unha Anunciación flanqueando a
fiestra que ilumina o altar. A parte superior correspóndelle á bóveda da
ábsida, cun simbolismo que alude ao Xuicio Final. Estas pinturas realizáronse
para o Ano Santo Compostelán de 1434, en tempos de Xoán II, monarca protector
dos peregrinos, para os que creou un salvoconduto.”
Sentamos nun banco
e cada un mirou e pensou no seu.
-Mikel, Vilar de
Donas foi propiedade do Deán da Catedral de Lugo D. Xoán Arias, que doou o
mosteiro aos Cabaleiros da Orde de Santiago. Quero que saibas que esta Orde foi
fundada fóra de Galiza, que tivo a súa sé en Uclés (Cuenca); creouse para
loitar contra o mouro e non para protexer peregrinos, iso viría máis tarde. D.
Xosé Arias fai doazón co acordo das súas irmás e os seus herdeiros. A doazón
recibiuna Sancho Fernández, segundo mestre da Orde dos Cabaleiros de Santiago
coas seguintes condicións: o mosteiro
seguirá a regra santiaguista. A casa nai da Orde nomeará ao prior. Será lugar
da reunión anual da Orde e de enterramento dos cabaleiros da Orde. Este
mosteiro terá posesión e rendas producidas polas dezanove igrexas e lugares sen
aportación á casa mai, a non ser por moita necesidade. Os doadoes renuncian a
calquera contrapartida material ou económica. Deberán recibir á familia, se o
solicitan e permitir o enterro dos seus corpos ao carón dos seus devanceiros. Foi gañando en importancia
con achegas e melloras de reis. O seu declive comeza co remate da Reconquista
na que todos os cabaleiros das Ordes pasan a compracerse cun título que ten un
valor máis honorífico que real. O remate chegoulle coa Desamortización, que
converteu o mosteiro nunha igrexa rural.
-O deán e as irmás
moito non gañaron –dixo Mikel. Serían enterrados no mosteiro, mais os rezos
polas súas almas tiñan que compartilos con moitos cabaleiros.
-Posiblemente se
lles rezasen os dezanove curas das parroquias ían mellor recomendados a Deus.
Démoslle unha última
mirada á igrexa en xeral e saímos.
-Se van cara a
Palas –díxonos un home con pucho, guillada e can, iso si, palleirán- é mellor que tomen esoutra estrada que
os leva a Brea; deixan detrás Os Valos, e a Mamurria.
-Moitas grazas
–dixen.
-Adeus! –dixo o
pícaro.
O percorrido era
cómodo e axiña chegamos ao empalme coa estrada do Camiño en Brea.
Continuamos por
unha pista paralela á estrada.
En Rosario soubemos
que os peregrinos rezaban unha oración que comezaba por Ave, noster Jacobe…para compracerse coa visión, ao lonxe, do Monte Illicino (Pico Sacro), un elemento
máis das lendas xacobeas.
E chegamos a Palas
de Rei, nome de pazo real. A tradición dinos que aquí tivo un palacio o rei
visigodo Witiza, rei entre os anos 702 e 710. No ano de 1200 o rei Alfonso IX
firma aquí ambos dous documentos: apud
Palatium regis e apud Palaz de Rei, apud indica o lugar da firma; onde está
o palacio?
Polo actual Palas
de Rei pasaba a vía XIX do itinerario
romano de Antonio Augusto Caracalla que
une Lucus Augusti con Iria Flavia
(Padrón).
O Códice Calixtino
dinos das etapas: “E a décimo terceira,
de Palas de Rei ata Santiago: tamén é mediana (referíndose á extensión da
etapa). Mediana; son 67 os km. que quedan a Compostela; que
nos quere dicir? Mediana a cabalo? Mediana a pé?
-A ti que che
parece Mikel, medíana a pé ou a cabalo?
-Mediana en bici
para un neno…que ten que ir cun vello. Se fose só…Deixémolo aí.
Chegamos aos Chacotes, na entrada do pobo.
Albergue novo.
Resolvemos o papeleo, ducha, lavado de roupa, tendido…E, presumindo de fermosos
adonis, iniciamos a andaina ao pobo.
-Tes fame, neno.
-Ti só pensas en
comer e beber.
-Só preguntaba. Se
non a tes, mellor, aforro cartos para gastalos co Brais.
-Xa, xa…Se eu non
termase un pouco arruinabas á familia.
Estaba a vila chea
de xente. Moitos peregrinos diante do concello, alí está o 1º albergue público;
privados hai cinco, se non estou mal informado. Mozos e mozas, ruído, bebidas,
mochilas, botas de calzar, guías… todo remexido; experiencias, anécdotas,
mentiras, esaxeracións, medos, ledicia …moita ledicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario