Deus
nos dé de comer que as gañas veñen de seu.
(Popular)
Logo de deixar a
estrada, seguimos pola inmensa chaira camiño de Carrión. Pasamos por Población de Campos, Revenga que atravesamos pola súa rúa chamada a francesa. Este pobo ten unha pequena
área dedicada ás árbores da zona cunha plantación de salgueiros, bidueiros,
freixos, abeleiras, tileiros e algunha especie exótica.
Villarmentero de Campos. Antes
de chegar, un cruceiro recorda unha lenda:
En Avignon (entón sé do papado) tiñan preparado unha
hucha con reliquias de santos: cabeza de S. Matín de Tours, brazos de Santiago
Apostol, canelas de S. Blas e costelas de S. Lorenzo. Desaparecen a hucha e,
con el, o macho que as ía transportar. O macho, por un milagre, aparece na
igrexa de Villarmentero de Campos e comezaron a soar as campás, abaladas por
unha forza misteriosa e dun xeito estridente. A xente achegouse ao templo e viu
o macho cun grande vulto nas costas, mais o animal non debeu de ver axeitada a
igrexa que marchou a San Martín de Ribas de Campos e depositou a prezada carga. Alí din que se conservan as reliquias de San
Martín de Tous, tan venerado por estas terras.
-Sigo pensando - di
o Mikel – que eran un pouco bestas, mira que partir os corpos dos santos! non
lles sería mellor veneralos enteiros.
-Creo que xa
falamos diso; eu penso coma ti. O curioso é que nesta época había un grande comercio de reliquias e desde logo
moitas eran falsas.
Villalcazar de Sirga, en tempos
contou cun hospital atendido pola orde de Santiago; foi famosa a súa Virxe de Villasirga ou Villalcazar pola
que os peregrinos paraban neste pobo ou pasaban a noite.
Retomamos o
andadeiro e continuamos o monótono camiño ata Carrión de los Condes. A máis importante vila ou cidade de Palencia
no Camiño. Ten na actualidade ao redor de 2000 habitantes e contan que no
medievo chegou aos 12000…”Carrión que é
unha vila próspera e moi boa, abondosa en pan, viño, carne, e en todo tipo de
produtos” isto é o que nos conta o Códice Calixtino (pax.427). É unha
cidade certamente próspera nos s. XI, XII e XIII, cunha grande actividade
comercial e industrial, ou mellor artesanal, por iso conta cunha importante
colonia de francos.
Doménico Laffi, o
peregrino italiano máis famoso -fixo o Camiño tres veces-, xa mencionado
anteriormente, dinos de Carrión: …”nesta
vila normal e bastante rica, na que hai algúns conventos de frades e, en
especial o de San Francisco…”
E o peregrino monxe servita Hermann Künig von Vach dinos:”…unha milla máis alá encontras unha cidade
chamada Carrión cunha bonita ponte; alí hai dous conventos, onde dan viño e
pan”.
Segundo os datos
que eu teño ten antecedentes romanos.
De los Condes, vénlle polo
benfeitor conde Gómez Díaz e a súa
dona Teresa Pelaez, que en 1047 mandaron construír o
convento beneditino de Zoilo, a ponte sobre o río Carrión e un hospital.
O nome completo non
se coñece ata o s.XVI, que aparece nun testamento.
Na actualidade
viven da agricultura e de pequenas industrias manufactureiras, ademais do
turismo e sobre todo dos peregrinos en determinadas épocas do ano.
Ten moitos bens
patrimoniais, case todos relacionados co Camiño:
--Igrexa museo de Santiago co Pantocrator románico e na portada vinte
e dous artesáns.
--Igrexa de Santa María, famosa polo Milagre das doncelas: uns touros liberaron as doncelas carrionesas de seren entregadas como tributo aos reis mouros.
-Dependendo do
poder do inimigo, ás veces, pagábase tributo (ouro, trigo, animais…e ás veces
mozas novas).
-E os pais
deixábanas ir –di Mikel.
-Nesa época as
mulleres non decidían nada, eran unha mercadoría máis.
-É como se agora
pagásemos un xoguete entregándolles a Sabine.
-Algo parecido.
Nalgúns lugares da Terra iso aínda se está a facer agora. Casan nenas con
vellos sen que elas poidan negarse.
Nesta igrexa tamén
é famoso o grupo da adoración dos Reis, e as esculturas de Sansón e Carlomagno.
--Igrexa de San Julián
--Igrexa de San
Andrés
--Igrexa de Santa María de Belén
--Ermida de la Piedad , de la Cruz e San Juan de Cestillos.
E patrimonio civil
como o Hospital de San Torcuato, Hospital
Municipal, Puente Mayor (construído no s.XVI sobre un medieval e Teatro Sarabia
de finais do XIX. Típico da época.
En xeral, en
Carrión hai moito patrimonio románico e gótico, pero moito tamén de épocas
posteriores.
Vimos o que se pode
ver en pouco tempo, sen entrar nos templos, entre outras causas, por estaren
pechados e prometemos volver noutra ocasión, promesa que fixemos en moitos
sitios; unha cousa é facer o Camiño e outra gozar de todos os seus bens
patrimoniais.
-Mira Mikel, neste
folleto turístico dise o que se pode facer en Carrión: “Comer coma un rei, descansar coa tranquilidade dun monxe e divertirse
como un vilán”. Como temos que seguir no Camiño, só faremos a primeira
recomendación: Comer como reis. Ben o
merecemos.
E outra para os
nosos parentes, que nos conten quen foi Sansón
e como acabou. E ti non axudes eh!, que busquen e pregunten.
Buscamos un lugar
axeitado e colocámonos preto dunha estufa de leña. Solicitamos a carta mentres
nos servisen un vaso de viño da casa e un mosto; había que ir facendo boca.
-Queremos unha boa
ración de lechazo churro e unhas
patacas fritas.
Deume tempo a ollar
un periódico e ao Mikel a ler, si, digo ben, a ler, un conto dos Bolechas, que tanto lle gustan cando llo
leo eu, a avoa ou a súa nai. Lía lento, mais non se trabucaba. Eu atendía máis
ao que lía o neno que ao xornal.
Chegou o camareiro
coa comida nun xerro de barro.
-Oes, non te
emociones, has ter tempo de lelo polo camiño, agora goza da comida. Tesllo que
contar ao teu pai e a túa nai para darlles envexa.
Non me gustou o
viño da casa e pedín un Ribera de Duero con nome e apelidos. Non podía derramar aquela
carne con aquel viño.
-O viño é caro; o
que sobre métoo na bota.
-Tesme que deixar
pagar a min. Os meus pais déronme cartos para te agasallar.
-Garda para invitar
ao Brais, a Sabine e mais ao Iago. A min xa o farás cando traballes.
O lechazo churro estaba moi bo. Moi bo, xa
que o Mikel non falaba ren e chupaba nos ósos.
-Vou cheo, avó.
Está moi, moi bo.
-Cando remates o
Camiño haste esquecer da comida holandesa, máis ben da comida das colonias,
porque holandesa, holandesa…
-E o pannenkcoeken, que?
-Non está mal, pero
é un pecado¿? comparalo con isto.
-Que queres de
sobremesa?
-Un xeado.
-Eu tomarei un café
só, non quero que me entre a modorra. Estou, ou mellor, estamos cansos, logo
dun día proveitoso. Que tal se damos un paseo para baixar a frugal cea –como vin a cara de non
entender do Mikel, expliqueime: quixen
dicir, de broma, que comeramos moito, xa sabes, ás veces dinse as cousas ao
revés para esaxeralas ao dereito. Pola cara que pos non entendes nada.
Rebobinemos, sigo cos termos difíciles para ti, quero dicir, repitamos a xogada (agora sei que o entende polo fútbol), comida frugal ben significar, algo así, como pouca comida e fácil
de dixerir.
- Ás veces es algo
rariño eh!, avó. A min tesme que falar lentamente, claro e sinxelo.
Demos unha volta
pola ponte sobre o Carrión e admiramos, sobre un escenario natural, a igrexa de
Nuestra Señora de Belén, patroa de
Carrión. E sen moitos máis folgos encamiñámonos á pensión onde tiñamos a
bicicleta.
Parece como se nos
estivese esperando Dona Manolita, bo exemplo de mesoneira medieval: forte,
rubia de cara, ben plantada, como indicando que non pasamos se ela non quere;
moi falangueira, cun sorriso franco, afeita a tratar con forasteiros…
Xa de
volta…Gustouvos a cidade? (non dixo vila, nin pobo; orgullosa do seu contorno).
Ten moito que ver, non se ve nun día. Os peregrinos sempre tedes moita présa.
Ceastes ben? O neno aínda come unha galleta (deu media volta e regresou cun
melindre que tiña moi boa pinta).
O Mikel mirou para
min, non sei se para pedir permiso (non o creo), ou para me dicir, aínda que
fose coa mirada, a onde vai esta co que
acabamos de papar. Colleuna, penso que para non falar moito. Contestamos as
preguntas rapidamente, demos as grazas, e co sorriso na boca metémonos no
cuarto.
Ducha, lectura dun
conto e antes do remate xa estabamos os dous roncando.
Almorzamos na
pensión: un ovo e un lisco con pan fresco e unha boa cunca de café con leite
fumeante –nunca puiden tomar viño, como me ofrecía a mesoneira, tan cedo e
menos co almorzo- e un café con leite cun cacho grande de biscoito,
recentemente saído do forno, para o Mikel; que debía estar rico pois non ergueu
a cabeza ata que o rematou.
Pagamos,
despedímonos cun bico e montamos na bici para percorrer o camiño pola estrada
de Villotilla, con pouca circulación cara
Benevívere: abadía e priorado Hospital de San Torcuato fundado no s. XII de
terras fértiles regadas por regatos abondosos, que deron boa vida –de aí o nome
de Benvíver- aos monxes, e tamén axudou aos peregrinos co xeneroso pan, viño e
carne. A Desamortización converteu en ruína este patrimonio e ata destas pedras
se aproveitaron para a construción do edificio do concello de Carrión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario