sábado, 4 de abril de 2015

XXVI. Fromista



Febreiro avanza
Xélido e longo con toda a calma.

Mª Xosé Lamas


Canal de Castilla, construído como unha grande obra de enxeñería no s.XVIII, concibida polo estadista Marqués de la Ensenada. Modificou algo o Camiño para chegar a Fromista. Esta magna obra foi concibida coa pretensión de modernizar o país: novas rutas de saída cara a Santander, esclusas para superar os desniveis, establecemento de manufacturas e siderurxia, fábricas de fariña, regadíos, transporte do cereal de todo o contorno… No seu mellor momento chegou a contar con catrocentas barcazas tiradas por mulas e máis adiante barcazas movidas por vapor. O proxecto non se  chegou a completar…a aparición do ferrocarril foi fundamental para a súa paralización. Hoxe fálase de recuperalo para o turismo e mais o deporte.


Cruzamos a canle e chegamos a Fromista, vila medieval na que conviviron cristiáns e xudeus levados para repoboar o territorio conquistado (curiosamente coa expulsión dos xudeus moi traballadores e emprendedores, decaeu a vila desde o punto de vista demográfico e económico). Contou con moitos hospitais, aínda que non todos funcionaron a un tempo, tamén tivo lazareto para atender aos leprosos. A vila tamén se coñece co nome de Villa del Milagro: conta a lenda dun cristián que pediu cartos a un xudeu e non llos devolveu no prazo; o xudeu denunciouno e as autoridades eclesiásticas excomungaron ao cristián, máis ante o temor de perder a alma, devolveulle os cartos; esqueceuse de confesar, polo que a excomuñón non se lle levantou. Máis tarde enfermou. Un cura foino confesar á casa e a darlle a comuñón, mais ao intentalo a hostia estaba pegada á patena de tal xeito que non podía separala. Decatouse o enfermo de que aínda estaba excomungado, entón o cura tivo que utilizar unha nova hostia. Desde entón á patena chámanlle a do milagre e, dese xeito, tamén se bautizou a vila.
Ten moita riqueza monumental: igrexa gótica de S. Pedro, Ermita de Otero, Igrexa de Sta. Mª del Castillo, gótica-renacentista, onde se encontra a montaxe multimedia Vestigia, leyenda del Camino coa historia e  orixe de Fromista, 35 minutos de son, luces imaxes e estatuas parlantes en pantallas panorámicas…
-Imos ver esta igrexa, Mikel. Ou mellor o que nos han ensinar dentro.
Pasada unha longa media hora saímos.
-Gustouche?
-Gustou. Unhas cousas máis ca outras.
- Agora imos ver polo miúdo a igrexa de S. Martín.

Logo do percorrido, detivémonos diante dela.

-Que che parece?
-A min románica, polos arcos. Ademais é baixa se a comparamos coa catedral de Burgos, e ten poucas ventás.
-Moi ben. Mais direiche que para min é unha das xoias do románico. Xa che falarei e verás outras, mais esta é fantástica pola súa beleza e harmonía, perfección das súas formas e volumes, beleza arquitectónica e riqueza ornamental.

Pagamos a entrada.
Bóvedas de canón nas súas tres naves, lanterna poligonal no cruceiro e fermosísimos capiteis adornados con imaxes costumistas e relixiosas.

-Lembras o que che contaba de que a poboación era analfabeta e estas imaxes eran para eles como para ti a TV?
-Si, eu non as entendo ben.
-Non é cousa de que chas explique. Ti goza delas. Ao mellor máis adiante podes, se queres, estudalas.
-Imos saír. A min o que máis me impresiona son os canzorros. Mira esas pequenas esculturas que están por debaixo do tellado, pequenas esculturas de tipo xeométrico, vexetais, animais, humanos, seres mitolóxicos e incluso algúns irreverentes (licencias que se permitían os canteiros?). Son máis de trescentos; trescentos…(díxenllo ao oído). Que che parece se lles dicimos ao Brais, Sabine e Iago que busquen tres canzorros: un personaxe feminino espido; un león loitando contra unha serpe e, o terceiro, un home espido con cabeza de mono. A iso chámaselle ser mitolóxico. Non viches algunha vez o debuxo dun home metade cabalo?

-As festas do pobo son as de San Telmo, patrón da xente do mar.
-Mira que nacer nestas terras e ser patrón da xente do mar.
-Si, algo raro.

Explícocho mentres emprendemos o Camiño. San Telmo foi de novo algo fantasma. Facendo reviravoltas caeu do cabalo na lama e riron del. Iso non lle gustou e, no estado en que estaba, deu media volta e marchou. Meteuse no convento de Santo Domingo de Palencia por tres anos, e logo de ter cambiado de vida, dedicouse á predicación polas terras do Norte, morrendo en Tui no ano 1296. De aí lles vira a devoción aos mariñeiros por San Telmo.
As festas principian cunha procesión de noite, a procesión del Olé, na que cantan cancións populares. Eu teño copiada aquí unha; espera que a busque, xa está, di así:

La Virgen es costurera
y San José carpintero
El Niño recoge astillas
para cocer el puchero.
Toledo, Granada, Palencia, Madrid

Fromista del Camino y Valladolid.

Ningún comentario:

Publicar un comentario