Pero a viaxe segue,
nas mesmas labras.
Ane Navascues
Emprendemos o
camiño coa bici da man, nunha curta pero pronunciada pendente. Chegados ao cume
e topamos cunha pista en moi boas condicións que nos facilita o camiño. Así
falando pouco e pensando en cadanseu pasado próximo, chegamos ao mosteiro de San Juan de Ortega. O santo burgalés que
dá o nome ao mosteiro foi discípulo de Santo Domingo Calzada, e, coma el,
colaborou na construción de pontes, calzadas para os peregrinos e igrexas, como
a de San Nicolás; nesta igrexa hai un capitel románico que recibe a luz a
través dun arco oxival os dous días do equinoccio: o vinte de marzo e o vinte
dous de setembro (sería copiado dos arquitectos exipcios construtores de
templos, que viviron varios milleiros de anos antes de Cristo e xa dominaban
esta técnica).
Situado no val de Vena, a súa orixe remóntase ao s.IX. É
un lugar tranquilo e, como xa levamos quilómetros abondo, decidimos pasar a
noite aquí.
Preguntamos polo
albergue municipal do que nos falaron moi ben. Está ben acondicionado, e nestas
datas, só encontramos, de momento, dúas peregrinas alemás ademais de nós os
dous.
Duchámonos, que boa
falta nos facía. Lavo algo de roupa. Preguntamos a que hora pechaba e, como nos
informaron que eran as once, decidimos dar unha volta cativa polo pobo e buscar
un lugar para cear. Encontramos unha especie de mesón tranquilo e pouco ruidoso
que ofrecía comidas caseiras.
-Que che apetece
cear? –dígolle ao Mikel.
-Estoume a lembrar
daquel bar en Lugo que dan de tapa un ovo con unha laña de chourizo e un pouco
de pan.
-A taberna do
Daniel. Pois a min tamén me apetece cear así.
Falei co camareiro,
pensando que non tería chourizo para fritir, mais si que o tiña. Pedinlle, que
mentres o preparaban, a min me trouxese unha cervexa e ao Mikel un mosto con
cacahuetes.
Axiña prepararon
todo.
-Está bo, aínda que
os ovos non son coma os da avoa.
-A min tamén me
sabe moi ben.
Rematamos cun
descafeinado para min e un xeado para o neno.
Retornamos ao
albergue, deitámonos e aos dous minutos durmiamos como anxiños;.madía leva,
levabamos andado preto de setenta quilómetros.
Espertei ás nove.
Vestinme e logo espertei ao Mikel. Custoulle. Amañei co hospitaleiro, mentres o
neno se preparaba.
Almorzamos nun bar
con manteigadas caseiras, cun recendo que me transportaba á miña distante
infancia: comprar os envases na libraría Celta e axudar á nai dun meu amigo, co
que aínda hoxe nos xuntamos a parolar, a encher os moldes de papel; levalos
tamén para o recreo do instituto, compartir, amigos, historias…
-Gústanche as
manteigadas? A nai dun amigo meu facía moitas ao tempo que cosía pantalóns.
-Xa hai anos eh!.
Si, están moi boas. Podemos levar algunhas para a media mañá.
Así fixemos. Tamén
enchín a bota con viño do ano, esta vez xa con Ribera del Duero. Tamén pedimos un zume para o Mikel e uns chicles.
E pola estrada
dirixímonos a Atapuerca.
Atapuerca, famosa
polos achados dos restos do Homo
Antecesor, o home que viviu hai máis dun millón de anos.
-Os homes somos un
produto da evolución, desde seres moi pequenos –unicelulares- ata seres tan
complexos como é o home, que apareceu na Terra o outro día se o comparamos coa
existencia da propia Terra. Si, Mikel, fóronse formando outros animais e o home
aínda non existía. Apareceu en África, preto dos grandes lagos, cunha
constitución parecida á dos primates, ata que decide andar sobre as dúas
pernas; por iso se di que procedemos do mono. O home vai evolucionando ao tempo
que estiliza a súa figura. Tamén vai invadindo outros territorios: primeiro
África, despois Europa, máis tarde Asia, e de aí saltará a América (os trazos
faciais dos indios americanos son parecidos aos dos mongois) e máis tarde as
illas do Pacífico.
Unha variedade
histórica de homes primitivos atopouse nas escavacións de Atapuerca, por iso é
coñecida esta zona en todo o mundo científico, especialmente entre os
antropólogos. Tamén é moi visitada pola xente en xeral desde que se fixeron
públicos os descubrimentos e foi declarada Patrimonio da Humanidade.
Todo o que lle fun
dicindo iámolo percorrendo no mapamundi reducido que temos no mapa de estradas
da guía Michelín.
-Si, vivían como Pedro Picapedra –dixo Mikel.
-Ben, sen coches de
pedra e outras modernidades.
Non insistín moito.
Procuro explicarllo con sinxeleza; é arduo labor. Tampouco me preocupa. Vai
collendo cousas que, ás veces, me parecen complexas e non lles dá importancia,
e con outras que me parecen doadas de aprender pérdese. É novo, algo lle
quedará, tempo ten para aprender. O importante é que non poña cara de aburrimento.
Pasalo ben, pasa.
Atravesamos
Atapuerca pola estrada que divide a poboación pola metade. Nestes contornos, a
verdade que o Camiño está moi estragado. Enténdese que algúns colectivos
protesten pola desfeita desta importante rota Patrimonio da Humanidade, entre
outros moitos nomeamentos como 1º Itinerario Europeo, ou Príncipe de Asturias.
Avanzamos por entre
monte baixo con dificultade ata unha gran cruz de madeira, despois favorécenos
o terreo polo descenso cara ao val do río Pico. Ao fondo xa podemos divisar a
cidade de Burgos. Optamos por Castañares, mais antes temos que pasar por cascabulleiros,
e avanzar preto do cercado do aeroporto. Preguntamos recoméndannos seguir pola
beira do Arlanzón, que nos vai levar ao centro de Burgos; non é a rota
histórica pero si que é máis agradable e
relaxante e
|
aínda que sexa por unha vez saltaremos o
noso protocolo e desculparemos diante dos puristas.
Pasamos pola ponte de San Pablo ou ponte do Cid e parámonos a ver as
espectaculares esculturas medievais que teñen os piares. Andando topamos con
Rodrigo Díaz de Vivar –enorme escultura. Aproveitei para contarlle ao Mikel o
da espada Tizona, o cabalo Babieca, as súas fillas Dona Elvira e Dona Sol
(maltratadas polos seus homes e vingadas polo Cid, sen especificar a
humillación para evitar preguntas comprometidas para a súa idade, se é que
foron fillas; hai historiadores que afirman que só tiña un fillo) e faleille da
súa señora Dona Ximena –representada pola fermosa Sofía Loren no cine, o papel
de Cid na persoa de Charlon Heston nunca me gustou pola súa sobreactuación ou,
quen sabe, por ser membro destacado da Asociación do Rifle). Moito do que dixen
baseado no Cantar do Mio Cid e outro tanto na lenda que encerra o personaxe.
Gustou e preguntou polo xuramento, polo inxusto rei, polo desterro…e
tamén se era tan grande como parece.
-Como Roldán, -di o
neno- estes cabaleiros todos acaban mal. Mira que ter que ir de morto atado nun
cabalo…
Burgos foi un
asentamento Neolítico, e máis importante na Idade do Ferro. Como cidade foi
fundada por Diego Rodríguez Porcelos no ano 884 con orixes militares, mais á
Historia ha pasar como cidade do Camiño de Santiago; a súa prosperidade veu do
comercio na idade Media debido ás aglomeracións de peregrinos. Chegou a ter
trinta e cinco hospitais; Burgos, epicentro do comercio nacional e estranxeiro.
Amurallouse a cidade no s.XIII, levantáronse casas, naceron barrios e rúas
importantes como a rúa do Comercio, eixo do plano urbano por onde pasaban os
peregrinos. Establecéronse cristiáns, mouros e xudeus, comerciantes, artesáns,
prateiros, cambiadores, clérigos, francos… nobres e burgueses chegados como
peregrinos en moitos casos. Construíronse igrexas, tendas, hospitais. Burgos
con burgueses que habitar, gremios de artesáns para se defender e competir.
Considerábase a capitalidade do Camiño.
“Sempre tiña visto loar a caridade desta
cidade, mais non pensei que chegase a tanto” (Santa Teresa, dixit). No Hospital del Rey podíase comer e beber
ata saciarse, confesarse en moitos idiomas e chegar a calquera hora do día ou
da noite… Fundado por Alfonso VIII en 1210, quixo que fose o máis nobre de todo
o Camiño por tamaño e riqueza. Na actualidade ten unha poboación de 178.500
habitantes e é paso obrigado cara a Cantabria, Euskadi ou Francia.
Foi sé do goberno
do autócrata de Franco na Guerra “Incivil” Capital de la Cruzada,
titulo rexeitado polas forzas políticas da democracia. Hoxe goza dunha
industria importante e conta cun elemento esencial que é a súa aposta pola
innovación.
Lemos estas notas
resumidas dos folletos turísticos diante da antiga porta de Santa María unha
das 12 portas de entrada da muralla.
-Moi ben, o mellor
será ver algo da cidade –di o Mikel.
-Xa cansas de
escoitarme. Mais tes razón, imos logo. Intentaremos entrar por onde o fan os
peregrinos, xa que nos desviamos da rota.
Preguntamos pola
rúa Calzadas e seguimos pola rúa de San
Juan, Avellanos, pasamos diante da gótica igrexa de San Gil e chegamos á catedral: conxunto arquitectónico
espléndido e monumental, dedicada a Santa
María la Mayor de estilo gótico; foi posta a primeira pedra polo rei S.
Fernando en 1221. A
catedral destaca pola súa harmonía de liñas exteriores, tamén polas
impresionantes agullas, chapiteis e arbotantes; portadas Samental, Coronería e
dos Apóstoles; no interior capelas dos Condestables, Santo Cristo,
Presentación, Visitación, e como non, capela de Santiago. Sepulcro do Cid e
Ximena. E un triforio co Papamoscas (autómata que toca as horas, abrindo a boca
e empuñando o badalo da campá).
-Xa vou canso de
mirar para riba, doe o pescozo –di o Mikel.
-Xa, pero pola cara
que pos gustouche.
-O que máis me
gustou e a luz a través dos cristais de cores.
-Chámanse
vidreiras. Como ves, no estilo gótico é moi importante a luz, por iso as ventás
son tan grandes e os teitos tan altos. Xa che explicarei máis adiante como o
laboraban os mestres canteiros. O estilo gótico, como o románico, veu a través
do Camiño desde Europa. As vidreiras teñen representacións de santos ou pasaxes
da Biblia, iso facíano porque a maior parte da xente era analfabeta e para eles
era como para ti a TV, e así aprendían pasaxes relixiosas.
Gustouche o
papamoscas? Algún día explicareiche a teoría do triforio segundo Don Jaime Delgado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario