Só ao pechar os ollos
as veces,
cala.
Teresa
G.Senra
Contan que un xudeu
francés de Bayona que facía a
peregrinación a Compostela, sentiuse enfermo de gravidade; pediu ser bautizado
e cambiou o nome de Isaac polo de Santiago; fíxose o milagre, curou e continuou
a viaxe a Santiago.
Pasamos polo Portal de Castilla , cruzamos a estrada
e o río Odrón por unha ponte moderna.
Continuamos O
Camiño.
Saco das alforxas un conto da editorial OQO: FIZ, o coleccionista de MEDOS, de Fina Casalderrey, ilustrado por
Teresa Lima (a ilustración destes contos é moi interesante) e colocámolo no
atril particular da bici para que a medida que o vaia lendo o Mikel vaia
pasando as follas. Trata dun neno que tiña moitos medos: á escola o primeiro
día, ao mono do zoo, a converterse en pita … e moitos outros. Un día a avoa
dille que era o campión do mundo en medos, e desde aquela mete os medos nun
baúl, tamén os dos seus colegas. Un día abriron o baúl e saíron todos os medos.
Asustáronse tanto que berraron a cachón, tanto que atemorizaron aos propios
medos que rapidamente volveron para o baúl. Eles pecháronnos e desde entón xa
non volveu haber máis medos.
O conto gustoulle
moito ao neno e quedamos en pensar, en discorrer un conto e logo contalo.
Con estas, logo dun
descenso, vemos Torres del Río. Costa
chegar pola entrada empinada que nos leva á igrexa do Santo Sepulcro que dalgún xeito está relacionada coa de Estella e
que, por ser de planta octogonal, se cre que a obra se debe á Orde do Santo
Sepulcro de Xerusalén. É de estilo románico e destaca tamén a torre-forte que
parece a dunha torre defensiva.
Ascendemos a costa
ata a ermida do Poyo, da que se pensa
que estaba acompañada dun hospital de peregrinos hoxe desaparecido. Baixamos pola
costa Mataburros que nos leva a un
posible asentamento romano, lugar encadrado dentro da calzada romana.
Todo isto, como
cabe supor, facémolo tirando da bici e como peóns.
Baixamos á estrada,
continuamos por un camiño e logo por unha estrada secundaria cara a Bargota. De
novo tomamos unha pista e descendemos o barranco de Cornava: arxila e
plantación de piñeiros con algúns froiteiros; remata o barranco con viñedos,
oliveirais e terra semiárida. Combinamos camiño con pistas asfaltadas ata
entrar en Viana pola rúa do Cristo, rúa Mayor
e a praza dos Fueros coa igrexa
gótica de portada renacentista. Importante vila medieval e moderna encerrada en
recinto amurallado.
Deixamos Viana
camiño da ermida da Virgen de Cuevas.
-Mikel, levamos sen
falar case desde Torres del Río.
Pensaches en argallar algún conto?
-Niso fun pensando
neste tramo do camiño. Vouche contar o que inventei:
Érase unha vez un avó, algo tolo, que viaxaba cun neto
razoable, sensato (¿?). Un día ocorréuselle fotografar nun barranco, como o que
acabamos de pasar, a un cabuxiño que viu nun recorte da rocha. Cando máis emocionado estaba deuse de conta
que polo aire viña voando unha aguia para levar ao cabuxiño; rápido colleuno no
colo e correndo meteuse nunha cova, sen se decatar que alí vivía un enorme oso.
De repente escoita un ruído e ve ao animal levantado sobre as dúas patas e con
ganas de “abrazalo”; dá media volta e sae disparado co cabrito ao lombo,
tropeza e cae polo barranco, soltando o cabuxiño, que queda nun saínte da
rocha, mentres el continúa a rolos pola costa embaixo, e, cando xa se acercaba
a un precipicio, aparece un montón de cabras que facendo unha especie de muro
terman del para que non se mate; para
agasallalo comezan a dar brincos ao seu redor, xunto co cabuxiño que salvara,
levantando moito po, o que fixo que o seu neto o puidese localizar e achegarse
a el coa caixa de urxencias de campo que levaban, e así poder curalo das
feridas e rir a grandes gargalladas para esquecer o medo que pasou ao velo
desaparecer.
-Xa tes a foto. Custouche un pouco...
-Déixate de caralladas e espero que isto non llo contes a
ninguén.
-Xa, Xa. Que vou pasar sen contarllo a Brais e Sabine.
Sorrí, sorrí. Salvei ou non ao cabuxiño?.
-Salvaches, salvaches; mais por pouco te matas. Cabeciña,
cabeciña …
-Non sería eu o avó
do conto, eh!
-Non, que ti non te
atreves a facer esas cousas, ti es un pouco máis formal.
-E logo por que
estas sorrindo? Espera non corras. Xa verás o que fago contigo cando te colla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario