Tempo ido, tempo perdido.
(refrán popular)
Deixamos detrás a
cidade.
Admirar a paisaxe
de beleza extrema cos seus soutos, nogueirais, carballeiras…ameneirais; aguias
reais, corzos, lobos, raposos, xabaríns…todos eles xa non nos abandonarían…en
moitos kms.
Lugares onde morou
Genadio, eremita da Cova do Silencio.
Montes Aquilianos e as terras de Valdueza
coa súa preciosa paisaxe onde viviron Fructuoso e Valero, anacoretas que xunto
con Genadio fundaron mosteiros como o de Santiago de Peñalba xoia mozárabe do
s. X, xunto coa igrexa tamén mozárabe de Sto. Tomás de Ollas.
-Poderíamos
aproveitar o desvío a Santiago de Peñalba para visitar As Médulas:
“Paisaxe de 2000 ha . de aspecto máxico, recorda en algo o
parque de Cabárceno en Cantabria: antiga mina de ferro acondicionada para un
fenomenal zoolóxico; mais as Médulas teñen unha ensoñación vermella única. É o
resultado de ter sido a explotación aurífera máis importante do Imperio Romano.
Para a súa explotación construíron o maior acueduto da época, o máis importante
trasvasamento de auga do momento con materias que non se deron conservado no
seu percorrido de moitos km. O que si se conserva é o lugar convertido en
camiño para imaxinar a importancia dos canles e gozar da paisaxe. Con ese
caudal, convertido en chorro de auga lanzado contra as ladeiras da montaña e
por mor da constitución dos elementos que a conformaban, podíase derrubar a
arxila e os croios ao val onde a esperaban os escravos para peneirar e separar
o ouro da terra. Aínda quedan restos suficientes para comprobar as técnicas
empregadas.
Esa excursión será
motivo doutra viaxe noutra ocasión…Que
che parece?
-Si, temos que vir
con Sabine, Brais e Iago. Que para falaren de Lugo teñen que saber algo dos
romanos.
-Como se ti
soubeses moito.
-Entre o que me
contas ti e os contos de Asterix xa sei como para falar un par de días.
-Para
falar…falar...si que estas preparado…aínda que sexa para aburrir ás pedras.
-Teño a quen me
parecer, ou non?
-Terás meu
neno…terás. Agora, non sei porque será, lembro esta adiviña; a ver se a sabes?
Unha señora
mui aseñorada
sempre está na casa
e sempre está mollada
Retomamos a traza
xacobea e como se fósemos cabaleiros percorremos as terras bercianas pola
chaira (530 m .
Ponferrada, 500 Villafranca). Con pouco esforzo e gozando do día.
Compostilla, pasamos preto da capela
neorrománica. Pista asfaltada, que facilita o noso pedaleo, túnel e cultivos de
vide…cultivos de vide…
-Bonita paisaxe eh!
avó, madía leva…todas viñas…
-Este verán heille
dicir a túa nai as veces que perdes a
vista con esas maquiniñas que me parecen da Guerra
das Galaxias; e ti sabes que a ela non lle gustan moito.
-E logo, non fuches
ti quen me deu cartos para que a mercase?
-Xa…xa…Non sabía
que ías investir niso.
-Sabías, sabías…
Igrexa de San
Esteban e xa estamos en Culumbrianos. Podemos
distinguir restos de antigos castros. Ermitas de San Juan e San Blas, rodeadas, como a igrexa, de viñedos con uva mencia (para os viños tintos). Volta á
pista asfaltada. Un cruceiro con Santiago Peregrino e Cristo Crucificado nos
sinalan Fuentes Nuevas, ermida
del Divino
Cristo e continuamos por pistas contemplando a mesma paisaxe cunha carga de
calor superior a medida que avanzamos. Camponaraya,
este concello é citado por 1ª vez no s. XV no itinerario de Van Harff; pobo
alongado no que temos que cruzar o río
Reguera de Naraya. Pasamos preto dunha cooperativa de viño onde o Mikel
asoma o fociño, chámano e ensinan as adegas. Agradecementos… e a bota chea do
mellor viño mencía que trasfegan.
-Sempre che amaño
os teus problemas. Xa ías notando necesidade dun grolo de bo viño…e ademais de
balde. Tes un neto que vale o seu peso en ouro.
-Anda déixate de lerias
e imos comer algo nesta área de descanso. Aínda nos quedan vituallas da que nos preparou Lola. Toma o zume, ha estar un pouco
quente.
Non era moito o que
tiñamos, mais así poderiamos rematar co queixo e co lomo. Xa non se conservaban
ben pola calor.
Seguimos o noso
andar, despois do asueto, por unha pista e atopamos na súa beiravía catro pegas
picoteando nalgún resto ou nalgún grao.
-Mira Mikel –dígollo
sinalando as aves- son pegas. Están picoteando, non sei en que.
-Serán graos.
-Pode ser, mais as
pegas son omnívoras (o neno pon a cara de “e a min que me contas”), tranqui
colega, non é preciso que aprendas o
nome, déixame explicar…
-Xa, se pareces o
meu mestre, que sempre nos está a aclarar todo e ás veces xa estamos de volta.
-Déixame falar, oh!
Seguro que teu pai que é moi afeccionado aos paxaros cho explicaría mellor,
mais non está aquí, así que tes que me aturar.
-Non te piques…nin que non me coñeceses. Anda,
cóntame todo o que saibas desa palabriña.
-Todo o falas ti,
eu non me piquei. Ben, quere dicir que tanto come produtos que dá a terra, como
insectos, restos de animais (prea), ovos etc. É curioso ás veces cando
descobren un animal grande morto, que non lle poden entrar, fan moito ruído
para que veñan outros animais máis grandes: voitres, lobos, raposos…para que
lle fagan o traballo e así só lles queda esperar que se enchan e elas rematan o
festín picando nos restos e deixando
os ósos limpos.
Ás túas avolas (chámanlle avolo ao seu bisavó)
non lles gustaban nada, eran moi supersticiosas…,
quero dicir que as consideraban de mal agoiro…, perdón, non entendes nada?… como cho diría… xa sei: “que se as
vían crían que lles daban mala sorte”. A nai da avoa pensaba que se ao pasar a
carón delas voaban para a esquerda poderiamos ter un accidente; o que ocorría
era que se estaban a dereita ían para a dereita e se estaban a esquerda ían
para esquerda, non era cuestión de sorte, era cuestión de onde estivesen. A
miña nai non as quería ver diante da casa por que pensaba que ía ocorrer, ao
día seguinte, unha desgraza familiar…”vai
con coidado, mira ao cruzares, sempre pola beirarrúa, é que onte vin unhas
pegas”, iso me dicía cando era pequeno coma ti. Tamén noutros sitios e
noutros tempos como na Idade Media as relacionaban coa bruxería, igual ca os
corvos. No único sitio que falan ben delas, creo, é en China.
-Entón comen o que
se lles poña por diante -dixoMikel.
-Por iso hai
tantas.
-Teñen negra a
cabeza, o pico, a cola e as patas; e branco o peito e parte das patas. A cola
reflicte unha cor azul…
-Creo que fixeron
experimentos con elas e comprobaron que teñen unha intelixencia superior ás
outras aves, xa que son capaces de recoñecérense diante dun espello; iso tamén
o fan os golfiños, as baleas e os elefantes…
-Cantas cousas
sabemos –dixo o Mikel-
Eu, por suposto
sorrín. Xa sabía que me estaba a provocar.
E non sei ben porque lembrei este poema:
Ningún comentario:
Publicar un comentario