luns, 27 de abril de 2015

XXXI. Compañía



Nunha noite de lúa, e tal como contan,
un lobo a unha loba quixo namorar,
e a loba teimosa namoraba un can
roxo coma o lume e de manso ollar,
que en busca de amores atopou no val…

Elvira Veloso


Para entón xa lles tiña debuxado un lobo na pizarra.

-Sabemos que os cans son lobos evolucionados de diferentes xeitos desde o ponto de vista xenético. Tamén sabemos que o inimigo dos lobos é o can mastín, utilizado polo home, especialmente os pastores, para defenderse do lobo, non sempre con éxito.
Teñen un xeito especial de atacar ás súas presas segundo as características da propia presa, por exemplo, aos porcos bravos: un intenta mordelo na orella, outro na cara e a loba eventra por detrás (termo que quere dicir que deixa aberta a cavidade intestinal); se non se revolve e crava os caninos é xabarín morto en pouco tempo.


Sempre hai na manada un macho e unha femia dominantes; funcionan como no exército, segundo a súa categoría. Demostran submisión ao seu superior tirándose ao chan, ensinando a barriga e mexando. É un animal moi perseguido polo home, nalgúns países está extinguido.
Case todas as súas presas son máis rápidas que o lobo, por iso cazan empregando tácticas enganosas e diferentes dependendo da vítima. Son resistentes, nunha noite poden andar ata 100 km. Na literatura galega tense escrito moito sobre os lobos, dun xeito real e fantástico; estou a lembrar a un meu paisano chamado Ánxel Fole. Moitos contos de medo narrados nas cociñas das aldeas nas longas noites de inverno.
Crían en cubís nos meses de maio e xuño e chámanse lobetos.
En fin, limpan o monte de cadáveres e evitan o excesivo crecemento de algunhas especies; serven para manter, como xa vos dixen, o equilibrio ecolóxico.

Pareceuvos ben o relato, queredes un pouco mellor aos lobos?
-Siiiii…-dixeron os nenos.
-E ti Lola?
-Home, tal como o contaches parecen uns irmáns da caridade... É broma. Agora resúltanme algo máis simpáticos.
-Imos preguntar a Sabine, pode axudarlle seu pai, que nos diga tres países europeos onde o lobo está extinguido (Alemaña, Francia, Inglaterra, Irlanda e Suíza, algún dende o s.XVI) e tres onde poden vivir (o resto de países que teñen desde 50 ata o máis numeroso Rusia con 10000). Claro que isto non llo imos contar.

O pallaso de Mikel púxose a imitar a un lobo cun raro ouveo intentando morderme a orella. Lola rindo agarroume o queixo para que non me movese e Ilia facía que me abría a tripa. Con cara de parvo non tiven máis remedio que botarme a rir, logo do desconcerto inicial.

Con este espírito iniciamos a camiñada, os dous na bici, e elas cada unha no seu medio de viaxe. Pagamos e iniciamos os 37 km. de viaxe que nos quedaban ata León.

Cegoñas e o croar de ras, dunha charca ou lagoa da saída, animan a nosa conversa.

O Mikel parouse para ensinarlle unha a Ilia. Colle a pizarra e sentado na vespino vai debuxando a metamorfose das ras. Quere explicar o que eu lle contara nas vacacións do Nadal sobre as ras. Naquela ocasión xurdira coa lectura dun conto. Contáballe que cando a súa tía Olaia era nena, na escola, traiamos cabezolos que botabamos nun caldeiro con auga, pedras e pólas; para mantelos alimentabamos con penso de peixes, e dese xeito, iamos apreciando os cambios no seu corpo, ata que se facían ras. Cando chegaba ese momento levabámolas ao charco de onde procedían os cabezolos.

Non sei como faría para llo explicar.

Achegueime e vin que debuxara un cabezolo, un cabezolo con patas, unha ra con rabo e unha ra adulta (ao seu xeito). O que pensaba era utilizar unha metodoloxía ideográfica. Lembrei os debuxos dos conquistadores, en Tasmania, para se entender con indíxenas.
Este Mikel era moito. Montaban na vespino, desaparecían pola forza do motor, despois paraban a esperar por nós; mentres utilizaba Mikel os seus medios para lle explicar o que lle parecía a Ilia. Ela entendía, ría e explicaba a Mikel o que para min é difícil de entender.

A pista arborada marcaba o camiño.
Calados. Cada quen pensando no que tiñamos vivido desde Sahagún. Polo menos era o que a min me ocorría e quería ver que aos outros lles pasaba o mesmo. E así chegamos a Reliegos. Adegas preparadas para reunións familiares ou de amigos. Moitas vides non se ven…o viño virá doutros lugares; mais as adegas serven para gozar das comidas, a música, as cancións e, sobre todo, dos amigos:

De Reliegos sale el sol.
De Santa Marta la Luna.
Y mi morenilla sale
de Mansilla de las Mulas.

Despois de catro km. de pistas temos que coller a estrada, un viaduto, e acompañamos a auga dunha canle de rego e xa entramos en  Mansilla de las Mulas, como di a cantiga en busca da morenilla. De Tierra de Campos pasamos a Ribera del Esla. Logo de pasado Mansillas, e por mor do río Esla, apreciamos máis arborado e maior variedade nos cultivos.
Crese que antes a entrada era pola ponte romana. Mansilla de las Mulas (polo seu carácter gandeiro), antigamente Mansilla del Puente.
Cidade amurallada do s.XII. Pertenceu ao condado de Benavente ata o s.XVI. Na actualidade conta coa igrexa de Santa María e a ermida de Nuestra Señora de Gracia. Mais chegou a ter dous conventos, tres hospitais e sete igrexas.
Entramos pola Puerta del Castillo que, como pasa coas portas das murallas leonesas, están feitas con cal e cantos rodados (en cada lugar utilízase o material da zona).
As rúas de Santa María e del Puente, lévannos á ponte sobre o río Esla. Cruzada a ponte tomamos un camiño desde o que apreciamos milleirais regados por canles, un tramo de estrada, e por outro camiño chegamos a Puente Villarente. Pasamos pola ponte sobre o río Porma que xa menciona o Códice Calixtino.
Pista, estrada, canles, repeitos duros de roer, mellor duros de transitar, Arcahueja. Máis tarde chegamos a Puente Castro, barrio leonés.
“León, cidade real e cortesá, e chea de toda clase de bens” definición que aparece na páxina 427 do Códice Calixtino.
A partir de aquí deixámonos levar polas nosas compañeiras, atentos ao tráfico e as súas indicacións ecoidado nos cruces, semáforos, pasos de peóns… Parada diante dunha bonita casa dunha planta pintada cunha cor branca algo tostada.
-Aquí é –di Lola. A vosa casa.

Abre a porta e metemos as bicis e a vespino por un corredor ancho e longo cara á parte de atrás, onde hai unha especie de alpendre, no que depositamos os aparellos da viaxe.

-Instaládevos. Ilia daravos toallas e podedes ir duchándovos; eu, entre tanto, vou ao supermercado facer unhas compras. Cando esteamos todos preparados imos dar unha volta pola cidade pois non podedes perder o tempo, que tedes pouco.

A casa desprendía pulcritude e orde. Duchámonos e, por indicación de Ilia, metemos a roupa sucia que traíamos na lavadora; ensinounos a secadora como indicándonos que para o día seguinte estaría preparada.

Máis tarde fíxonos pasar a unha ampla sala -comedor e nos obsequiou cun viño e un zume xunto cunhas améndoas. Abofé que era unha nena lista.

Pronto chegou Lola.
-Que tal vos tratou Ilia?
-Moi ben –dixo Mikel.

Eu sorrín e asentín.

-Imos cara ao centro. Quero que vexades o ambiente que se respira na cidade. Mañá faremos a visita aos lugares máis emblemáticos de León.
Camiñamos pola longa Calle San Pedro, deixamos á dereita a catedral, seguimos pola calle Ancha, viramos á esquerda…
-Aquí tedes o Barrio Húmedo. Imos merendar tomando tapas en varios bares.

Sentamos nun dos bares. Lola pediu tapas variadas segundo as preferencias dos nenos.

-Mirade –dixen eu.  Hai un personaxe importante que compartimos os de Lugo cos de León; é o bispo San Froilán. Naceu en Lugo no ano 833, no Regueiro dos Hortos, na rúa do Carme  diante da porta Miñá da muralla, posiblemente a única porta orixinal romana. Aos dezaoito anos iniciou a vida como anacoreta - práctica cristiá que consiste en retirarse a vivir facendo oración e penitencia en lugares apartados e solitarios, xeralmente deshabitados, utilizando covas- mais relaciónanse ca xente do pobo. Outra cousa son os eremitas, que se retiran ao deserto, e outra os reclusos, que son como os anacoretas pero sen relacionarse coa xente. O que pasa é que a xente os adoita  utilizar como sinónimos (como se tivesen o mesmo significado).
Do que nos contan deste santo temos que nos preguntar canto hai de realidade e canto de lenda.

Fíxenlles un resumo, sobre todo dos milagres, que é o que máis lles chama a atención e que dubidan entre crer, admirar e non entender…

Mentres, seguín pensando sobre o personaxe:
“…meteu na boca carbóns acesos para probar, se lle queimaban, que era vontade de Deus que non se dedicase á predicación. Se saía ileso da proba,  sería sinal de Deus que os seus labios debían anunciar aos pobos a mensaxe divina. Por graza de Deus, e en premio a súa piedade, de tal xeito saíu ileso, que nin sequera sentiu a calor do lume. Por iso xulgou como vaticinio para si aquela sentencia do profeta: As palabras do Señor son palabras castas, purgadas polo lume, como a prata sete veces. Este primeiro milagre realizouno o Señor para que o seu servo empezase seguro o oficio de predicador (pax.13 “San Froilán” de Xulio Xiz editado pola Xunta).
Noutra ocasión quedou cheo do Espírito Santo cando dúas pombas, unha vermella e outra branca metéronselle na boca, unha producíndolle sensación de calor e outra, sensación de mel.
O terceiro milagre foi o ocorrido o día da elección polo clero de bispo, cando se lle presentou o Espírito Santo en forma de pomba e se lle posou na cabeza. Sabede que o rei levaba insistindo para que aceptase o nomeamento de bispo.
Tivo como discípulo a San Atilano que, ao tempo que San Froilán era nomeado bispo de León, a el nomeábano bispo de Zamora.

-Esperta –dixo Lola, mentres movía as mans por diante da miña faciana.

-Lembraba a historia de S. Froilán…

Ningún comentario:

Publicar un comentario