luns, 22 de xuño de 2015

XXXIX. Maragato



…días de destilar candenciosos os zumes da vida
E someter cada minuto a un soño infinito de aurora.

Emilio Xosé Insua


Dirixímonos cara a Foncebadón nos montes de León e pasaremos dunha altitude de 870 m. de Astorga a 1430 en Foncebadón.

Máis hai outros camiños, xa transitados no s.XII como o do porto do Manzanal. Sábese da existencia dun hospital en Montealegre. O peregrino Hermann Künig von Vach fixo ese percorrido no s.XV e dinos “se queres valerte das miñas instrucións, volve á dereita e non terás que subir ningunha montaña, porque quedan todas á esquerda. O meu consello é que te gardes de Rabanal”.


Pola contra a maioría dos peregrinos, que deixaron constancia da súa viaxe, recomendan seguir cara aos montes de León: Laffi, Arnol von Harff e incluso Aymeric Picaud no Códice Calixtino di que …”logo está Rabanal del Camino, chamado tamén Captiuus…”.

Por unha vía peonil paralela á estrada baixamos suavemente; vai ser a única baixada, e chegamos a Valdeviejas, onde vemos a sinxela ermida del Ecce Homo do s. XVIII. Cruzamos a estrada por un paso elevado e seguimos por un camiño ata Murias de Rechivaldo, pobo que se desenvolve  a través da  rúa. Estamos no cerne da Maragatería, representada na vila de Castrillo de los Polvazares onde se pode gozar dun bo cocido maragato, polo que paga a pena desviarse algo do Camiño. Para nós é moi cedo para xantar así que seguiremos a peregrinación cara a Santa Catalina de Somoza. O Mikel vai tatareando “O cuco, cuco, cuqueiro…” Chegamos ao pobo de antigos arrieiros, que conta con varios albergues e en cuxa igrexa pode verse a reliquia de San Blas, patrón do pobo e protector dos afectados da gorxa. O tamboril e as castañolas animan as festas deste pobo. Saímos pola rúa Real e pola estrada chegamos a El Ganso, coa súa igrexa de advocación a Santiago El Maior que ten unha capela chamada“la del Cristo de  los peregrinos”. Coñécese a existencia dun hospital no s.XII. O máis curioso desta localidade son as teitadas, construcións populares con teitos de palla como as nosas pallozas.

“…iba con esclavina, con su cartera y su bordón, lleva zapato blanco, media de seda, sombrero fino que es un primor” canción de autor anónimo no que destaca a beleza da moza maragata.

Comezamos a subida cara a Rabanal, cunha paisaxe diferente con carballos, breixos e xestas.

-Xa se nota que imos cara a Galicia –dígolle a Mikel sinalando ás árbores e as matogueiras.
-Como se estivésemos na estrada de Bosende, en Lugo, onde ti vives. Un pouco menos verde…desde logo imos un pouco máis frescos, que voa falta fai.

Estamos no final da novena etapa que nos di o Códice Calixtino: Rabanal, co seu carballo “de los peregrinos” e preto temos a ermida de Bendito Cristo de la Vera Cruz do s.XVIII. pobo de tradición hospitalaria. Abandonado pola poboación e recuperada en grande parte grazas á rehabilitación dun albergue da Asociación Londinense de Amigos do Camiño de Santiago, a Confraternity of St. James, Rabanal foi visitada por ilustres persoeiros, nalgúns casos con fundamento histórico e outros pura lenda: Felipe II, Carlomagno… A igrexa da Asunción comezou a construírse no s.XII, de aí o seu porte románico. Consérvase a súa ábsida abucinada,; no interior bóveda de canón rematada en bóveda de forno na ábsida.

Seguimos por unha zona montañosa de bosque e pradería que vai acompañada dunha subida respectable. Temos que empurrar  a bici por mor de gozar da paisaxe. Poderíase ir pola estrada, mais perderíamos todas as vista. Mirando para atrás vemos as torres da catedral de Astorga.

-Que bonito avó!

- Alégrome de que vaias entendendo este negocio do Camiño. Ás veces toca sufrir para poder gozar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario