xoves, 4 de xuño de 2015

XXXVI. Bolos



quen camiña conta
quen non camiña escoita

Nicola Albani


Por onde iamos chamabamos a atención naquel velocípedo: amañado e co Mikel subido.

-Avó, a xente mira para nós! –dicíao con entusiasmo e orgullo-.

Dese xeito chegamos ao antigo Mosteiro reconvertido en Hostal para ricos. Saquei os meus apuntes e díxenlle ao Mikel:

-É un dos monumentos máis importantes do Renacemento Español. Hoxe convertido en parador. As súas orixes se remontan ao s. XII cando o rei Alfonso VII e a súa dona doaron o terreo destinado a construír un edificio para “hospedarse os pobres”; logo pasou a ser hospital de peregrinos. No s.XVI derrubouse e fíxose outro grazas ao rei Fernando o Católico, finalizándose no XVIII. A súa fachada é unha xoia do plateresco (parece unha obra de prateiros). Un claustro do XVI e dous do XVII e XVIII. A igrexa é do estilo gótico tardío. Iámolo comentando a medida que o visitabamos.

-Gustouche? O museo deixámolo para outro día, senón non acabamos de saír de León.
-Si, gústame ata o río, pon aí que se chama Bernesga. Tamén o albergue cambiou un chisco; de ser hospital de peregrinos a chegar a Parador de Turismo, eu diría para ricos, xa viches o que custaba cada habitación…
-Ti sempre tan crítico. De todos os xeitos levas razón, aínda que hai que ter en conta motivacións turísticas e económicas.

Feitas estas reflexións  continuamos o camiño cruzando o río, afluente do Esla e á súa vez afluente do Douro. Amplas avenidas ata chegar a pasarela peonil sobre as vías para ver o letreiro de Trobajo del Camino.

Pobo con historia de certa importancia.

-Mira avó. A que están a xogar?
-Son os bolos. Mira son nove bolos e tamén teñen un bolo máis pequeniño. As bólas parecen medias bólas. Escoita… chámanlles bolas cachas. Polo demais xógase o mesmo que aos bolos galegos.

Había bastantes miróns.

-A min recordoume a viaxe a Bretoña, a terra do meu pai, para que nos dixesen, un meu tío e outro veciño, como se xogaba, logo de regalarnos a madeira de buxo coa que nos fixeron os bolos e máis as bólas; alí quedaron no colexio da túa nai. En xeral, o xogo dos bolos proceden dos bolos celtas; cambian segundo o lugar no número e incluso no tamaño dos bolos e bólas, mais o xeito de xogar é o mesmo: as bólas lánzanse forte e van polo aire para derrubar os bolos; nada que ver cos bolos americanos, arrastrados polo chan. Ah! Lembra que os celtas poboaron unha ampla zona da península, moito antes da invasión romana: chegaron ata o pais vasco e ata o Douro; por iso se xoga aos bolos en Santander, Asturias ou Óbidos en Portugal. Seguro que xogaban nos castros aos bolos nas longas xornadas do inverno, iso creo, aínda que non teño ningún argumento histórico.
-Xa, que o dis por dicir…De todos os xeitos, ten que ser entretido.
-Si pero non vale poñerse a chorar cando se perde, como fas ti cando xogas co Brais, coa avoa ou coa tía.
-Choro de rabia…Aínda que agora xa non o fago.
-Algún sentidiño che vira ao facerte maior. Non sei quen dixo falando da xadrez “A xadrez é un grande xogo. Non importa o bo que sexa un, sempre haberá un mellor; tampouco importa que un sexa malo, sempre haberá outro peor” Isto pódelo aplicar ao xogo, e tamén a vida.
-Ademais con estes xogos non tes que comprar pilas.

Quería deixar o tema de mal perdedor.

-Moitos destes xogos populares son cos que nós (túa avoa e mais eu) xogabamos cando eramos pícaros. Hai colexios que os promoven; lembro o Colexio de Caaveiro que aproveitan o tempo libre para practicar vinte e cinco xogos populares, dos que descoñezo dalgún as regras: aro, billarda, bolas, bolos, botar a china, carreira de sacos, as catro esquinas, as chapas, lembras?, a chave, o peón, a corda, a goma, o cravo, a mariola, os pelouros, a pita cega, a rá, o tiro da corda, os tres en raia, os zancos, a zorregada, o brilé…Tamén teñen un museo do xoguete; lembro que tiñan unha bici de Álvaro Pino: un ciclista moi famoso, penso que gañou unha volta a España. Eles din, máis ou menos, que “o xogar é unha necesidade e unha forma de aprendizaxe imprescindible que desenvolve a imaxinación e favorece a socialización”. Co importante que é agora, que pasamos o tempo sós diante dun ordenador ou doutra maquiniña.

A esta última miña intervención no lle fixo moito caso, estaba coa cara de pensar…

-Temos de pedirlle a Sabine e Brais que nos digan como se xogan tres destes xogos.
-E ti sábelo?-díxenlle.

Contestou con outra pregunta.

-Que xogos destes xogaches ti cando eras neno:
- Ao aro (faciámolos con aro dos cubos vellos de latón), á billarda, ás bólas, ás chapas, ao peón, á pita cega, á ra (no Club Fluvial), tirar da corda, como fan os mozos de Foz e Barreiros cada un desde a su praia e deixando no medio a ría, lembras?, ao brilé, ao cravo…Case todos xogaban os nenos cos nenos e as nenas coas nenas, agás a pita cega e mais o brilé; cada xogo tiña a súa época do ano, non xogabamos o mesmo –nalgún dos casos- no verán que no inverno, nin o mesmo na escola que no barrio…Habemos xogar en Lugo coas bólas ao gua e máis ao manro… Oh! Cantas lembranzas…!

Funlle explicando ao longo do camiño algúns dos xogos, especialmente nas paradas que faciamos.

Todo isto do xogo ocorría á beira da sobria ermida do Apostol Santiago feita en ladrillo alá polo s. XVIII. Conserva unha escultura dun Santiago matamouros. Na portada de pedra, cunha cartela coa inscrición do ano1777 e no arco os símbolos da cruz de Santiago e mais a cuncha do peregrino. Está feita sobre outra anterior que tras reformas posteriores foi perdendo elementos patrimoniais.
Tamén existiu unha confraría que tanto axudaba aos peregrinos coma aos pobres ou incluso aos perseguidos por conta da Revolución Francesa.

E con estas chegamos ao Santurio de la Virgen del Camino.

-Esta igrexa non me gusta –di o Mikel- É moi fea e moi grande.
-Ben xa te afixeches a gozar da arquitectura clásica…Se lle preguntases a Silvia, a filla de Suso, que é arquitecta, posiblemente che diría que é bela, xa que é unha edificación moderna de acordo coa concepción da época en que foi construída, a mediados do s. pasado, segundo teño entendido.
-A min gústame moito máis a catedral de León.
-Son cousas diferentes e non se poden comparar.
-Mira, aquí existiu unha pequena ermida con anterioridade; construída para conmemorar a aparición da Virxe a un pastor alá polo principio do s. XVI -o  pastor chamábase Alvar Simón- cando andaba a coidar do seu rabaño e díxolle que lanzase unha pedra co seu tirafondo, tamén chamado tiracoios, e alí onde caese edificaríase unha ermida na súa honra; así naceu a primitiva ermida. Déronse outros moitos milagres como o do veciño en catividade como escravo dun musulmán, que xa cho contarei cando vaiamos de vagar.
Aquí tamén se celebra unha peregrinación o cinco de outubro: A Romeria de San Froilán, tamén é a data do comezo das festas do San Froilán en Lugo.
-Si, que como non cortes o rollo, non imos chegar a San Martín del Camiño para durmir.

Tan pouco lle gustaba que quería irse pronto. É de ideas fixas. Mais eu seguín co meu discurso.

-Dicirche que as esculturas que ves representan á Virxe e máis aos doce apóstolos, e cada unha pesa ao redor dos setecentos kg.
-Aparta de aí, que ao mellor che cae unha enriba e vai ser unha pena… pola bici.
-Vouche dar …Non sei se será mellor que te deixe aquí a ver se a Virxe fai de ti algo bo mediante un milagre. E despois vou por aí contándoo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario