O viño das cepas vellas
quenta as orellas.
(popular)
Pasamos por Las Cañas, zona limítrofe coa Rioxa, e de grande interese ecolóxico
(reserva natural) coa súa lagoa onde viven varias variedades de patos, ademais
de grúas, picapeixes … e rapaces como a aguia serpentaria. De aí que sexa zona
especial de protección de aves segundo a lexislación europea.
-Se estivese aquí
teu pai gozaría moito, xa que as aves son o seu entretemento máis salientable,
despois do fútbol. El falaríache de cada unha desas aves.
-Xa …, mais como
non está el, vasme falar ti delas. Vale, vale, non cho digo por mal eh! Xa te
vou coñecendo…
-Pois si, só che
vou contar o mínimo para que cando as vexas non me teñas que preguntar. Vale?
-Si, home si, de
acordo. Non sexas un carallán, que non che estou a tomar o pelo que non tes …
Ou si?
-Mira as grúas
teñen longas patas, e longos bicos para comer sementes e insectos. Emparéllanse
de por vida. Emiten sons agudos que se poden escoitar a dous km de distancia e
precisan dun ambiente moi tranquilo para vivir.
Os picapeixes teñen
o corpo máis curto, as patas curtas e as ás anchas, cabeza grande e pescozo
curto cun bico longo e afiado, as plumas da ás teñen cor azul: mariño, verdoso,
turquesa … dependendo da parte do corpo. O peto dos machos é máis escuro, case
negro e o das femias máis alaranxado.
As aguias xa chas
ten ensinado teu pai desde a terraza da nosa casa en Lugo. Acórdaste?
-Si, si. O Brais
queríalles poñer comida para ver se viñan onda nós.
-Mellor vai ser que
chos debuxe na pizarra; é pena que non teñamos xiz de cores. Pensa que estas
pequenas lagoas serven de repouso destas aves, tanto antes de se iren para os
países onde viven Sabine e Iago (no norte de Europa) no verán, como cando no
inverno marchan ao norte de África. E agora que xa viches como son, tes que me
debuxar ti un pardal e mais un merlo.
-E que así …,
montado na bici, non sei se me sairán.
-Xa, xa … Desculpas
de mal pagador.
E con estas,
divisamos Logroño.
Antes rematamos o
Camiño en Navarra cun marco que nos indica que despois de 142 km entramos na autonomía
da Rioxa.
-Esta provincia é
coñecida mundialmente polos seus viños, así que che vou ensinar unha cantiga
que fala de viño, aínda que o viño é do Ribeiro, di así:
Taberneiro bota viño
bota viño do Ribeiro.
Que os da Guardia para cantare
temos que beber primeiro.
Ailalelo ailalalaa.
Alá vai o gaiteiro
por detrás do pinar,
Vai tocando unha gaita.
Ai! Deixalo pasar!
-A ti o que fala do
viño –di o Mikel- séntache mellor que o propio viño.
-Oe rapaz, un
respecto, que peiteo canas. Que deleitarse co viño, non ten porque ser malo. O
ruín es ti.
Abrín o Códice e díxenlle:
-Escoita:
Por Logroño pasa un río enorme chamado Ebro, que é
saudable e abundante en peixes”.
Por fin fala ben
dalgún río. Mira o que di da comida:
Se comes algunha vez en España ou en Galicia (non é España ¿?) un peixe que
vulgarmente se chama “barbo” ou o que os pictavenses chaman “alosa” ou os
italianos “clipia”, ou anguía ou tenca, sen dúbida que morrerás de contado ou
enfermarás. E se acaso alguén o comeu e non enfermou, é porque é máis forte ca
os demais ou porque levaba moito tempo
naquela terra. Todos os peixes e as carnes de vaca ou de porco de toda España e
de Galicia causan enfermidades aos estranxeiros.
-Xa sei que ti non
es estranxeiro, para algo naciches en Burela, mais tamén es estranxeiro por vivires
todo o ano en Gorinchem; e aínda non morriches de comer todo iso que di o Códice; que era logo o que comían os
peregrinos? Só comían a sopa boba? (nin carne nin peixe). Pobriños, non
poderían nin co cu.
Logroño é a segunda
cidade grande do Camiño Francés. Foi o rei Sancho o Mayor o que fixo o novo itinerario facendo cruzar o Camiño en
Logroño por riba do Ebro, converténdose nunha cidade de servizos e moi
importante desde o punto de vista comercial.
-Xa verás a
cantidade de bares que hai aquí. Imos merendar nun deles. Non podemos deternos
moito pois o tempo que temos é o que é. Ti es novo e has de volver máis veces e
eu xa estiven en varias ocasións.
Mira para a ponte,
construíuse no século XI, nun vao da ría, atribuído a Santo
Domingo de la Calzada e San Juan de Ortega. Foi reformado no s.XIX.
A igrexa Colexial
de Santa María recibiu o título de catedral como concesión do papa Xoán XXIII. Importantes son tamén as igrexas de
San Bartolomé e de Santiago, cunha
portada decorada cun Santiago Matamouros.
-Xa che irei
comentando o que imos vendo de camiño.
Andando e tirando
da bici, mentres gozamos dunha bonita cidade.
-Falaches de comer
e teño fame. Hai moitas horas que almorzamos…
-Que che apetece
comer?
-Non sei, desde
logo non vou comer nin peixe de río, nin carne de vaca, nin de porco.
-Impresionoute a
lectura do Códice. Podes comer pito
ou ternasco, que está moi bo.
-Pois apúntome a un
zanco de pito con patacas fritas.
-Eu dareille ao ternasco e o bo viño de Rioxa do ano.
-Entremos aquí que
ten boa pinta. Outra vez que veñamos por aquí imos comer nunha adega. Algún día
hasme traer ti a min, non si?
Gustounos un dos
mesóns da rúa dos viños. Pedimos o pactado e serviunos unha moza loura que
debía estar aprendendo o idioma; e como non eramos quen de entendernos díxenlle
ao Mikel que lle falara en holandés … e atinei. A partires desas só estaba para
nos servir a nós. Invitámola a coñecer Galicia, propuxémoslle que se ía a Lugo
tiña comida e cama gratis. Dicir dixo que aceptaba, xa veriamos. Se viña sería
ben recibida; tiña pinta de boa nena.
E non sei se foi
por iso que me entrou curiosidade por saber da vida sentimental do Mikel.
-Cóntame, tes moza?
-Non che conto nada
que ti es un carallán, e logo tómasme o pelo, como fas con todo deus.
-Ti sabes que se me
dis que non llo conte a ninguén eu son unha tumba. Ou non sei de cousas túas
que non queres que as saiba túa nai e eu non llas conto… non si?
-Niso tes razón, é
que me dá un pouco de vergoña.
-Home se iso é do
máis natural. A ver, a quen lle andas facendo as beiras? Si, non poñas esa cara
rara, como se chama a túa moza?
- E que non é unha
…, son dúas.
- Carallo co neno.
Saíches agudo …
- Unha chámase
Bente e a outra Jara.
- E como fas. Coas
dúas a un tempo non andarás.
- Estás tolo. Unha
é a noiva do fútbol e a outra a da escola.
- Explícate, que me
empeza a interesar.
- Non te cachondees, que non che conto nada.
Vale. Bente é unha colega do fútbol, é a líder; a min venme ben, ademais de
guapa, por ela son moi respectado no equipo. Ninguén me berra cando me meten un
gol. Supoño que sabes que son o porteiro do equipo. O malo é que a que me berra
é ela, só cando canto. Foder, cando
pasa iso, fódeme moito; mais libro dos outros … cando o fai ela ninguén outro
me di nada. Ten que gañar sempre. Arrebolo polo chan entre a lama, só por saber
que me ha dicir. Ten as súas vantaxes. Comprazo da envexa que me teñen os
outros nenos do equipo. Fóra do fútbol é simpática, sempre me trae algún galano
e eu, coma bo cabaleiro, acompáñoa ata a súa casa e saúdo aos pais. Xa lles
teño oído, cando me vou, dicir o pai á nai: “que ben educado está este neno!” E
eu cada vez son máis, non sei se me pasarei … Menos mal que o Brais aínda non
vai ao fútbol, que se non o cachondeo
ía ser maiúsculo, e el non ía calar.
A outra noiva é
Jara, é colega na escola, é moito máis agarimosa, tómao máis en serio. A min
pareceume que ve moita TV; ás veces comportase como os noivos dos seriais. Eu,
para que non se pase, fago o contrario que con Bente, son máis… menos educado,
máis duro. Non home, non lle falto. Teño que cortarlle un pouco. Sempre está
que teño que coñecer a súa irmá, ao seu irmán … Agárrame da man, e eu teño medo
que me vexa o Brais. Con ela a vantaxe é que me saca de apuros cos traballos da
escola, ademais de ser moi, pero que moi fermosa; os meus colegas tamén senten
envexa de min. Das dúas podía facer unha e sería a noiva perfecta. O malo é
cando as teño que invitar ás dúas a miña celebración dos anos. O ano pasado
librei, máis ben a verdade é que procuro librar … Como eu nacín en agosto, e en
agosto estamos en Foz, na praia, o que fago é a festa en setembro, procurando
invitalas cando unha das dúas vai de viaxe cos pais, antes teño que me
informar, e desculparme por que “é imposible poñer outro día”¿? Si, son desculpas piadosas, e ata de agora
fun librando … Tamén teño que inventar milongas
para ir ás festas que montan elas, xa que non podo levar, por nada do mundo ao
meu irmán; e os meus pais xa empezan a estar mosqueados. Veremos que fago para o ano que vén, que Brais xa entra
no equipo de fútbol. Se teño sorte, como el xoga ben, ao mellor forma
parte doutro equipo diferente.
- Mira para o
neno!, saíunos listo. Ti ten as que queiras, mais non as fagas sufrir, nin as
trates mal, nin te rías delas, nin contes a ningún amigo estas machadas; iso si que te faría
desprezable e ningunha delas cho perdoaría, e eu tampouco.
Despedímonos, cun
bico, de Britte, ata Lugo ou ata Utrech, que era onde vivía.
Emprendemos o
camiño de 29 km
cara a Nájera, que era onde
pensabamos durmir.
Pasamos por diante
da igrexa de Santiago, por baixo do arco da Puerta
del Camino, seguimos ata as vías do tren e xiramos á esquerda ata o parque
de San Miguel e máis tarde ao parque da Grajera
e ao dique do embalse construído sobre unha lagoa para regar as hortas; hoxe
todo iso é un contorno recreativo de primeiro nivel (dirase así?). A partir de
aí unha paisaxe de vides coidadas e aliñadas propias dunha explotación
industrial do viño. Mirando cara atrás divísase ao lonxe Logroño.
-Mira, nesas adegas
é onde me tes que invitar a comer cordeiro regado co viño do ano desta zona.
Si, si, non poñas ese careto de noxo,
acórdate do que che estou dicindo, xa verás como pensas coma min dentro duns
anos.
Taberneiro
bota viño…
Ningún comentario:
Publicar un comentario