xoves, 23 de xullo de 2015

XLIII. Modios



Ti es a miña escritura
O meu poema é a túa realidade

J. Luis Calvo


Logo de que as pegas emprendesen o voo, por suposto pola dereita, nós continuamos o camiño gozando do relaxante que era admirar a paisaxe de viñedos. Pequena baixada e chegamos a Cacabelos.

-Cacabelos. Cando era pequeno, aínda non había TV, os sábados ía, ás veces,  recoller ao meu pai a un almacén de viños que tiña ese nome. Creo que naquela época había máis dun en Lugo. O avolo tamén ía ao terminar o traballo, dábanlle o viño nun porrón pequeno de cristal. O nome do almacén presupoñía que o viño era desta zona, tiña, según dicia meu pai, bo padal e moitos graos.


Cacabelos, entre Ponferrada e Villafranca, a Historia relaciónaa cun importante castro do que falan os romanos como Bergidum Flavium, cidade indíxena prerromana Bergidum…que se converteu en Bierzo, posiblemente. A importancia de Cacabelos débese fundamentalmente aos viñedos (fálase de que os trouxeron os monxes de Carracedo) e ao Camiño de Santiago, pois estivo moi vinculado ao arcebispado de Santiago ata o s.XIX. O arcebispo Diego Xelmirez axudou na construción de edificios, entre eles a igrexa de Santa María, da que se conserva a ábsida románica e no pórtico unha Virxe do s.XIII (románica, coroada como raíña e señora en oración e sentada), que segundo a tradición procede dun primitivo templo aproveitado na capela do cemiterio. O resto foi reconstruída no s.XVI, a torre e o coro son recentes, de principios do s.XX. No s.XIII o rei autoriza e concede permiso ao arcebispado para celebrar unha feira con transaccións comerciais durante quince días. Outra curiosidade é o tributo que implanta Alfonso VII: “…seis modios (medida romana=8,75 litros, aparece como medida de capacidade, non de peso) de prata, tres de trigo, unha vaca, tres porcos, tres miedros (12 cántaros) de viño, catro  carneiros, vinte galiñas, cen ovos, dúas libras(0,454kg.) de cera e unha de pementos e unha senada (porción de cousas que caben debaixo da saia) de vinte modios(dificilmente lle poden caber debaixo da saia) que se entregará pola festa de San Martín.”
As casas de Cacabelos fóronse aliñando ao longo do Camiño. Entramos polo Campo de S. Bartolo e noutrora famosa Fuente de la Salud. Na Plaza de S. Lázaro existía un hopital ou lazareto destinado a enfermos contaxiosos; este hospital está documentado. Chegamos á igrexa parroquial de Santa María de la Plaza. Existiu outro hospital sostido polos veciños coñecido como o Hospital del Pueblo e posteriormente fundáronse hospitais noutras épocas da historia do pobo s.XIV e XVI.
Deixa de depender do arcebispado de Santiago no s.XV, época na que o bispo dona a vila ao Conde de Lemos e logo de variados cambios convértese en Concello no s.XIX.
É de salientar que nos primeiros anos do s.XIX vai sufrir moito no seu desenvolvemento económico e social debido a tres feitos moi importantes: a Guerra da Independencia, a Desamortización (proceso iniciado por Godoy polo que se expropian e se venden en poxa pública tódolos bens da Igrexa e das Órdes Relixiosas)  e unha devastadora praga de filoxera que destruíu os viñedos. A explicación ao Mikel foi máis sinxela: guerra contra os franceses (batalla sita na propia ponte entre franceses e ingleses), coller e vender e enfermidade; non profundicei máis nas importantes consecuencias das que el se decatou ao seu xeito.
Posúe moita riqueza patrimonial que recomendamos ao visitante.
Continuamos pola paisaxe ondulada de viñedos e máis viñedos,  suando debido ao sol e a unha costa da beira vía anterior á chegada a Pieros, onde destaca a igrexa de San Martín, consagrada no s.XI por Osmundo bispo astorgano.
E xa, camiño de Villafranca, camiño desviado e volto a desviar por mor do aproveitamento dos viñedos. Beiravías, ondulamento do trazado e forte subida ata chegarmos ás  primeiras casas da vila. Vila situada no val delimitado polos ríos Valcarce e Burbia, historicamente o núcleo máis importante do Bierzo e rivalizando con Ponferrada. No ano 1822 e dun xeito efémero foi a capital da quinta provincia galega. A orixe, como noutras vilas do Camiño, debeuse ao establecemento dunha comunidade de francos e a fundación dunha comunidade de monxes cluniacenses no s XI; e por certo, por estas datas a metade da poboación era estranxeira. Na Baixa Idade Media pasará a depender de varios señores, tanto eclesiásticos como civís, ata que os Reis Católicos no s. XV outorgan o marquesado de Villafranca a Juan de Osorio e Luis Pimentel, que engrandeceron a vila con igrexas e conventos.
Lazareto fundado no s. XII e hospital de Santiago do que aínda se conserva o seu edificio que chegou a ter botica e igrexa propia. Hospital de S. Roque, de S.Juan e da Villa o dous Pobres.
No alto da vila atópase o castelo dos marqueses de Villafranca s.XVI. incendiado na Guerra da Independencia e chegou a ser penal. Reconstruído no s.XIX de planta cadrada rematado con material de ladrillos, nas esquinas ten catro torres con matacáns (zona que sobresae con buratos para ver ao inimigo e poder tirar pedras ou aceite fervendo…) Ten varios escudos das familias que o habitaron.

-A que che gusta iso dos matacáns. Seguro que xa te imaxinas facéndolle algunha falcatruada ao Brais.
-Que mal pensado es. Pois non, estaba pensando en facercha a ti…
-Eu xa dicía…Anda imos ver a igrexa de Santiago.

É un templo románico do s.XIII e un exemplo da transición do románico ao gótico; ten unha só nave de bóveda de canón cunha ábsida típica do románico. Das dúas portas a máis interesante é a do Perdón con escenas da vida de Cristo, por un lado, e polo outro con escenas vexetais e de animais fantásticos; na arquivolta exterior está representado Cristo en Maxestade. Conta a tradición que os peregrinos que por calquera impedimento non podían continuar a Compostela, se comulgaban de xeonllos nas escaleiras da Porta do Perdón, tiñan os mesmos méritos relixiosos que se o fixesen na Catedral de Santiago.
Convento de la Anunciada, Colegiata de Santa Maria (a única que atopamos aberta, cun caos arquitectónico apreciable, varias escolas construtivas… a min gustoume e a Mikel impresionouno). Convento de San José. Convento de la Concepción.  Monasterio de S. Francisco. Iglesia de S. Juan. Hospital de Peregrinos… Isto precisa dun fin de semana e tranquilidade, sosego e a gozar da súa afamada gastronomía…

-Imos dar unha volta polas estreitas rúas, comprar algo para comer e escoller entre a saída por Pereje ou Pradela.
-Eu teño gañas dun xeado de chocolate.
-A por eles que son poucos e pequeniños.
-Acorda aquilo que me cantabas: “eles eran catro e nosoutros oito, menuda malleira que nos deron eles a nosoutros; eu como o máis forte me tirei ao máis frouxo, me cago no leite, se non mo quitan, sácame os ollos.

Compramos comida. Sentamos nunha terraza e o Mikel tomou o seu xeado e eu o meu café. Non sen antes levar por diante un par de ovos con patacas e xamón frito.
Recollemos e iniciamos a etapa undécima segundo o Códice Calixtino. É a etapa que vai de Villafranca ata Triacastela. Temos pensado facela en dúas xornadas.

Pasamos a carón do monumento ao peregrino. Cruzamos o río Burbia e continuamos cara a Pereje, fixemos a elección por ser a ruta máis aceptada.
Primeiro pola beiravía da estrada e coa compaña do río Valcarcel.  Incómodo camiño, mais mellorado nos últimos tempos pois o groso da circulación vai pola autovía. Varios viadutos nos protexen, o mesmo que a fileira de chopos e castiros que nos leva a Pereje.
A principios do s.XII deuse unha sonora disputa que enfrontou aos monxes cluniacenses de Villafranca cos monxes de Aurillac que residían no Cebreiro; chegaron a intervir o Rei Alfonso IX de León, a raíña Dona Urraca e o mesmo papa Urbano II. Todo foi por mor da construción dunha igrexa e un hospital en Pereje. Ao final, como ocorre case sempre, gañaron uns (os monxes cluniacenses) mais custoulles importantes concesións. Hai documentación que acredita a existencia do hospital no ano 1168.
Atravesamos a localidade, con construcións típicas da zona, isto é, lousa caleada e amplos balcóns orientados ao sol; todo o pobo alóngase co Camiño. Retomamos o carril peonil, seguimos, en parte, á beira do Valcarce gozando do seu bosque e especialmente dos impresionantes castiros que nos han levar a Trabadelo.
Parece ser que se sabe da súa existencia desde o s. IX co nome de Decimiani. No s. IX o rei Alfonso III dóao á igrexa de Compostela. Enclave repoboado polo bispo Diego Xelmírez. Sábese que existiu unha capela de San Lázaro, aínda hoxe se fala da “Mata de la Ermita”. Contou seguramente cun hospital. A igrexa parroquial dedicada a San Nicolás ten unha imaxe sedenta da Virxe co Neno do s. XIII ou XIV.
Seguimos o camiñar ou mellor o pedalear por unha pista asfaltada, superamos un regato e chegamos de novo ao carril peonil.
-Oe Mikel! Non imos moi faladores. Non sei…
-Cala!, cala! –dime baixiño- e aparca a bici.

Paro, desmontamos, e quedo con cara de parvo mirando para o neno.

-Mira! Dimo baixiño e colocando o dedo furabolos diante dos beizos.

Miro… e vexo un exemplar espléndido de corzo en pose, como se nos estivese esperando e quixese falar con nós. Son uns segundos que nos parecen unha eternidade, con desconcerto, sorpresa, admiración, goce, beleza…; e cando xa lle parece que nos demostra que está alí, torce a cabeza e arranca a trote durante uns metros para dar un salto espectacular de unha beleza incrible e desaparecer tras unha matogueira.

-Viches que bonito –di o Mikel-.
-Fantástico. Agora abundan ao seren protexidos. Non é sinxelo atoparte con eles, son moi recatados (tímidos?) e a súa casa está nos bosques, practicamente de toda Europa. Decatácheste de como nesta época do ano ten o pelo avermellado; no inverno é grisáceo. Os cornos dos machos son pequenos e pola zona do cu teñen cor branca. Da mesma familia de cérvidos son os cervos, os gamos, os alces, os rebecos…O corzo debe ser o máis pequeno de todos eles. Crían dos meses de setembro a abril e durante sete meses; paren en maio ou xuño, unha ou dúas crías; aliméntaos a nai durante tres meses. Poden ter fillos a partir dos dous ou tres anos e viven ao redor de dez ou once anos. O seu inimigo máis importante é o lobo.
-Parecía como se quixese falar con nós.
-Xa, porque quedamos parados, se nos movésemos íase moito antes.
-Temos que continuar. Anda, sube, por agora aínda podo contigo, máis adiante xa veremos.
-Cando canses…lévote eu…
-Xa, xa, sonche noventa e cinco fermosos quilos. Estaría apañado se me tiveses que levar ti.

E xa estabamos en La  Portela de Valcarce, atravesamos o pobo e seguimos cara a Ambasmestas, mais antes preguntando chegamos a visitar unha ferraría con moi boa conservación feita por Nemesio Fdez. no s.XIX; e o curioso é que este personaxe chegou a ser dono de cinco ferrarías. Podemos apreciar aínda a casa mansión dos propietarios, a fragua, a carboeira, o banzo (a presa da auga), a palleira coa corte para os cabalos, o muíño…

-Cando eu era neno había moitos ferreiros. A min gustábame velos traballar o ferro nas fraguas,  dándolle forma nas bigornias ás ferraduras para os cabalos, reixas, coitelos, ferramenta para as obras, ferramenta para traballar a terra…o que pasa que eu só os vin traballar utilizando como enerxía a electricidade e estes usaban a auga, parecido aos muíños; lembras aquel que tiña o tío de  Xosé Manuel na Tolda?.
-Si, que a auga movía o rodicio e a pedra para moer.
-Unha vez contoume Pepe Cigarrán que no seu pobo había dous amigos que sempre se estaban facendo bromas, algo así coma ti e eu, mais eles eran un pouco máis brutos. Unha vez un dos amigos encargáralle ao outro (que era ferreiro) que lle amañase un sacho. Sabes que o ferro ao saír da fragua sae vermello e ao pouco ponse escuro mais segue con moitísima temperatura. O ferreiro veu vir ao amigo e colleu o sacho amañado coa man, que acababa de quentalo na fragua e deullo ao outro, creo que os berros que pegou sentíanse na parroquia veciña; saíu correndo e meteu a man nun regato que por certo levaba auga fría da montaña. Foi ata a casa e colleu a escopeta, xa que era cazador, e quería volver a xunto do ferreiro con ela cargada; menos mal que a muller estaba na casa e non lle deixou, ademais intentou amañarlle a desfeita que fixera o ferro ardendo. Estiveron sen se falar máis dun ano e iso que foran mozos da mesma quinta en África en tempos difíciles.
-Pero non dis que o ferreiro lle deu o sacho agarrado coa man –dixo o Mikel-. Non entendo nada.
-Se coñeceras ferreiros saberías que teñen as maos con calosidades abondo para poder aguantar a calor.
- Agora xa entendo. Xa podía dominar eu esa técnica…

-Non che vou preguntar en que estas pensando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario