Se vas e non volves deixas moito
no camiño…
Existen dúas rotas
alternativas a partir de aquí: unha partindo cara a Fresno del Camino ata conectar
co outro tramo preto de Puente
Órbigo e a outra percorrer un tramo pola N-120 e seguir o antigo Camino Real de León a Astorga.
Nós decidímonos
pola segunda e tamén de que levamos andado ao redor de oito km. Percorremos
catro km. máis por estrada e camiños asfaltados, naves industriais, etc. Ata
chegar á paisaxe do páramo, terreo sen árbores onde o sol fai das súas a pesar
de ir ben fornecidos de gorras,
camisas vaporosas e pantalóns longos para evitar queimaduras. A nosa pel non permite moito o contacto co
sol, por iso ambos os dous, untámonos de crema protectora aquelas partes do
corpo expostas ao aire.
Fáísenos tarde e
pedaleamos o que nos permite a nosa forma física, que é cativa.
Atravesamos Valverde del Camino, San Miguel del Camino e antes de entrar en Villadangos del Páramo facemos unha
parada para comer algo e gozar da paisaxe co pobo na zona baixa.
Coa navalla
cortamos algo do chourizón e salchichón, pan, auga e uns grolos de viño da
bota. Todo o facemos de pé, o cu xa pide que o relaxemos. Estamos debaixo dunha
cativa árbore, non hai moito máis. Xa temos ganas de chegar ao albergue.
Decidimos
continuar. Cruzamos o pobo, deixando detrás o Colexio Santiago Apóstol, a rúa Real, e embocamos un paseo de
chopos; seguimos por un camiño paralelo á estrada e por fin, un tanto suorosos,
chegamos a San Martín del Camino;
buscamos o albergue municipal do que nos falaran: papelame, ducha e cama,
facémolo esta vez como as pitas, aínda non é de noite e nós xa estamos
durmindo; mañá temos que madrugar para poder andar o máis posible antes de que
saia o Sol en todo o seu esplendor.
-Avó!, deixa de
facer caralladas!!!
-Chiiiiiissss!!!
Que a xente quere durmir!!!
-Avó!, ven –esta
vez dio baixiño.
-Érguete! E deixa
de facer o mangante.
-Como carallo queres
que me levante se me ataches os pés co teu cinto!
-E ti, como sabes
que cho fixen eu?
-Veña!, ídevos
dunha puñetera vez, queremos durmir!
-Iso, por riba vou
levar unhas labazadas. Esta hasma pagar. Non has durmir tranquilo.
-Ala! Érguete a
modo e deixa de parolar –mentres lle afrouxaba o cinto e o poñía no meu pantalón.Cambia de careto…
-Xa, xa. Puxéchesme
rubio coa túa bromiña.
-Máis rubio se puxo
o garda en León coas latiñas.
-Non sei de que me
falas.
-Xa…xa.
Almorzamos no
albergue e pagamos cinco euros pola cama e dous cincuenta polo café acompañado.
Recollemos e
puxémonos a andar.
-Sabes a que me
recorda o albergue?-dígolle a Mikel.
-Ti dirás.
-Aos barracóns que
tiñamos no Campamento de Reinante ao que iamos os meus amigos e mais eu.
Daquela era o mellor, eu diría o único, xeito que tiñamos de bañármonos no mar,
na praia das Catedrais, que por certo non a coñecían máis que os veciños da
zona.
A paisaxe parella á
que atopamos á entrada do pobo cun camiño, tamén, paralelo a estrada. Cultivos
de millo, hortas traballadas, e auga en abundancia. Chegamos á canle da presa Cerrajera e mais a canle de Castañón e pronto topamos coa ponte de
Órbigo, gótica de orixe romana, na que se aprecia con claridade a Cruz de Malta
con catro brazos iguais e oito picos. Por esta ponte pasan coma nós os
peregrinos; ten vinte arcos construídos en momentos históricos diferentes.
Tamén chamado “Passo Honroso” desde que no ano 1434 (Ano Santo) o cabaleiro don
Suero de Quiñones protagonizara unas xustas cabaleirescas durante un mes que
remataron cos vencedores facendo o Camiño cara a Santiago.
-Isto dos
cabaleiros era de coña –di Mikel-
igual que os vaqueiros: os fortes e hábiles eran os amos e o resto matados (nunca mellor dito).
-O peor non era
iso; o pobo traballaba para mal comer,
máis para alimentar ben á nobreza e aos clérigos: moitos a comer e poucos a
traballar.
-Máis ou menos como
agora: ti, a avoa, o Brais, o avolo e mais eu non traballamos.
-É que xa
traballamos abondo, e como dicía o Leocho á Dativa, a nosa veciña: “a min páganme a pensión para non traballar”.
E así chegamos a Hospital de Órbigo, coa poboación a
ambos lados do Camiño e á beira do río, con frondosas árbores. No s. XII dona
Mencia mandou construír a igrexa de San
Juan Bautista para os peregrinos, e no sXII foi cedida á Orde de San Xoán
de Xerusalén, que construíu un hospital de peregrinos nas inmediacións.
Hospital de Órbigo é paso da Cañada Real
de la Plata. Ao final do pobo e ata o Crucero de Santo
Toribio podemos escoller dúas rutas. Decidímonos pola da dereita, fértil
veiga onde se cultiva ata tabaco, remolacha azucreira, verduras variadas; este
camiño lévanos a Villares de Órbigo
que ten unha igrexa dedicada a Santiago, coa imaxe de Santiago Matamouros no
retablo maior.
Bebemos na fonte de
auga fresca, para o que temos que descender uns chanzos. Pasamos Santibáñez de Valdeiglesias, seguimos
entre vides…
Polo outro tramo (polo
que non quixemos ir por, entre outras cousas, polo que imos contar) ao
parecer no s. XVIII produciuse un
asasinato dun ricacho da Calzada, polo que foron axustizados varios veciños e o
resto deles decidiu marchar do pobo.
O Mikel dixo que
ese camiño estaba ameigado e que era mellor non irmos por el. Falamos
fundamentalmente da paisaxe e dos produtos que daba a terra; tamén do tipo de
vida e sobre todo do duro que era a vida do pastor. Viramos un de lonxe que, ao
acercármonos resultou un home moi paroleiro, explicou mellor do que eu o puidese facer
como coidaba do rabaño e mesmo lle fixo unha demostración ao neno, de como os
tres cans que levaba reunían e dirixían o gando.
Invitámolo a que
nos acompañase a tomar as once coa comida que nos preparara a Lola. A bota de
viño, que logo teríamos que encher en Astorga, deixámola decimada; gabou moito
a súa calidade. O pastor que, por certo, chamábase Gumersindo, ofreceunos uns
anacos de queixo de ovella, rico pero moi forte.
Despedida. Volta á
bici e sobre todo ao goce da paisaxe chan, e ás veces, coa posibilidade de
abranguer enormes espazos desde miradoiros naturais.
-Avó, aínda non
cantamos nada.
-Estas animado! E
iso que ti non probaches o viño.
-É por conta do
chourizo.
-Tes razón, só
falamos da paisaxe e dos produtos da horta, vai sendo hora que asustemos aos
paxaros coas nosas cantigas.
-Para recordar imos
cantar a Cantiga de Betanzos:
O primeiro no amor…
Non lembras, “Arroz con chícharos,
-Patacas novas…-di
o Mikel.
E así recordamos
outras dúas cantigas máis.
-E agora temos que
aprender unha nova que é da ría de Viveiro, aínda que o mar está lonxe, di así:
Catro vellos mariñeiros
todos metidos nun bote.
Boga, boga, mariñeiro,
imos pra Viveiro,
xa se ve San Roque.
Ailalelo…
Os mariñeiros traballan
de noite coa luz da lúa,
dá gusto velos chegare
pola mañán cedo
cheirando a frescura.
Ailalelo…
Traio sardiña e bocarte,
tamén xurelo pequeno.
Rapaciña de Viveiro
vén buscar o lote
do teu mariñeiro.
Ailalelo…
Popular (recuperado polo avó de Sara e María)
Ningún comentario:
Publicar un comentario