Non
temas.
Aínda
o paxaro ten canciós
e as
estrelas se alcenden cada noite
Manuel
María
E fundímonos nun
abrazo avós e nenos, nenos e avós:
Moitas preguntas,
frases entrecortadas, sen respectar ningunha quenda e oíndo todo a medias; o
remate é unha gargallada nerviosa e feliz.
-Tedes que nos
ensinar a Casa de los Botines.
Cara alí camiñamos.
Os nenos diante e nós detrás. Eles fala que fala, acena que acena…
-Que tal estes
meses? -pregúntolle a Lola.
-Ben, ben. Moita
tranquilidade. Traballando con Ilia, seguindo as indicacións das profesoras,
que por certo están moi contentas con ela. O seu pai cada vez esquécese máis
dela, ás veces penso que para el é un estorbo; a min dáme a vida, faime saír da
rutina, faime ser nai en lugar de avoa, case lle agradezo que non a
reclame…teño ilusión e faime ver as cousas doutro xeito…(fixo un aceno coa man
coma dicindo: seguimos). Hoxe pedímoslles o día libre para poder estar convosco.
Quero que se forme o mellor posible para ser o menos dependente, que poida ser
libre como o vento –sorrí-, libre para poder escoller a súa opción e gozar
dela; en fin o máis feliz posible…e…que eu o vexa…Quere facer o Camiño. Agora
énos imposible, a miña irmá está a punto de dar a luz e non nos perdoaría que
non estivésemos cando ela.
-O Mikel díxome que
lle ía propoñer a Ilia que fose a Lugo, a Foz e a Holanda e é moi teimudo, así que xa te podes ir
preparando. A invitación del tamén a fago miña, e eu tamén son cacholán, vennos
de familia.
Notei que prefería
cambiar de tema de conversación, como se estivese incómoda.
-Xa estamos a
chegar á Casa de los Botines.
Chegamos diante dun
edificio con elementos góticos e fantasiosos moi propios de Gaudí.
-Foi encargado a
Gaudí –dixo Lola- pola sociedade “Fernández
e Andrés” empresa fundada por Joan
Homs i Botinas (de aí lle ven o nome). Os xerentes tiñan relacións
comerciais con Eusebi Güel, que foi o
que lles recomendou a Gaudí, que estaba a traballar no palacio episcopal de
Astorga e que podedes ver cando por alí pasedes. Firmou os planos no ano 1891 e comezaron as obras no ano seguinte,
rematando nese mesmo ano de 1892 no mes de novembro. Como vedes, ten planta
rectangular e estilo neogótico, feito con materias modernos -incluso para a súa
época- como podía ser a utilización do ferro.
Todo isto explicouno
mirando para min, logo ladeou a cabeza para os nenos.
-Acordádevos do
nome de Gaudí, xa que foi un eminente
arquitecto e decatarédesvos diso cando, de maiores, visitedes Barcelona, onde
poderedes atopar a maior parte das súas
obras.
Mikel!, neogótico
quere dicir que ten elementos do gótico pero feitos noutra época, non no
medievo.
Quería ser
didáctica e non acugular aos nenos con detalles que ían esquecer facilmente.
-E como xa é hora
de xantar ímonos para a nosa casa, que alí temos preparada a comida que fixemos
para vós Ilia e mais eu. De acordo?
Asentimos e fomos
andando, os nenos coma sempre diante e nós detrás, comentando pequenos detalles
da cidade.
Do tempo case nunca
comentamos nada –pensaba mentres. Cando
andabamos por febreiro ía frío; nós non falabamos diso por Sabine que, como boa
norueguesa di: non hai mal tempo, hai
mala roupa. Mais agora fai un calor de carallo. Por iso lle agradecín
a Lola cando dixo que podiamos tomar unha cervexa nunha cafetaría. Os nenos
pediron zume de piña, Lola auga e eu cervexa.
-Que boa está.
Tiveches una idea caralluda... Quero
dicir unha boa idea.
Os nenos logo se
foron á praza a xogar.
Rematamos coas
olivas e a bebida e saímos. O que vin deixoume sorprendido, máis ben pálido;
aquilo tiña pinta de ser obra da mente
adoecida do meu Mikel, e máis aínda cando me decatei de que o garda que
guiaba o coche era o que nos achegara aos nenos no Barrio Húmedo, cando andaban a pedir cantando, lembraba as ameazas.
Cóntovos a escena:
O Mikel e Ilia sentados no balado do xardín sorrindo, e
dous gardas nun coche oficial cunha corda prendida na bóla do gancho de atrás e
a corda atada a dúas latas. A xente ríndo a gargalladas. Paran o coche, vermellos
de ira e, mirando para todos os lados, deciden, logo de falar dúas palabras
entre eles, desanoar a corda, coller as
latas e botar todo nunha papeleira; montar no coche e marchar sen preguntar a
ninguén. O noso garda mira para os nenos…e eu agradecinlle que non os
recoñecese, ou que fixese que non os coñecía.
Apertei o brazo a
Lola e fixemos o mesmo que o garda, seguimos camiño para a casa sen comentar
ren, sabedores de que iso era unha carallada
do Mikel.
-É mellor que marchemos
pronto. A amizade do Mikel non é recomendable para Ilia.
-Cala, oh, cala! O
que eu me pregunto é de onde sacaría as latas. Que pillabán é… canto discorre.
-Xa, xa. Non dirías
o mesmo se o garda vén por nós.
Chegamos á casa e
fun directamente a revisar a bicicleta mentres Lola nos servía un aperitivo:
branco de Rueda, mellor verdejo de Rueda,
e mosto para os nenos, acompañado dun abano de embutidos.
-Carallooo! Nunca a
vin así –dixen.
Nunca estivera tan
limpa e ademais tiña as cartucheiras cheas de chourizo, raxo embutido e queixo;
e a bota chea de viño. Non puiden reprimirme e fun en busca das mulleres e deilles
unha aperta e un sonoro bico a ambas as dúas que, por certo, se puxeron rubias
como os pilotos traseiros dun coche.
-Non é para tanto.
O Mikel merece moito máis…-dixo Lola.
Rimos os catro e
tomamos os aperitivos. Sentamos na mesa e degustamos bacallau ao allo arrieiro.
-É un prato que
aprendín a cociñar na conca mineira, concretamente en Fabero, espero que vos
guste.
-Está moi rico –dixo
Mikel.
Mirei para el, non
era normal que lle gustasen estes pratos tan elaborados. Desconfiaba de que o
dixese con sorna, mais esta vez decateime que o dicía en serio.
De sobremesa, arroz
con leite e para os nenos xeado.
O viño que tomei
tamén era de la Seca, e estaba bo. Canto cambiou este viño –pensei para
min, lembraba aqueles garrafóns de viño de
Rueda que mercábamos había anos, ao pasarmos vindo de Madrid camiño de
Galiza, un viño duro que só apetecía cunha boa carne. Hoxe, coas novas técnicas
e delicadas elaboracións, había bos viños en todo o Estado.
-É hora de darlles
os regalos que traemos –díxenlle ao Mikel.
Colleu a mochila e
entregoulles un paquetiño a Lola e dous a Ilia. Eu, do segundo da nena non tiña
información.
-Podedes abrir os
pequenos o máis grande é para que o abras cando xa nos marchemos (dixo
dirixíndose a Ilia), é un segredo que gardamos os dous.
Lola mirou para
min, eu puxen cara de póker pois non
sabía que demo era.
-Que bonito!
-Que chulo!
Eran dous colares
cun esmalte, un máis grande ca o outro, con debuxos copiados dos petroglifos
galegos.
Un café máis… Despedida…
Promesas de vérmonos nalgún dos lugares propostos por Mikel…e adeus, sentido e
emocionado.
E sen mirar para
atrás emprendemos o percorrido cara ao Mosteiro
de San Marcos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario