luns, 26 de xaneiro de 2015

XVIII. Mosteiro



Quero fer unha prosa….

(Berceo)


E así fomos descendendo ata ver ao lonxe Navarrete, cruzamos a estrada e chegamos ás ruínas dun antigo hospital de peregrinos de San Juan de Arce fundado no s.XII, segundo as miñas notas. Repoboada por AlfonsoVIII pola súa situación estratéxica. Destacan o que parece foi un castelo no alto, e no pobo as torres da igrexa.
Seguimos entre vides, oliveiras e froiteiros. Vemos a lápida da peregrina alemá Alice Kremer falecida en 1987 atropelada cando viaxaba a Santiago en bicicleta.

-Temos que ter coidado avó. Menos mal que pronto se separa da estrada o Camiño.

Este tipo de cousas impresionan moito aos nenos. Seguimos a compracérmonos cunha paisaxe de oliveiras, viñedos e fincas de pan ben coidadas.

-Avó non sei se te decatas que imos a fume de carozo.
-Xa o sei, meu ben, é que quero chegar con día a Nájera.

Ventosa quédanos a un lado, coa torre da igrexa de San Saturio. Súamos a camiseta ata chegar ao alto de San Antón. Desde alí, privilexiados, divisamos o val do Najerilla. Baixamos cara ao poyo ou banco de Roldán.

-O noso vello amigo. Lémbraste do que falamos en Roncesvalles? A lenda conta que aquí Roldán despois de se enfrontar co xigante Ferragut e cravarlle un puñal no embigo, e ver coma os sarracenos levaban ao xigante a Nájera, sentou a descansar. Máis tarde tivo que vencer a Ferragut, de novo, lanzándolle unha pedra á cabeza.

Chegamos a Nájera cruzando unha ponte de madeira e formigón e máis tarde unha estrada.
Situada preto dun castro romano, de nome árabe que vén significar “entre as penas”. Foi capital do reino de Navarra con Sancho el Mayor, e tamén fixo que por aquí pasase o Camiño de Santiago. Medra ao redor do mosteiro e a igrexa de Santa María la Real fundada en 1052 por Don García que fixo dela o panteón familiar: moitos reis e nobres. Centro comercial e de servizos dunha importante zona, destacando as súas fábricas de mobles.
No centro, e nun hotel con encanto –pequeno e nunha casa rehabilitada- que reservara con antelación, pousamos os nosos ósos: ducha, lavado de camisas e cama. Ata mañá …

Erguémonos cedo, e coma sempre, almorzo abondoso e sen présas; se tiñamos que apurar xa o fariamos máis tarde. Zume de laranxa natural, iogur con cereais, café con leite e churros para min e cola cao e churros achocolatados para Mikel. Eu, namentres, leo a prensa do lugar; o Mikel apasmonado cos debuxos animados da TV. Silencio. Cada quen ao seu.
Recollemos a bici, e con ela da man, seguimos a ver a parte do pobo que nos queda, ao tempo, imos cara á saída camiño de Santo Domingo da Calzada; dámoslle outra volta ao mosteiro e pola rúa Costanilla deixamos Nájera por un camiño, terras de labor, cruzamos un regato e chegamos a unha pista asfaltada que nos levará de contado ata Azofra, rúa Mayor, parada e compra de pan fresco, xamón do país e xamón cocido e un zume de piña, a bota vai chea de rioxa do ano; estamos servidos para continuar o Camiño.
Desviámonos á saída para ver os mosteiros de Suso e Yuso de San Millán de la Cogolla, berce da lingua castelá, con permiso das jarchas, coas Glosas Emilanienses (s.X e XI): anotación manuscritas en latín, romance e éuscaro (moitas veces silenciado por mor de prexuízos políticos).
Yuso (et. abaixo, en castelán antigo) e Suso, (et.  arriba) Un século despois, un monxe de Suso chamado Gonzalo de Berceo, compoñía,  con alusión aos peregrinos, Los Milagros de Nuestra Señora. Recordo de Berceo aquela estrofa que di:
“Quero fer una prosa en román paladino,
en qual suele el pueblo fablar a su vecino,
ca non so tan letrado por fer outro latino:
Bien valdrá, como creo, un vaso de bon viño.

(lembrarei correctamente?, perdón se non é así…).

- Avó, ti por falar de viño es capaz de recitar a biblia en verso.
- Me cago no pequeno (penso). Sorrín.

Alí temos a representación de San Millán nun cabalo branco combatendo aos infieis, do mesmo xeito que Santiago, coa súa espada e coa axuda de Deus ¿? (na batalla de Simancas).
San Millán, conta a tradición que foi nado no ano 473. De pastor novo faise ermitán, e vive 101 anos; entérrano os seus discípulos nunha cova que se converterá no primeiro mosteiro.
É curioso que o mosteiro de Suso, seguindo a tradición mozárabe, albergará unha comunidade de monxes e outra de monxas, mentres que o de Yuso será só de monxes.

-Avó, sígueme custando entender como Deus pode axudar a uns homes a matar a outros e como un santo pode montar a cabalo para matar infieis, que supoño teñen outro Deus, e supoño que o deles, que tamén é verdadeiro, non lles axuda ¿?
-Mira, meu neno, iso fai que moitos non creamos nestas cousas. Aos teus pais isto non lles importa moito, polo que vexo, non é tema de conversación, e na túa escola tampouco. Non sei, nin eu son quen, de saber como pensarás cando sexas maior, máis o da relixión só e cuestión de fe (crer no que non se pode ver, e logo demostrar, razoar…), a partir de aí nace a teoloxía, sen fe non se pode demostrar nada (cacho leria che estou dando). Resumindo, ou cres porque si, ou non cres; non che hai máis.
-Por iso en Holanda hai tantas igrexas, mesquitas, sinagogas … Cada un terá o seu deus… Ou non? Isto é un barullo.
-Si, si. Será mellor que o aclares cos teu pais.

Quedei pensando e díxenlle:

-De todos os xeitos grazas a Santiago o Maior podemos agora gozar de toda a cultura xacobea e, por certo, presumir diso. Como vas vendo, por aquí viñeron señores, relixiosos, cabaleiros, plebeos, vagabundos, ladróns, mestres canteiros…e sobre todo ideas novas, comercio, agora turismo, e por vir veñen ata as chinches de Europa… Penses o que penses podes gozar de todos os bens culturais do Camiño, que doutro xeito non terían sido. Deixemos tranquila a tumba da Catedral de Santiago, in secular seculorum… amén.

-Aínda que ata preto de Redecilla del Camino no vamos encontrar o cartel informativo de remate da Rioxa e comezo de Castela, como a paisaxe xa é castelá, mira o que nos di o Códice Calixtino de Castela: “Esta é unha terra chea de tesouros, abundante en ouro e prata, teas e rexos cabalos, fértil en pan, viño, carne, peixe, leite e mel, pero despoboada de árbores e chea de homes malos e viciosos”

-Non estaba mal que encontraramos algún tesouro, así os meus pais comprarían a nova casa sen facer tantos números e sen romper tanto a cabeza. Gardariamos algo para o Brais, a Sabine e o Iago. Tamén para as avoas, que teño tres eh!.


-Non está mal soñar …

Ningún comentario:

Publicar un comentario