No
cume descúbrome salpicado de ás.
Só a
túa mirada está máis alta.
Joaquín
Carballido Parra
Imos chegando á
capital da comarca de A Maragatería, Astorga.
-Hai quen opina que
non debemos chamar comarca da Maragatería, que debemos falar de País dos
Maragatos. Tamén hai varias informacións sobre a procedencia do nome. A min
gustoume esta que che vou contar: entre outras, como faena, os maragatos, tiñan
a de transportar o sal de Galicia (mar) ata Madrid (os
Gatos), do mar aos gatos = maragatos.
-Gustouche, Mikel?
-Si, curioso… Oe
avó, eu e Brais como nacemos en Burela,
Galicia (mar), e vivimos en Holanda (canles), teremos que ser marcanlegos; unha raza especial…Teño que dicirllo á miña nai
para que nos trate dun xeito especial, xa que somos especiais.
-Si, meu neno,
si…hase rir. O do trato especial tamén, xa que ti es especial…algo tolo como o teu avó.
-Ti non cres que sexa especial?
Quen se vai atrever a andar o Camiño contigo se non é un ser diferente? Non ves
que ti non es quen de facer todo isto só. Seguro que te perderías…
-Oíches que xa
fixen a mili no ano sesenta e cinco
do século pasado.
-Pasado…pasado…Se
queres falamos do pasado…Si, do pasado… que
estás ti…
Con estas botouse a
correr e eu intentei pillalo; máis entre a bici e que era costa arriba,
decateime de que, se non quería facer o ridículo, o mellor era deixalo correr.
Vamos, como non dándolle importancia.
Logo dunha subida,
senteime e saquei a bota de viño para darlle un trago. Apareceu o neno, e coa
desculpa de que xa vira as murallas, achegouse e díxome:
-Este pobo é moi
grande.
-Este pobo é unha
cidade moi importante na historia deste país. E sobre todo para nós, os
lugueses por ter unha historia moi parella á nosa.
O nome de Astorga
procede de Astúrica Augusta, terra dos astures,
cidade fundada polo emperador Caio César Augusto a finais do século I a.C.
sobre un campamento romano, que á súa vez fora emprazado sobre un castro celta.
Esta historia é a mesma, calcadiña, da fundación de Lucus Augusti no ano 14 a . C. Teño aquí dúas
fotocopias da pax.31 e 51 do libro “Lucus Augusti” do profesor Antonio
Rodríguez Colmenero, que as fixen pensando neste momento do noso camiñar, que
responden a dúas preguntas: porqué veu o emperador ata esta zona da fin do Mundo, e como se fundou a cidade
de Lugo. Vouchas ler:
“…eran dúas rexións que por aquel tempo ousaban facerlle
fronte a Roma: a Gran Cantabria, limitada
ao norte polo mar do mesmo nome dende Oeaso (Irún) ata o cabo Fisterra, e ao
sur pola meseta, a fosa do Bierzo e os leitos do Sil-Miño ata o Atlántico; e A
Asturia, cuxo epicentro viría marcado daquela polo val de Órbigo e os montes situados ao
occidente do mesmo río…”
“…Son as calendas de maio (día 1 deste mes) 738 da
fundación de Roma (14 antes da era). Asomémonos ao interior do campamento
romano de Astúrica co fin de observarmos, coa imaxinación polo menos, o que no
interior do seu pretorio está sucedendo. O emperador Caio César Augusto,
despois de ter presidido durante unha mañá luminosa os ritos fundacionais da
nova urbe, nos que quixo estar persoalmente presente privilexiándoa co título
de Augusta, despacha reclinado sobre un diván da cámara nobre do posto de mando
supremo da lexión X Xémina, asuntos de goberno relacionados coa organización
dos territorios hispánicos recentemente conquistados. Rodéano mandos militares
da gornición e membros do seu officium (comitiva) persoal, entre os cales se
encontra o seu parente e amigo Paulo Favio Máximo, que o acompaña como legado
especial.
-Paulo, como xa ben sabes, teño que partir case
inmediatamente para a Gallia, pero necesito que ti completes nesta rexión o
programa de fundacións urbanas que hoxe mesmo se iniciou. Para iso necesito
enviarte como legado meu á outra banda
dos montes co obxecto de fundar as novas cidades de Lucus e Braccara, que en
Roma, e xunto con esta de Astúrica,
planificamos para esta fisterra ti e máis eu. Deberalas privilexiar tamén, como
esta, co meu sobrenome de Augusto. Aquí tes os pergamiños cos planos (formae) respectivos e as tabulae coas leis
fundacionais. Ademais, nalgún dos albergues deste campamento agardan as túas
ordes os augures encargados de levar a cabo os ritos. Empeza por Lucus, xa que
che resultará máis doado, posto que de momento, aínda que por pouco tempo, se
acha alí acantonada, dende o final da guerra, a lexión VI Vencedora, que entre
cuxos compoñentes escolleu o seu legado,
Caio Pupieno Rufo, un destacamento de operarios de diversas especialidades que
serán os responsables da erección da cidade na súa primeira fase, en canto a
ti, despois de a fundares, te ausentes.”
Asturica Augusta foi, desde a súa fundación, un nó importante de
comunicacións no N.O. do País.
Coa invasión dos
bárbaros, tanto Lugo como Astorga, entraron nun longo período de crises que
superaron en parte coa axuda de dous personaxes que viviron ao redor do século
VIII ou IX: o Conde Gatón e o bispo Odoario.
Ao Conde Gatón,
irmán de Ordoño I, encárgaselle, sobre o ano 854, a repoboación de
Astorga e terras lindantes. O seu papel foi fundamental para o aumento da
demografía e aumento da riqueza desde o punto vista económico e patrimonial.
En canto ao bispo
Odoario releremos os seguintes parágrafos do cronista Morales:
“…Quando oímos estas cosas nos dirigimos á la silla de
Lugo con muchos de los nuestros, y con los demas del pueblo tanto nobles como
de la plebe, y la encontramos desierta y despoblada. Entonces nos pusimos al
trabajo y levantamos a Dios un templo, la iglesia de Santa María, deliniamos
distrito para palacio y reedificmos la ciudad dentro y fuera, plantamos viñas y
frutales. A mas repartimos tierras á nuestra familia les dimos bueyes de
labranza y bestias para el servicio y hallamos junto al Miño arruinadas sus
alquerias.”
Tan parecidos
designios históricos que as catedrais das dúas cidades tamén están dedicadas a
Santa María, así como a de León e
Pamplona.
-Mira Mikel, no
século III as cidades romanas máis importantes rodeáronse dunha muralla para
poderse defender das invasións bárbaras. Toldas as murallas teñen o mesmo
deseño; a diferenza é que cada unha emprega o material da zona: lousa, cantos
rodados, cantaría ou ladrillos.
Aquí en Astorga ves
que quedan poucos lenzos da muralla, mais os cubos son iguais ca os de León ou
os de Lugo. Ao aumentar a cidade fóronse tirando anacos da muralla. En Lugo non
foi preciso derrubar ningunha parte da muralla porque a cidade non só non medrou senón que encolleu, se fixo
máis pequena e se ruralizou en exceso; por iso hoxe podemos gozar dela e
presumir de ter un Ben Patrimonio da Humanidade “Non hai mal que por ben non
veña.”
-Mira o que pon
esta placa?- di o neno.
Nací en Astorga el novecientos nueve
y allí quiero morir en mi remanso
familiar a dos metros de la nieve.
Leopoldo Panero
-Foi un poeta moi coñecido e moi
controvertido; é o pai dunha saga de poetas. Eu non sabía que nacera en
Astorga. Por iso esta rúa leva o seu nome.
Seguimos polas rúas
de Astorga, camiño do albergue de peregrinos Siervas de María. Edificio adquirido a esta congregación,
reconvertido en albergue pola Asociación de Amigos
del Camino de Santiago de Astorga e dirixido por bos amigos meus.
Ledicia e saúdos
agarimosos á chegada, recollida da bici e andaina pola cidade. En unha
distancia de cen metros todo o patrimonio importante de Astorga; a iso nos
diriximos comezando pola catedral.
-Mira, Mikel. Esta
catedral foi construída sobre outra románica…
-Que teima con
construír por riba da outra, así non a podemos ver, co que me gustan os
edificios románicos. É, que logo, non habería máis solares en Astorga?
-Tes razón. Non só
nas igrexas. É como se quixesen borrar épocas históricas pasadas para que só
quedasen as deles. Os romanos sobre castros, no medievo sobre palacios ou
templos romanos, no Renacemento sobre igrexas románicas; os cristiáns sobre patrimonio musulmán…e así poderiamos
continuar ata hoxe.
De todos os xeitos,
agora toca gozar do barroco desta fachada. Mira, Renacemento, volta aos
elementos clásicos…complicado eh!, mira, pouca decoración, moi sinxela… Barroco,
como o que estamos a ver, moita decoración; nos retablos moitas uvas…enténdelo
así, en plan chambón.
-Así, así… –dixo
acenando coas mans. De todos os xeitos é bonito.
-Ten a catedral,
unha estrutura gótica tardía, cunha ábsida renacentista e elementos
platerescos. No seu interior, as tres naves son dunha considerable altura,
cunha cuberta con bóvedas de cruzaría e un altar maior espectacular, obra de
Gaspar Becerra
.
De alí fomos buscar
un lugar onde comer cocido maragato. Fomos a tiro fixo a un restaurante que
nos recomendara o alburgueiro ou hospitaleiro, con decoración castelán nun
ambiente fresco, incluso de máis, que só o notamos antes de comer: sopa, verza,
garavanzos, sete tipos de carnes e as
verduras. A orde de comida é ao revés
do acostumado: carne, garavanzos, logo a verdura e o remate coa sopa; viño da
zona e auga, sobremesa da casa, café e copa de augardente (forte e duro, como
corresponden a uns viños de alta graduación). A comida non é propia da época,
mais é moi rica…ademais o neno comeu ben e non deu queixa ningunha. Xa non nos
parecía o lugar demasiado refrixerado.
Saímos á rúa e, de
todos os xeitos, notamos unha chea de calor.
-Imos ver o palacio
episcopal, hache gustar; parece o edificio dun dos contos que les.
Pouco tivemos que
andar. O restaurante estaba na praza do Concello preto, moi preto.
-É verdade parece a
casa dun conto… A casa da princesa Olaia –e comezou a inventar ,
rescatada das poutas dun fero dinosauro que vivía, non se sabe moi ben como (a
súa especie tiña desaparecido) nas covas de Valcochero, nas inmediacións de
Astorga. Por alí ninguén se atrevía a camiñar pois contábase que a meiga
Dosinda botáballe un meigallo a canto home ou muller por alí pasaba. Dese xeito
o dinosauro Comenenas era un descoñecido. As desaparicións de mulleres novas
crérase que era cousa da bruxa, mais ata entón ninguén a podía acusar de tal
cousa pois non se sabía con seguridade.
O cabaleiro
Ventura, que tivera sido o neno máis guapo do parque de San Francisco, cando se
soubo da desaparición da princesa Olaia, tramou un plan. Pediulle ao seu amigo
Suso de Pape unha apócema que el fabricaba e, que dicía que era licor café. Presentouse
na casa da meiga loando a súa beleza. A
bruxa puxo cara de poucos amigos. Pensaba que lle estaba a tomar o pelo,
que era moito o que tiña, pois era máis fea que o demo maior, mais o neno máis
guapo do Parque de San Francisco engatusouna poñendo cara de bo. Ata as meigas
se deixan engaiolar cando se lles fai a pelota. Bebeu e bebeu e a apócema
fíxolle efecto, medio bébeda cantou onde estaba a bela Olaia, e quen a tiña
presa. Como levaba dúas botellas, deixou unha para que a rematase a meiga xunto
coas promesa eternas… e partiu para a
cova. Repetiu co “dino” o mesmo máis
engadiu un pouco de beleño, non
chegaba só coa apócema. Non se deixou ver e, por suposto sen facer ruído ningún,
botou a apócema nunha cunca que tiña na entrada. Bebeu, meteuse na cova, e
volveu saír, bebeu… e así catro veces. E parecía que xa cantaba “Arroz con
chícharos”. Nese momento o cabaleiro, sen cabalo, entrou na cova e rescatou a
bela Olaia e a Sabeliña, que con ela quixera ir. Pasaron pola entrada da cova
mentres o Comenenas durmía profundamente, botando uns ronquidos que facía
tremer as árbores do lugar. E colorín, colorado, comendo moito chocolate do
lugar… este conto dámolo por rematado… Que che pareceu?
-Que tes unha
imaxinación desbordada. Anda, érguete do
banco, que parece que xa podemos entrar. Lembras a casa De los Botines en León? Pois cando lle encargaron facer aquela
casa, estaba traballando nesta.
-Godí.
-Non Gaudí. Onde
dixo Lola que tiña feito moitos edificios?
-En
Barcelona…Iniesta, Xavi e Messi.
-Iso…Que terá que
ver o touciño coa velocidade.
-Que os catro son
uns xenios.
-Algo de razón tes
aínda que é mellor que quede entre nós e que non se che ocorra dicirllo a
ninguén.
Comentaron o estilo
neogótico; o emprego de cantaría na súa construción e o fermosa que era a
capela. Tamén fixeron unha visita rápida ao Museo
de los Caminos e saíron cara ás ruínas romanas soterradas na praza.
-Avó, compre tomar
algo fresco que teño sede.
-Tes razón.
Sentaron nunha
terraza e o Mikel pediu auga e eu unha caña.
-Que ben se está
aquí, isto é o descanso do guerreiro.
Pausa e goce coa
bebida. Co derradeiro grolo díxenlle ao Mikel:
-Mira, ese edificio
é o Concello. Ten fachada barroca do s. XVIII. O curioso é o reloxo, cos
maragatos (figuras articuladas).
Nese momento deu as
medias e saíron os maragatos.
-Mira que chulo?
-Si, é bonito. En
Holanda hai moitos reloxos así e moito máis grandes.
-É verdade xa non o
lembraba. En Alemaña tamén.
-Temos que poñerlle
os deberes a Brais e Sabine. Primeiro pedirlles que nos digan que é o beleño e que é Beleño.
E que resolva esta
adiviña: Que pasou na miña casa desde as
doce ata a unha?
E con estas
marchamos cara ao Museo del Chocolate.
Importante a historia do chocolate en Astorga, o deseño da maquinaria, aínda
hoxe utilizada para a fabricación, a cantidade de fábricas que houbo e a
importancia que tivo desde o punto de vista económico. E sobre todo o arrecendo,
Astorga ulía a chocolate.
Tamén é coñecida
polas manteigadas. Sempre lembro as
mulleres vendendo no tren as manteigadas
de Astorga, cando ía ou cando volvía coa miña nai ao País Vasco.
Compramos unhas
libras de chocolate e enviamos un paquete para Brais e outro para Sabine e
Iago. Nós quedámonos con dúas para ir gozando delas polo Camiño.
Ao anoitecer
dirixímonos cara ao albergue, comentamos a ocupación desta temporada e
deitámonos cedo pois había que continuar o Camiño pola fresca.
Almorzo, por
suposto con chocolate churros e manteigadas…
Deixamos a cidade,
que xunto con Burgos, tivo máis hospitais de peregrinos ao longo da historia,
tanto dentro como fóra da cidade; calcúlase que chegou a ter abertos ata
vintecinco para peregrinos e pobres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario