martes, 18 de novembro de 2014

VI. Historia

Imposible esgotar a miña voz  miúda
aínda sen autoridade para ruxir.

Sara Fernández



Ao día seguinte, e logo de almorzar, comenteille ao neno que iriamos a unha oficina de Turismo e buscaríamos información. Preguntamos polo Concello. Sabía que estaba preto de onde estabamos e alí conseguimos os folletos que precisabamos.

Sentamos nun banco e dixen:

-Imos ler un pouco da Historia deste pobo:

"No milenio anterior a Cristo asentáronse os vascóns e déronlle o nome de Iruña.
No ano 75 a.C. o xeneral romano Pompeio Magno fundou a cidade romana.
Do século IV ao IX cae en mans dos visigodos e musulmáns.
No s.X os clans nobiliarios fan xurdir o reino de Pamplona. Mais o poder tíñao o bispo durante uns 300 anos.
A finais do s.XI os monarcas da dinastía de Aragón despregan unha grande actividade reconquistadora e repoboadora.
Coa chegada dos francos, dedicados ao comercio, pasa a ser algo máis que un pobo ao redor da catedral e comezan as tensións internas. Os burgueses franceses viven no seu burgo separados dos habitantes navarros, e incluso reciben privilexios do rei.
Tensións entre partidarios dos franceses e os partidarios da coroa de Castela. Ata que Carlos III o Nobre unifica os tres burgos nunha única entidade.

A principios do s.XII a sociedade pamplonesa segue sendo moi tradicional. A maioría pertencen á aristocracia ou ao clero; a cuarta parte traballa na agricultura e un terzo son pequenos artesáns.
A partir do s.XVIII Pamplona busca a modernidade: novo Concello, rede de sumidoiros, traída de augas, fontes… xorde unha explosión urbana só interrompida pola invasión napoleónica que toma a Cidadela.
Logo da Guerra da Independencia, as ideas liberais se impoñen en España e Navarra sofre as consecuencias. Boa parte do Reino toma partido polos carlistas, defensores do absolutismo e o réxime foral. Pamplona, en parte, defende as ideas liberais. Loita pola autonomía fiscal propia. Inaugúrase o Monumento aos Foros. Primeiro ensanche, mais a pesar disto a cidade permanece amurallada ata 1915.
O s.XX é de expansión, cun importante crecemento tecnolóxico, económico, social e cultural. En fin, unha cidade moderna cun alto nivel de vida.”

Rematado o resume, que por certo nos levou moito tempo ler por mor das interrupción das preguntas de Mikel, eu quedei cunha idea, máis ou menos clara, da Historia de Pamplona e o neno dá a impresión que non sabe moito… Xa lle chegará o tempo… Sempre se aprende algo… Os maiores nunca nos decatamos de todo o que ven, senten ou asimilan os nenos. Para ben ou para mal “Os nenos nunca esquecen” dinos Virxinia Woolf no seu libro “Cara ao faro”.

-Imos andar un pouco polas rúas de Pamplona.
Tomamos o plano que nos deran e tiramos cara ás murallas. Sobre todo o que queda delas, que é moito. Un longo percorrido a pé que paga a pena polo monumental das propias murallas, polos xardíns que limitan e polas vistas que se ven desde elas, aínda que teñamos que incluír toda a zona dormitorio de Pamplona.

-Isto é enorme. –di Mikel-. Non sei como deron tomado a cidade os franceses con estes muros tan grandes?
-A artillería mellorara moito. Non hai muro que se resista aos canonazos.

Tomamos rumbo ao centro da cidade e encamiñámonos cara á catedral. Pasamos pola Plaza del Castillo semiporticada. Vemos a fachada da Deputación Foral sé de Presidencia do Goberno e do Parlamento Foral.

Tamén andamos polo Paseo de Sarasate contemplando varias esculturas. Pola Plaza del Consejo coa Fonte de Neptuno. Plaza de S. Francisco na que o neno aproveitou para montar nos xogos e pasalo ben, mentres eu sento nun banco e axexo os peóns imaxinando a vida e milagres de cada un.

Máis tarde chegamos á catedral de Pamplona que ten moitas semellanzas coa catedral de Lugo. A saber:
Ambas as dúas están dedicadas a Santa María.
No mesmo espazo onde están asentadas as dúas catedrais houbo anteriormente dúas igrexas en diferentes épocas:
Templo cristián anterior ao s.X
Templo cristián posterior ao s.X
Demolición do segundo templo e inicio das obras das catedrais actuais no s.XII.
Derrube de parte da catedral de Pamplona no s.XIV.
Derrube de parte da fachada da de Lugo polo terremoto de Lisboa.
Remate das obras das fachadas neoclásicas dirixidas, en ambos os dous casos polo arquitecto Ventura Rodríguez no s.XIX.
É moito o seu parecido.

-Sabes porqué se chama catedral? Por que ten unha cátedra, que é o nome da cadeira do bispo ou arcebispo, cadeira que só utilizan eles para desde alí ditar as súas leccións aos seus fregueses.

Na interior da catedral de Pamplona Mikel puido comprobar a beleza da arte gótica, así como a cantidade de luz que entra a través das súas vidreiras. Tamén a maxestuosidade do mausoleo dedicado a Carlos III el Noble e a súa muller dona Elena.

-Velaí están enterrados Carlos III e a súa muller. Lembra que cando lemos a historia que viña no folleto dicía que fora o rei quen unificara os burgos dándolles unha mesma entidade. A este rei alcumábano como  “O Nobre” e é curioso que o seu pai tiña por sobrenome “O Malo” e o seu avó materno “O Bo”.

Tamén vimos o claustro gótico, un dos máis importantes do Estado.

-Para que serven os claustros? Xa vimos un en Roncesvalles e tamén vin o da Catedral de Lugo, cando nola amosaches os días nos que estivemos con Sabine e Iago en Lugo. Todos son iguais.
-Máis ou menos. Cada un ten o seu estilo arquitectónico dependendo do momento da súa construción. De todos os xeitos, todos se parecen na súa forma e deseño. Adoitan estar arrimados e apoiados ás catedrais ou aos mosteiros. Utilízano como lugar de oración individual ou colectiva; lugar de paseo ou descanso; para escenificacións litúrxicas, procesións etc.; lugar de paso para a biblioteca, sala capitular (de reunión e deliberacións), celas…(chámanse así onde dormen os monxes nos mosteiros)… O espazo interior do claustro está axardinado ou empedrado e no seu centro hai un pozo, nalgúns unha fonte e noutros unha escultura dun santo. Nesta viaxe imos ver ben deles.

Á saída sentamos no muro exterior e damos conta dos bocadillos que compraramos polo camiño.

-Imos percorrer o camiño do Encerro, mais antes leremos o que nos conta o folleto del:

Todo o seu traxecto é de baixada, nalgún sitios máis pronunciada e noutros máis chá.
Comeza en Corralillos. Se che parece, e como queda preto de onde estamos, o mellor é achegármonos alí.

Fomos andando un pequeno treito que logo desandaríamos ao facer o percorrido do Encerro.

-Aquí en Corralillos é de onde saen os seis touros e dous grupos de cabestros mansos con choca que os guían; outros tres saen uns minutos despois para faceren de “coche escoba” por se algún touro se retrasa.

-Que é un cabestro? – pregunta Mikel.

-É un touro castrado, un boi… un touro ao que lle fan unha pequena operación para que non poda ser pai, e iso fai que sexan mansos… Ben… máis ou menos…
En Galiza utilizábanse para os traballos do campo. A casa que tiña un par de bois era unha casa rica. Teñen moita máis forza que as vacas. Facían o labor que hoxe fan os tractores.

A saída e a chegada dos touros anúncianse con foguetes. A saída é ás oito da mañá, cando no reloxo de S. Fermín soan as campás.

Nese fornelo, nesa cavidade é onde está esa pequena figura de San Fermín. É onde os mozos que van correr lle piden protección uns minutos antes da solta dos touros. Cantan tres veces.

“A S. Fermín pedimos/ por ser nuestro Patrón/nos guíe en el encierro, dándonos su bendición”; Viva S. Fermín?, Gora S. Fermín?

Seguimos andando pola rúa Sto. Domingo ata a praza Consistorial.

-Mira eses buratos. É onde colocan os ferros que terman das travesas de madeira para evitar que os touros se saian do percorrido.

Chegamos á rúa Mercaderes que fai unha curva de    noventa graos coa rúa Estafeta.

-Aquí os touros van tan a présa que algún cae contra o valo ao ter que xirar.

Seguimos por Telefónica.

-Por esa quenlla entra nesa praza de touros que ves. Por curiosidade direiche que corren ao redor de tres mil mozos. Sempre hai algunha collida. As máis perigosas son cando o touro arremete contra dun mozo inexperto, ou medio bébedo. De cando en vez algún mozo morre, a pesar de que hai equipos de sanitarios preparados para actuar rapidamente. De todos os xeitos o mellor é ver o percorrido detrás dos valos ou desde un balcón se tes un amigo. Tamén podes pagar por el se non o tes.

-Avó, vou volver atrás e correr como fan os mozos; ti espera aquí. Mira co reloxo canto tardo.

-Xa, e como sei cando saes. Non, non quero deixarte ir só. Eu non dou corrido contigo.

-Déixame, por favor -di o neno agarrándoseme ás pernas.

-Espera, estou pensando…Vouche deixar o meu reloxo, cando saias preme aquí e cando chegues aquí. Leva este teléfono móbil que levo de reserva, se tes algún problema, marca o un que xa me chama a min…
Se o sabe a túa nai non me volve falar. Ten moito coidado. Prométesmo? Ah! E ao rematar a zona peonil remata a carreira, non vas cruzar entre os coches. Engadímoslle un minuto ao tempo.
-Tranquilo avó, non vai pasar nada. Prométocho, palabra de toleirán.

Vino marchar. Quedei preocupado. Era tan aloumiñeiro o condenado…

Esperei dando voltas polo final de Telefónica. Fumaba un pito de boa gaña se o tivese.
Mirei o reloxo unha e outra vez, con preocupación, intentándome convencer de que había tempo, que xa chegaría de contado... Foron uns minutos de incerteza que me pareceron horas. Ao fin apareceu polo final da rúa Estafeta. Sorrín. Sentinme feliz.

Viña sorteando á xente e coa cara de pillabán que pon cando consegue o que quere.

Parou no semáforo, mirou para min e deume o reloxo.

Mireino e díxenlle:

-Sete minutos.
-Podíame levar menos pero había moita xente.
-Xa, xa…Non está nada mal.

Eu xa lle dixera o tempo que lle levaba aos corredores.

-Que che parece se lles preguntamos ao teu irmán e aos teus primos se saben o tempo que lles leva aos mozos no San Fermín.
-Vale, vale.


-E agora para rematar e antes de cear imos  facer unha gamberrada ti e mais eu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario