luns, 22 de xuño de 2015

XL. Milladoiro



Vexo testemuñas dunha pequena
e longa viaxe no pensamento.

Jesús Corredoira


Continuamos a nosa andaina e entramos en Foncebadón, pobo que foi, que case quedou sen xente; pobo que agora resiste grazas ao Camiño: tasca, restaurante e albergues.

Hai documentos que din que naceu ?¿ no s.X e que o seu fundador foi o eremita Gaucelmo, quen solicitou a construción dun hospital e unha igrexa, e incluso chegouse a celebrar neste lugar un concilio en tempos de RamiroII…

Aquí se dá algo único no Camiño, que é pasar dos dous mil metros de altitude na cima do monte Teleno ata os cincocentos trinta de Ponferrada en menos de vinte km.; é normal pisar neve no alto e deleitarse co sol na zona baixa, pasar de monte a val en pouco tempo coa axuda dos deuses, que como sabedes sempre axudan nas baixadas.


Estamos a carón da Cruz de Ferro, espetada nun tronco; parece de castiñeiro, á súa vez chantada nun montón de pedras, moitas pedras, traídas polos peregrinos coas que forman un milladoiro cando se dirixen a un santuario; a súa orixe está na impetración (demandar algo que se pediu) que o camiñante efectúa á divindade para que a viaxe lle sexa de bo agoiro.

Sentamos na capela de Santiago protexidos do sol e sacamos o salchichón de Lola, queixo e pan mercado en Astorga e poñémonos a facerlles as beiras; regámolo con viño da bota e un zume para o neno.

-Avó, este zume está máis quente ca a sopa que comemos onte.
-Pois aquí, como podes ver non hai neveiras.

O Mikel rematou moito antes e foi a mirar o milladoiro con máis detemento.
Ao pouco, e alá subido, comeza a acenar coas mans para que me acerque ao tempo que me pide silencio poñendo o dedo nos beizos.

-Mira –dime baixiño.

Un lagarto está tomando o sol; é de grandes dimensións e ao neno impresiónao, xa que o único desa familia que vira eran as pequenas lagartixas.

-É un bo lagarto –dígolle baixiño. Creo que é un lagarto ocelado, porque son comúns desde a montaña ao val á beira do mar. Mira, a cabeza ten unhas mandíbulas potentes: con elas é capaz de se enfrontar a carnívoros máis grande ca el. Ten que se defender dos depredadores dos coellos: raposos, aguias rateiras, armiños, azores etc.; ao escasearen os coellos pola mixomatose (enfermidade infecciosa de orixe vírica) eses depredadores tomárona con este tipo de lagartos, entre moitos outros. Aliméntase de insectos, caracois, miñocas, lagartixas, polos de aves…soe saquear os niños de moitas aves. Nos meses de novembro ata febreiro atópase aletargado, nos de abril e maio ten a posta (entre 16 e18 ovos), en xuño e xullo incuba, no seguinte mes nacen as crías…

Entre tanto o lagarto desaparecera.

-Era chulo eh! avó.
-Si…era moi…moi chulo -non atopou mellor adxectivo para describilo.

Collemos a bici e seguimos camiño. A poucos km. aparece o albergue de Manjarín, e pouco despois entre xestas, uces  e cerdeiras bravas chegamos a O Acebo pola rúa Real, con casas de dúas plantas, muros e tellados de pizarra e balconadas de madeira. Casa típica do Bierzo.

-Os muros das casas son como os muros da muralla de Lugo –di o pícaro.
- A pedra é máis clara.

-Lembro unha referencia lida no sentido de que  a esta altura, máis ou menos, pero máis ao norte debe atoparse Bembibre, que noutra hora foi tamén Camiño de Santiago. Nesta vila, e no século XIV sitúa Enrique Gil de Carrasco as andanzas de D. Álvaro Sr. de Bembibre na procura do seu amor por Dona Beatriz, filla de D. Alonso de Osorio, para a que seus pais a tiñan destinada a outro cabaleiro. Novela chamada El Señor de Bembibre”: “En una tarde de mayo de uno de los primeros años del siglo XIV…” Así comeza a novela romántica-histórica que no seu momento me fixo gozar coa súa lectura: amor imposible - final desgraciado. E fin da estirpe.
-Daquela, os pais escollían aos noivos? –di o Mikel.
-Así che era…Aínda hoxe pasa en moitos lugares e en moitas culturas.
-Ou sexa que eu non podería ter as noivas que teño.
-Ti o que tes é un pouco de cara (díxenllo acenando coa man na miña face). A xente do común só ten unha noiva e non, coma ti, un feixe delas.
-Un feixe non, de momento só son tres.
-Como que tres. Non quedamos en que eran dúas?
-E que…na piscina teño outra. Anna mergúllase  moi ben na auga e nadamos collidos da man, damos atravesado a piscina ao ancho sen sacar a cabeza.
-Xa, xa…menudo peixe estás feito. E o de peixe nunca mellor dito.

Apreciamos maior actividade, vemos prados, hortas, árbores… riqueza… entulleiras de carbón… Riego de Ambrós, seguimos baixando, soutos, regatos, e á súa beira chopos; Santuario de la Virgen de las Angustias (XVII) ponte medieval sobre o Meruelo e estamos en Molina Seca.

-Isto foi moi duro avó. Baixar, baixamos mais non tivemos baixada tan cansa coma esta, eu estou para o arrastre.
- Aguanta un pouco máis xa falta pouco.

Tivemos sorte de non ter roto nin un óso, nin sequera a bici.

Cítase a vila de Molina Seca por primeira vez no s. XI, nun documento do XII lemos “in villa que vocitant Molina sicca”. Existiron dous hospitais, un “Casa de Molina” e xa fóra da vila “San Lázaro” no s.XII. Igrexa de S Nicolás de Bari de arquitectura neoclásica (XVII) con tres naves e importante torre; no interior ten un retablo barroco no que destaca a cruz de Cristo Crucificado, anónima talla do s.XIV co corpo moi alongado;  é curioso o cruce das pernas, a esquerda sobre a dereita,cando é sempre ao revés; todo iso produce un movemento que resalta a importancia da figura.


-O que a fixo tiña que ser zurdo – di o Mikel.
-É unha teoría que non tiña escoitado. Mais, e por que non, un escultor zurdo? Ás veces dá a sensación de que a túa cabeciña rexe. Ben polo novo investigador!

Miroume serio. Como dubidando do meu comentario.

-Eu tamén o digo como o penso, non me estou cachondeando. Ás veces chámasme a atención, e esta vez para ben. Vale?

Seguimos a descender. Campo, entrada pola ponte Mascarón sobre o río Boeza. Rúa Real e praza Maior. A saída igrexa parroquial de S. Blas s.XVII, nesta zona debía de haber moitos afectados de enfermidades da gorxa.

Continuamos por un terreo chan, cruzamos o Arroyo de la Franca sobre unha pontiña de orixe romana pouco considerada.


Igrexa de Sta. María de Vizcayo, construción sinxela de lousa na que para nós destacan os canzorros de animais e bestas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario