Segue a formiga se queres andar sen fatiga.
(Refrán)
A antesala de
Ponferrada, nunha grande chaira no cruce dos ríos Sil e Boeza. Importante
cidade que debe o seu desenvolvemento ao Camiño e ao carbón.
Froitas e
hortalizas; envasado de vexetais: pementos, castañas…; gandería; industria:
palas de autoxenarodores, aceiros, cristal, cemento, electricidade…
Campus
universitario.
Centro
administrativo da comarca do Bierzo.
Ponferrada é a capital do
Bierzo. Ten unha poboación na área metropolitana de 95000 habitantes. No s. XI
o bispo de Astorga ordena a construción dunha ponte sobre o Sil para os
peregrinos a Santiago: Pons Ferrata… Ponte
Ferrato… Ponferrada.
Donos e señores
foron os templarios ata a súa
desaparición, habitaron o primeiro
castelo. Logo a familia dos Osorio,
despois os Condes de Lemos, os Reis Católicos…Ao tempo que se ía ampliando
a fortaleza.
A Basílica de la Encina comeza a
construírse no s. XVI sobre outra de
orixe medieval a torre é do XVII.
O castelo domina o
val e a cidade. Nel estamos despois de deixar a bici, pedir habitación e
duchámonos no Hotel El Castillo, antes de visitar o contorno, comezando polo
castelo.
-Mira, Mikel, o
castelo era o centro da vida no medievo: vivenda da nobreza, refuxio dos
campesiños ante un ataque, prisión, lugar para custodiar as riquezas, arsenal
de armas, centro de administración, albergue de tropas, lugar de adestramento…A
nobreza, ou mellor o dono da fortaleza, vivía na torre da homenaxe. O castelo
estaba protexido por un foxo de auga ou un barranco unido ao camiño por unha
ponte levadiza. Defendíanse en caso de ataque coas frechas que tiraban os
arqueiros e besteiros, ademais de tirar pedras, auga ou aceite fervendo aos
atacantes que pretendían subir con escadas.
Para tomar o
castelo utilizaban catapultas –debuxeille unha cun garabullo-, facían túneles e
escavaban nos muros para derrubalos. Mais, o máis utilizado era o asedio, rodeábase a fortaleza para que
non puidese saír ninguén e despois de meses tiñan que se render por mor de non
ter que comer.
-E como facían coa
auga? Algún castelo está no curuto do monte e non ten pozo.
-Aproveitaban a
auga da chuvia, recollíana en alxibes pintados con pintura de ferro para
conservala. Os alxibes tíñanos situados nos sotos da torre da homenaxe, que era
o derradeiro lugar onde refuxiarse se asaltaban o castelo. Agora pecha os ollos
e imaxina que están asaltando o castelo…
-Vexo moitos mortos,
moito barullo, moito fume…Uf, Que medo!
Percorremos todas as
dependencias e fomos comentando a vida do medievo, a preparación para a guerra
dos cabaleiros, os adestramentos coas diferentes armas, as fustas, a caza e a
necesidade de bosques próximos para practicala, as miserias do campesiñado
rebentados de traballar para manter a toda a nobreza e a todos os cregos eran
poucos a traballar e moitos a comer e por riba cando viñan mal dadas os que
padecían a fame eran as clases menos favorecidas; o Deus-Cristo castigador,
representado no pantocrátor, no crismón, sempre ameazante…e logo os
asaltantes de camiños, ladróns, vagamundos, en fin, sucidade e miseria tanto no
corpo como na alma, o maldito pecado…
-E sendo todo isto
así, como había quen fixese o Camiño –di o Mikel, coa cantidade de perigos que
podía atopar.
-A nobreza ía ben
protexida. Para o resto era todo unha aventura. Moitos cando iniciaban o Camiño
incluso facían o testamento por medo a non regresaren.
-Nós facémolo para
pasalo ben. Comemos cando queremos, durmimos onde queremos; gozamos da paisaxe,
dos monumentos, das persoas, facemos algunha que outra gamberrada que non imos contar;
e ti, por riba, xa levas degustado todo o viño de medio pais… As nosas
motivacións non son moi relixiosas que digamos. Por que o farían eles?
O neno quedou
mirando ao infinito e pensando sabe deus que..
-Uns facíano por
motivacións relixiosas, como purgar os pecados, promesas por ter saído dunha
enfermidade ou por terse salvado dela, tanto el como un familiar, ou
simplemente para facer méritos ante Deus. Outros facíano por encargo. Outros
por sobrevivir. Outros por vagamundear. Por roubar. Por afán de aventuras. Por
cuestións esotéricas… En fin, polo misterio que encerra o Camiño. Parecidos
motivos polo que se fai agora.
Iso si, con moita
máis seguridade ca antes, aínda que as veces teñamos que carretar chinches como ocorrería no medievo. E
agora que xa vai anoitecendo ímonos divertir un pouco recitando uns cantares de cego. Poñémonos as puchas
que temos para o sol e as gafas escuras; eu fago de cego e ti de lazarillo. Que che parece?
-Eu non sei cantares de cego.
-O único que tes
que facer é presentarme, iso falo ben, e logo repetir o último verso de cada
estrofa, imos ver como o fas:
O Alalá foi a Roma
o Alalá foi e veu,
foi dicirlle ao Padre Santo
que viñese ao xubileu?
-Que viñese ao xubileu? -dixo o Mikel.
-Moi ben, imos aló.
Dáme a man e tira de min como se fose cego. Sentamos na entrada do castelo.
Fixemos como
tramamos e antes de sentar xa tiña ao neno pregoando:
-Señores e señoras!, donas e cabaleiros!
Presten atención ás coplas do cego de Bosende! Aprendan, pensen…e gocen.
Mentres falaba o
neno, eu tocaba a frauta con música de fondo interpretando Negra Sombra.
Voulles dicir unha cousa
que os ei de facer rir
un gaiteiro moi gracioso
un día do mes d´abril .
Il chamábase Cristovo
i-a súa muller Micaela
tocaba nas romerías
fuliadas e nas
festas.
Ganaba moito diñeiro
tocando a súa gaitiña
homes, rapaces e vellos
rabeaban por oíla.
Cristovo na foliada
bebeu demais unha pinga
e despois vendeu a gaita
sin sabe-lo que
facía.
E cando chega á casa
borracho com´on pelexo
¿qué lle fixeches á gaita?
Cristovo que non
cha vexo.
A miña gaita vendina
á noite na foliada
porque estaba acabadiña
vella xa non
tocaba.
Sácate d´ei Cristovo
sinvergonza e porcalleiro
para que vendiche-la gaita
s´eu sin gaita non
te quero.
Cristovo qu´aquello dixo
salió coa cabeza baixa
dicindo: válgame Dios
para qu´eu vendería
a gaita.
Cristovo ó ver aquello
comprou outra nova gaita
entrou pola casa adiante
tocando unha
ribeirana.
Miña Mica, Micaela
podes estar contentiña
tráioche outra gaita nova
moito millor que a
que tiña.
Micaela ó ver aquello
botoulle as maus ó punteiro
E dixo bailando sóla
Tirulí, meu
gaiteiro.
O Mikel non se cortaba ren e
pasaba a gorra ao tempo que anunciaba:
-A seguinte copla,
menos festeira, máis tráxica, máis truculenta, só se pode contar porque non hai
nenos que a podan escoitar, xa que logo, non serían quen de poder durmir esta
noite: Donas e cabaleiros! Con vostedes o
Cego de Bosende recitaralles “O Cantar de Cego de Vilacastelo”…
Aplausos, gorra e
sorriso engatusador…
Finalizado o romance:
-E para rematarmos,
escoiten algo que pasou na realidade, un caso clarísimo de violencia de xénero:
“El hombre secuestrado en una cuadra, durante dos años,
por su malvada mujer”(1)
Remate…, moita
xente aplaudindo… O Mikel gozando da súa gorra facendo o bufón, dando saltos como
os saltimbanquis… e facendo rir.
Erguémonos, deume a
man e saímos cara ao hotel. Non vía un carallo entre a noite e as gafas.
Entramos, cambiamos de look e
volvemos saír para percorrer a cidade comezando polo concello.
-Avó, xuntei trinta
e tres euros e cincuenta céntimos.
-Dirás xuntamos.
-Non, que a ti
dábache vergoña pasar a gorra.
-Vaia morro tes!
-Ben, invitareite a
un grolo de viño e non te queixes que non mereces máis.
(1)“Cantos, coplas e romances de cegos”recollidos por Baldomero Iglesias Dobarrio (MERO) e Xosé
Luis Rivas Cruz (MINI)
Fomos andando pola
zona vella. Pasamos por baixo dunha antiga porta de muralla e topamos co concello,
un edificio con dúas torres e co escudo da cidade no centro da fachada,
lembrounos o Concello de Astorga sen o reloxo cos maragatos, e cunha
arquitectura máis sinxela. Posteriormente entramos nunha adega con pinta de ter
bo viño.
-Mira avó, aquí
debe beberse bo viño.
-É aquí onde queres
convidar… Imos logo. Recorda o que dixo o peregrino Künig von Vach no s.XV:“Atención ao viño de Villefranken, que
esvara pola gorxa como as bágoas dun cirio”Así que teremos coidado…aínda
que non temos que coller a bici, de aquí iremos á cama…
Pedimos viño da
zona e un mosto, tamén unha tapa de chourizo cun certo picante que tiraba pola
bebida.
Seguimos polas
vellas rúas da cidade. Pateamos a Ponferrada antiga ata que topamos cun mesón
que nos pareceu o idóneo, como así foi, para cear; agradable na decoración, no
ambiente fresco polas vellas paredes, non polos artefactos refrixeradores, e a
comida ben preparada e ben presentada; así degustamos un prato de cecina, pementos asados do Bierzo,
troitas e tarta de mazá da zona, regado con viño de uva mencía e zume, esta vez fresco). Deixamos o café para gozalo nunha
terraza. Ía unha noite quente e agradable e a etapa de mañá, sobre todo a
primeira parte, é moi cha e o esforzo será menor aínda que hai que contar coa
calor que por aquí aperta ben e de cheo.
Cama e soño
reparador.
Logo do almorzo e
do repaso da prensa do lugar, retomamos o Camiño chamando un pouco a atención
co Mikel montado no trebello da bici
co paraugas despregado, non porque chovera, senón pola conta do sol que xa
petaba ben e gozando de acaparar a atención do persoal. Parecíamos seres doutro
planeta, ou mellor un par de tolos, cun paraugas cos colores do Club Deportivo
Lugo (vermello e branco), e que por medio dun amaño permitíanos telo aberto sen
necesidade de ocupar as mans, e que apenas despregáramos co mal tempo en toda a
viaxe e agora tiñamos que utilizalo para o que non tiñamos pensado.
Saímos da cidade
por rúas estreitas, anchas, beira rúas, semáforos, avenidas… Andabamos para
adiante, preguntabamos, andabamos cara atrás, por mor das confusións, cando non
atopabamos os sinais ou cando nos parecía que faltaban.
Ningún comentario:
Publicar un comentario