martes, 18 de novembro de 2014

III. Gaita

Novoneyra
Neva
a ceo aberto
na devesa de Rogueira


Manuel C.Matalobos

Seguimos coa nosa andaina.

En Burgurte paramos. Quería comprobar, coa desculpa de tomar un café, como ía o Mikel. Baixamos nun bar preto da estrada. Saen dous peregrinos, os únicos que veremos en moitos quilómetros e que encontraremos despois de Pamplona. Non hai ninguén, sentamos ao redor dunha mesa de madeira robusta a xogo coas cadeiras. Pedimos dous cafés con leite e un donut. O camareiro sérvenos con aire aburrido. Tócolle a faciana ao neno.

-Vou ben avó. Gústame o que estamos a facer.

Sorrío e doulle un bico.


Saímos.

Viramos ao pasar a igrexa de S. Nicolás. Burguete é o pobo típico do Pirineo Navarro, con moitos establecementos hoteleiros, por certo, pechados todos eles nesa época do ano. Edificios de magnífica pedra extraída naquelas paraxes que lle dan un selo moi especial. Limpo e coidado, mais irreal ao non encontrar ningún veciño pola rúa. Danlle vida os canles de auga limpa a ambos lados.

Seguimos o camiño asfaltado ata divisar os tellados de Espinel, logo de percorrer uns quilómetros. Espinel é o primeiro pobo do val de Erro.
Conta cunha igrexa dedicada a S. Bartolomé, edificada nos anos sesenta, con tellado de pizarra e grandes dimensións. Emprendemos a subida ao alto de Mezquiritz e contemplamos ao lado da estrada unha imaxe da Virxe de Roncesvalles.
Seguimos segundo as recomendacións do marco xacobeo. Topamos cun bosque de faias polo que imos descender ao tempo que descubrimos buxos, acivros e unha boa cantidade de fentos.

-Mira, estes son buxos, -dígolle a Mikel- Con esta madeira fanse as gaitas. Na miña casa hai unha boa gaita que ti poderás tocar se sentes interese pola música do meu, e tamén do teu, país; vantaxes de ter a dobre nacionalidade. O buxo ten unha madeira moi dura, por iso medra pouco. Desta madeira tamén se facían os bolos cos que xogaban en Galicia; tradición que se está perdendo a pesar do esforzo dalgunhas asociacións que pretenden protexer e, nalgúns casos, recuperar xogos case esquecidos. 

Poñémonos a andar cara a Lintzoain. Agora si, polo verdadeiro Camiño. Unha grande subida moi pendente pon a proba os nosos folgos, seguimos polo camiño por unhas ramplas duras, descabalgados e tirando da bicicleta. Imos calados para aforrar enerxías. Mellora o camiño e chegamos ao alto de Erro. Repousamos, arrimamos a bici a unha especie de balado e sentámonos nunhas pedras. Saco os bocadillos que levamos, de pan de molde con xamón cocido para Mikel e de xamón do país e pan de  barra para min; auga para el e para min viño navarro (alta graduación pero saboroso padal), nunha vella bota que conservo desde hai moito tempo.

-Avó ti sempre tomas viño, es un borrachuzas.
-E que a auga cáeme  moi abaixo. Iso tamén o di o avolo (chaman así ao seu bisavó que ten noventa e nove anos), non ves que na comida tamén toma un vaso de viño, e non lle vai nada mal…Ti cando sexas maior tamén o has tomar, mais sempre con moderación.
-Ah! Non, prefiro os mostos e os zumes.
-Xa falaremos, xa...
-Cando remates toma esta mazá. Logo teño un galano para ti.
-Sempre tes preparado algo que me gusta moito.
-Así facía a miña avoa cando eu era coma ti. Levábame xunto dun aparador e dun caixón sacaba un caramelo ou unha galleta, e dicía:
-Toma este galano meu neno, toma.
-Estamos moi nostálxicos. Imos emprender de novo o Camiño e temos que cantar algo. Lémbrome da do “Cuco”que a cantabamos moito na escola cos nenos. Era unha cantiga de Suso Baamonde, un amigo de Pepe, coñecéronse cando daba clases no Puerto de Santa María e o cantante estaba a facer a mili. Morreu novo dun cancro, mais deixou moitas cancións escritas. Musicaba poemas de autores galegos coñecidos, tamén recollía cancións populares. Esta canción ten letra dun poeta que eu coñecín e tratei, chamábase Manuel María, e di así:

O cuco, cuco, cuqueiro
o cuco, cuco, cucón.
Madrugón e cantareiro
cantareiro e madrugón.

Oíse pola carballeira
ó vello cuco souril
ó nacer a primavera
antre o Marzo io Abril.

O cuco, cuco cuqueiro

O cuco…

O vello cuco cucou
e moito máis cucará!
O cuco non me capou
E nunca me capará!

O cuco, cuco…

Polas mañás ben cedido
O cuco canta: cu-cu.
Como o teño por veciño
Eu trato o cuco de tu!.

-Ben, por hoxe é dabondo que cantes o estribillo e o primeiro verso. O resto xa o aprenderás. Imos logo:
O cuco, cuco, cuqueiro..

- Ti viches algunha vez o cuco? –díxome Mikel.
- Eu non porque non se deixa ver facilmente. Mira, o cuco é un paxaro moi pillo e por iso podemos dicir do Brais que é un cuco. Non te rías, non. Poñen o seu ovo no niño doutro paxaro, deste xeito non teñen que facer niño, nin o teñen que coidar cando nace o paxariño (dise tamén cando eclosiona). Tan pillo é que ao nacer desfaise dos outros ovos porque dese xeito todo o mimo do falso pai é só para el. Son listos eh! Logo vai medrando e ás veces é máis grande que a súa madrasta, que mesmo ten que se subir ao seus ombreiros para darlle de comer. Xa teñen que traballar buscando alimentos para el! Cantan polo mes de abril: cucú, cucú!.. Por iso se chaman cucos.




Credes que o exemplo do cuco vale para o momentoque nos toca vivir?

Ningún comentario:

Publicar un comentario