O murmurio dun
rosario
Interrumpe o silencio
da mañá…
Alicia Chao Penela
Contra as oito
espertei a Mikel, que durmía profundamente. Lavamos a cara para desvelarnos,
máis ben animarnos un pouco, e con esas, poñernos a desandar os dous
quilómetros ata Estella.
Almorzo en
cafetaría: chocolate con churros. Titulares dos xornais (sempre tiven
debilidade polos xornais do lugar) e lectura dun folleto turístico atopado na
especie de caixón onde tiña depositada a
prensa:
“Estella, cidade nada ao amparo do Camiño de Santiago. No
século XV coñecíase por “Estella a bela”. Cidade románica.
Hoxe conta con 13000 habitantes e unha animada actividade
comercial, destacando o mercado dos xoves.
De Estella di
Aymeric Picaud no quinto Libro do
Códice: Estella e cidade de bo pan,
excelente viño, moita carne e peixe e toda clase de felicidade (nesa época
isto formaba parte do que se entendía por cidade ou lugar rico).
Aymeric -isto digo
eu e non o folleto- fixera o Camiño a cabalo e ten unha visión moi particular:
os seus comentarios abranguen tanto o divino como o humano.
Fundada no ano 1090 por Sancho Ramírez ten o seu máximo esplendor
nos séculos XII e XIII.
Conta co Palacio dos reis de Navarra, sito na Praza de S.
Martín coa fonte dos chorros onde se pode beber (s.XVI). A ponte de San Martín
ou do Azucarero e a ponte do Carcel (xa a cruzamos de ida e de volta polo que
nos impresionara a chegada a Estella), a catedral, a praza dos Fueros, a grande
praza de Santiago, onde se celebra o mercado dos xoves.
Berce do carlismo, con museo incluído.
Rúa Mayor conformada por edificios nobres.
Igrexa de S. Pedro da Rúa, S. Miguel, igrexa de S. Martín
de Jesús del Castillo, antiga sinagoga.
Convento das Recoletas, Sato Domingo, Santa Clara e S.
Benito.
Burgos nacidos con burgueses franceses. Por iso é unha
cidade especialmente acolledora cos peregrinos franceses.
-Imos dar unha
volta e ver algo do que pon o folleto. É unha cidade para varios días e non
para unhas horas. Por certo, cando lemos burgos tes que pensar que eran lugares
da cidade onde vivían os burgueses que eran artesáns: zapateiros, carpinteiros,
curtidores, prateiros…Facíanno vivindo na mesma rúa segundo o seu oficio. Tamén
se xuntaban en gremios para a defensa dos seus intereses.
Deambulamos pola
cidade con pouca orde, mais deleitándonos da súa beleza. Comezamos polo
arranque do barrio de Curtidores, por onde chegaramos, coa fermosa igrexa do
Santo Sepulcro, con ábsida románica e portada gótica: tímpano (aproveitei para
lle explicar o que era o tímpano do oído e o tímpano das portas, non creo que
lle interese moito, ou si; ao mellor non o esquece) co Sepulcro, a Magdalena e a última cea… Cruzamos o río e
seguimos o percorrido. Xa era tempo.
Rematamos nun bar,
xa que o Mikel tiña sede –tiña sede polo queixo e os embutidos que nos dera
Amparo.
No bar había un
futbolín e o neno quixo que botásemos unha partida. Eu fora un experto, nos
meus tempos novos, e algo queda sempre, mais disimuladamente deixeime gañar.
Riamos os dous cando a bóla entraba na portería.
Chamoume a atención
que os xogadores tivesen, nun dos equipos a camiseta, ben digo, a pintura da
camiseta coas cores do Barcelona; na miña infancia a camiseta dos xogadores do
futbolín tiñan a cor branca ou a raias brancas
e vermellas: as cores do club Deportivo Lugo, do Atlético Bilbao ou Atlético
Madrid. Comenteino co taberneiro.
E que con tanta
rivalidade entre o Madrid e o Barcelona ocorréuseme pintar nun equipo as cores
do Barcelona; ben se nota, as raias saíron un pouco tortas. Pois agora, a
determinadas horas fan cola para xogar, os partidarios dun ou doutro equipo,
aumentou a recadación moito. Tiveron sorte por non ser esta a hora na que veñen
todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario