Porque
no amor se vive
máis
alá de todo…
Claudio
R. Fer
Seguimos. Pista,
asfalto, pista entre o pan, regueiros, e así, e sen máis historia chegamos a Moratinos. Típico pobo castelán: igrexa,
coa advocación a Santo Tomás, casas
de adobe, unhas en pé e outras en ruína.
Preto está San Nicolás del Real Camino, nome pomposo para un pobo que naceu no s. XII
e tivo hospital de peregrinos e relación coa Orde do Temple.
Atravesamos o río Sequillo, que por algo leva ese nome, e
chegamos ao final da provincia de Palencia e entramos na de León, cruzamos o
río Valderaduey que atravesa o municipio de Sahagún. Lembro o
río como afluente do río Douro e penso que vai desembocar preto de Zamora. Coa
imaxinación e a nostalxia, recordo as clases de Xeografía daquel sabio, e bo
home, D. Antonio Fraguas no meu 2º de bacharelato…alá polo ano cincuenta e sete
do século pasado… E cos agradables recordos daqueles tristes anos da ditadura chegamos
a Sahagún.
Cruzamos a ponte
sobre as vías do tren e topamos co albergue municipal chamado de Peregrinos Cluny. Pousamos a bicicleta,
entramos e seguimos a burocracia propia de calquera albergue; asignada liteira,
ducha... O Mikel vai cara ao vestíbulo a fisgar mentres eu lavo a roupa e
preparo as cousas para o día seguinte. Falo coa familia e vou na procura do
neno para que fale cos seus pais.
É o demo –penso- xa
ligou cunha fermosa nena loura con crechas alongadas, moi propias doutros
tempos (a nai debe ter tempo para manter o pelo nese estado). Algo maior que o
Mikel, de mirada expresiva, ollos azuis como o ceo e sorriso agradable; leva un
plumífero amarelo e uns pantalóns
vaqueiros. Debe ter calor. Mais decátome que está preparada para saír. Mira
para min con aqueles ollos tan belos e ponse rubia. Toda ela dá a impresión de
febleza e indecisión.
-Mira avó é Ilia,
estoulle ensinando a xogar coas chapas… xa sabes a serpe e as chapas…
Doume de conta de
que a nena ten un problema de comunicación. Sorrí, ese sorriso é… ten problemas
de audición. Ignacio –penso- estas a perder as mañas. Miro para o Mikel; como é
posible que saiba o nome da nena se está soa. Este carallo é a hostia…Ou será
que os nenos coñecen o idioma universal…Por iso acenaba tanto.
-Eu son Ignacio, o
avó de Mikel.
Dígollo mirando aos
ollos, lento e articulando perfectamente.
-Eu Ilia.
-A que estais a
xogar?
-Ás chapas –dime
ela con ese son característico dos nenos con problemas de audición.
Nese intre achégase
unha muller duns cincuenta anos, co cabelo negro en melena curta, ollos escuros
cun lixeiro tic nervioso, forte de complexión, ancha de cadeiras sen que denote
gordura, alta, moi ben conservada; as poucas engurras favorécena e ela sábeo;
dá a sensación dun pelín coqueta. Nun
principio un diría que as dúas non se parecen, mais nos ollos hai un aquel de
tristura que as delata, e o nariz é o mesmo, un pouco aguzado por riba duns
beizos grosos en ambas as dúas e unha dentadura perfecta, apreciada a través
dun sorriso agradable.
-Ten vostede unha
filla moi fermosa.
-Non é a miña
filla… é a miña neta –o dixo cun certo agradecemento… como se fose un cumprido.
-Non me tome por un
atrevido, mais teño que dicirlle que as dúas son moi fermosas.
-Imos ver a vila
–di, cambiando de tema, pero cun aquel de rubor.
-Nós tamén imos
facer o mesmo, se non estorbamos poderiamolas acompañar. Sen ningún compromiso,
non queremos ser pesados. É que vexo que os nenos se entenden tan ben que de
seguro que eles o prefiren.
-Moi ben. Así a
nena estará máis entretida…(dixo como se quixese aclarar que o facía pola nena,
e, como se me indicase que gardase as formas. Ben, todo un ritual. Abofé que o
facía polo Mikel).
- Non o coñecen?
Sahagún é como un oasis no Camiño. Aínda que aquí houbo ocupación romana, o
nacemento do actual Sahagún dátase a
partir do ano 904, e ata o s. XIV tivo o seu momento de esplendor pola súa
riqueza e actividade. Repoboouse con leoneses, casteláns, francos, mouros e
xudeus. Durante a Idade Media será a abadía do Mosteiro de San Benito a que fará posible o desenvolvemento da comarca. O poder
abacial é absoluto, o que levará a algunha liorta co poder civil que foron
chamadas revolucións burguesas de
Sahagún. Aumenta a poboación baixo a influencia do Camiño: gascóns,
bretóns, alemáns… Este espertar económico e comercial leva parello o espertar
cultural, ata nacer o que se chamou a Universidade
de Sahagún, con ensino básico para os nenos e superior para os adultos,
chegando a compararse cos estudos de Salamanca e Alcalá. A decadencia vai
parella á decadencia da célebre abadía, que ten que vender parte das súas
propiedades e posteriormente, por mor das Guerras carlistas, provocará a exclaustración que, xunto coa
desamortización, suporá a perda de bens patrimoniais unidos aos económicos, que
serán irrecuperables.
-Vaia leria lle
estou predicando...
-Que va, a min a
historia gústame moito e os nenos están entretidos de seu.
Saquei o meu Códice Calixtino, e lin:
-“Sahagún, rica en toda clase de bens, onde se atopa o prado no que se
conta que, para loanza do Señor, floreceron as relucentes lanzas chantadas dos
guerreiros vencedores”
Tamén o noso amigo
e peregrino Domenico Laffi fala moi
ben de Sahagún: “Andamos pola cidade, pescudando na vila. Hai nela, entre outros, dous
conventos especialmente ricos e fermosos: o de San Benito e o dos descalzos de
San Francisco. Fomos ao convento de San Benito a ver o refectorio, que é tal,
que non pode atoparse outro máis fermoso. Ten un teito todo de madeira labrada
de xeito que, realmente, é algo soberbio e digno de verse por todo o mundo.
Estes frades déronnos de cear e tratáronnos con moito agasallo.”
- Xa ves, eu son, coas miñas
notas, algo pedante.
-Que va, eu diso
non sabía nada.
E falando e falando
percorremos as rúas La Herrería
e Antonio Nicolás. Arte mudéxar nas
igrexas de San Tirso e San Lorenzo e arte barroco en San Benito.
O día non dá para
moito máis, estamos cansos e temos que cear.
- Que tal se imos
cear. Os Rodríguez convidan aos…
- Fuentesanta.
-Bonito apelido,
mais aínda non sei cal é o teu nome.
-Perdoa, chámome,
Lola.
-Nas miñas notas
pon que aquí se pode comer feixóns, lentellas e garavanzos, da ribeira do río
Cea, na época caracois e ancas de ra, ademais de leitón. Que vos parece este
mesón…
- Lentellas,- di a
nena (simplificando o idioma).
- Eu tamén, di o
Brais.
-Eu vou polos
feixóns.
-Pois eu permítome
atacar o leitón.
-E para beber?
-A Ilia gústalle o
zume de pexego.
-A min tamén.
-Eu auga, di Lola.
-O avó ten que
tomar viño, a auga cáelle moi en baixo –di Mikel.
O que provoca unha
risada da avoa.
-Se o di o neno…
Ningún comentario:
Publicar un comentario