xoves, 1 de outubro de 2015

LIV. Debuxo



Demos tantas voltas para chegar aquí
e debullar humildosas
que só quedamos nós e as nosas preguntas.

Emma Couceiro


-Mikel!!!, Mikel!!!
-Ignacio! Ignacio!

Volvemos a cabeza e alí vemos a Alonso e Concha.

-Acabamos de vir de Lugo –dixo Concha. Temos que volver, nun día non demos visto moito: algo da muralla, catedral, barrio medieval, os viños… e as tapas…Cando debe estar ben é ao anoitecer.
-Neste tempo hai moita xente polos viños. Os domingos non hai ninguén. Cando volvades fágovos eu de cicerone.
-O avó diso sabe moito. Oe! Deixa de facer o miserento e convida a esta xente a cear, que lles debemos unha...

Botáronse a rir. Concha colleuno e untouno a bicos.

-Para…para. Xa me está mirando mal Alfonso.

Sentamos nunha terraza. Ceamos. Falamos, falamos moito, do divino e do humano. E logo cantamos…….

Comezou Concha:

O primeiro no amor sonche os bicos
o segundo, beliscos pequenos
o terceiro, ben achegadiños
e ao remate sonche os nenos.

Arroz con chícharos…

E logo seguiu o Alonso co O galopín:

Eu queríame casare
miña nai non teño roupa,
casa miña filla casa
que unha perna tapa a outra.

Para vir a xunto a min…

-Como vedes non as esquecemos. Cando vos vaiamos ver a Lugo, que máis tarde ou máis cedo imos ir, habemos aprender outras e tamén ensinarvos cantigas da nosa terra.

Despedida, bicos, moitos bicos. Eles seguirían o Camiño pola mañá. Nós desviarémonos cara a Pambre. Eles quedaban na vila. Nós tiñamos que subir ata os Chacotes.

Novo día.

Recollemos os nosos trastes e baixamos á vila. Almorzamos ben: unha morea de churros, café e chocolate para Mikel. Bótolle, ao tempo, unha ollada a El Progreso, xornal de Lugo; decátome dos chismes políticos, que veñen sendo os mesmos que deixei cando me incorporei ao Camiño, dos chismes sociais e dos chismes da xustiza, que son un compendio dos políticos e sociais…

Abandonamos Palas polo Campo dos Romeiros, onde se xuntaban os peregrinos para emprender a derradeira etapa do Camiño.

Estamos na Comarca da Ulloa, inmortalizada por Dona Emilia Pardo Bazán na súa novela Os pazos de Ulloa.
Imos calados, Mikel debuxando un castelo na pizarra e eu cos meus pensamentos: “Restos de cultura castrexa, abundantes mámoas, desenvolvemento no Medievo por mor de ser centro importante no Camiño, resto arquitectura populares de fortalezas, casas blasonadas: casa torre de Filgueira, casa torre de Fontecuberta…; pazos: Laia, Mariñao…E a fortaleza máis importante de Galiza, a única que resistiu en pé o azoute dos Irmandiños, o castelo de Pambre”.

Pasamos a aldea de San Xiao do Camiño, un lugar cunha importante arquitectura popular. Desviámonos do Camiño por unha estrada rural.

-Que che parece o debuxo –dime Mikel.

Parece como se espertsea dos meus soños.
Miro para a pizarra, ergo os ollos cara ao castelo, pois acababamos de baixarnos da bici.

-Debuxaches o Castelo de Pambre! Se ti non estiveches aquí.
-Xa, eu miro e vexo. Ti miras e váiseche a ola, sabe Deus en que virías pensando! Non sei que dicir, se vai ter razón a miña nai cando me dixo que termase de ti…
-Anda, déixate de lerias e dime como é que o debuxaches igualiño a como é.
-É ben sinxelo, vino nun cartel na vila.
-Pois si que miras ben. Vouche dar a razón que ás veces miro e non vexo, penso e despístome…mais non é pola idade, iso me pasa desde a máis tenra infancia.

O castelo está rodeado dunha muralla exterior duns cinco metros de grosor. Ten o acceso por unha porta con arco de medio punto e cun escudo de armas da familia Ulloa. É de planta cadrada e con catro torres nas esquinas; no centro do patio, a torre da homenaxe, de tres plantas, cunha capela do s.XII.

-E como ves non se pode ver por dentro. Foi unha teima dos antigos donos e polo que vexo segue a ser polos Hermanos Misioneros, actuais donos por doazón dos anteriores propietarios.
-Se son misioneiros para que queren un castelo?
-Boa pregunta, aínda que non sei a resposta. A anterior Administración obrigou a que abrisen para poder vela unhas horas determinados días. A actual Administración andou a tratos para adquirila en propiedade, mais non sei se seguen ou non as conversas.

Saquei uns apuntes e lin que: “Data de finais do s. XIV e foi mandado construír por Gonzalo Ozores de Ulloa. Escenario de loitas entre o reis Pedro I e Enrique de Trastamara, e entre a Igrexa e a nobreza. A súa propiedade pasou por varias familias da nobreza galega. O castelo é o mellor exemplo de arquitectura militar medieval de Galiza. Construído con granito. Ten no seu interior un hórreo de catro plantas pegado á muralla…”

Empoleirámonos nun montículo e botámoslle unha ollada á paisaxe para gardar no noso disco duro a imaxe do castelo e o seu contorno.

-Temos que seguir Mikel.

Regresamos ao Camiño gozando da paisaxe cos seus prados, regatos, bosques con árbores autóctonas e lugares con casas  de arquitectura popular, das que se deduce que foron quen de manter unha morea de vacas, riqueza que foi esmorecendo e convertendo a aldea en centros habitados exclusivamente por vellos xubilados que teñen por diversión contarche a historia recente da súa xuventude, as súas teimas, festas, mallas, emigrantes, a quinta a que pertenceron... poucos quedan para falar da guerra incivil, poucos quedan


San Xulián do Camiño, coa súa igrexa románica do s. XII e deseguido deleitámonos coa baixada da corredoira ata a ponte Campaña. Casanova. Descendemos ao regato de Porto de Bois. Este lugar foi o escenario da batalla entre os Trastámara e os de Lemos, polo que o conde de Lemos Fernando de Castro tivo que fuxir a Inglaterra, onde morreu no ano 1376. Subimos, non sen esforzo, ata Campanilla, derradeira poboación da provincia de Lugo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario