Aos
dazaoito anos empezou a sentir ansias de soidade…
(diácono
Xoán)
Á beira do río
Valcarce está Ruitelán. Pequeno pobo,
no Camiño cunha igrexa dedicada a San
Juan Bautista (XIII-XVII) con bóveda de canón en pedra.
Contan as crónicas
que na actualidade conta con trinta e un habitantes.
Falamos do porqué se
inicio aquí, como anacoreta, o noso (de Lugo) bo Froilán á idade de dezaoito
anos, moito antes de ser santo e moito antes de ser bispo. Lembramos catro
ideas da época, do tipo de sociedade que lle tocou vivir e do tipo de vida que
escolleu…
Dirixímonos á
ermida de San Froilán, nas aforas do pobo.
-Mira Mikel, conta
a lenda que os ratos lle comeron parte dos libros de Froilán, e aínda sen ser
santo, expulsounos do pobo, e contan que por moito tempo. Supoño que a estas
alturas xa volveron. Como por aquí non hai ninguén quedámonos coa dúbida.
Buscamos algo onde
pasar a noite como no ano 851, e o mellor que atopamos foi o tronco abichado
dun castiro no que cabiamos os dous e que nos serviría para pasar a noite. Preparamos uns garabullos para facer
lume se tiñamos frío e fixemos a cama dentro da árbore coa roupa que levabamos.
-Temos que ter
coidado co lume ímolo facer por riba dunhas lousas. Sabes que está prohibido
nesta época do ano. Aquí non hai perigo, isto é un souto, mais só o prendemos
se temos frío. Como aínda é cedo imos ler este libro.
Sacara un libro que
sabía que a Mikel lle ía gustar “A illa
do tesouro” de Stevenson, publicado
no ano 1883. Escribiuna para ser publicada por capítulos, capítulos que llos
lía á familia e eles, ás veces, dábanlle
ideas para os futuros capítulos. Cando escribiu a obra contaba con trinta anos
e foi o seu primeiro éxito.
Unha boa pregunta
para Sabine e Brais sería que nos digan o nome dalgunha muller da novela.
Comecei a ler o
primeiro capítulo e cando aínda non o levaba rematado soaron os ouleos, berros
ouasubíos, a verdade que parecían fúnebres, dunha curuxa moi preto de nós. O
Mikel estremeceuse e eu levei un susto do
carallo que disimulei como puiden. Non lle dixen que soaban a aquilo de cavar! cavar!; lenda estendida que din
escoitar como camiño á preparación da foxa
onde depositar o cadaleito.
-Tranquilo Mikel, é
unha curuxa. É unha ave que só caza de noite: ratos, pequenos mamíferos,
insectos, outra aves e incluso peixes…Si, xa sei que San Froilán fixera emigrar
aos ratos, así que, ou volveron ou se alimenta doutros animais.
Ten un tamaño máis
ou menos así (díxenllo coas mans sinalando entre vinte ou trinta cm.), plumaxe
marela con zonas brancas en peito e patas; o pico corto e encurvado; grandes
ollos cunha vista privilexiada para desenvolverse na noite; a cabeza xira case
dando unha volta completa.
Mitos, lendas e
crenzas alíana coa bruxería, o mesmo que os corvos e as pegas, lembras? Mais
nós nada temos que temer, aínda que nos asustase polo estridente do seu canto;
a nós non nos vai atacar, así que imos rematar este primeiro capítulo e
botámonos a durmir, a ver como se nos dá a noite?
Antes de finalizar
a lectura, e a pesar da curuxa, o Mikel xa estaba durmindo. A verdade era que
estabamos cansos…Eu medio sentado e o neno apoiado nas miñas pernas totalmente
deitado. Menos mal que non nos estaba a ver a súa nai, quen sabe o que faría.
De seguro que o pícaro non llo ía contar. Non escolleramos bo dia para durmir
no monte, pois o camiño que nos esperaba ata o Cebreiro era moi duro, non pola
dimensión do seu percorrido, mais si pola súa diferenza de cota dos 671m. de
altitude de Ruitelán íamos a pasar aos 1295 m . do Cebreiro nun traxecto de dez km.
aproximadamente.
Eu espertei ás seis
da mañá coas pernas durmidas polo peso do Mikel. Funme apartando como puiden
para que o neno seguise durmindo e púxenme a andar ao redor da árbore para
desentumecer os músculos. Collín unha laranxa e funa pelando ao tempo que
seguía andando. O curioso é que non tivemos que prender o lume, a noite foi
quente. Mais a min doíanme todas as xuntas, a miña artrose pasaba factura, xa
non estaba para facer de anacoreta. Logo dunha hora, fun polo Códice Calixtino
e lin o que poñía dos galegos, ao fin, todo isto foi Gallaecia:
…A continuación atópase a terra do galegos, unha vez
pasadas as comarcas de León e o porto do monte Irago e do Cebreiro. Esta é
frondosa, abundante en ríos, prados e excelentes pomares, bos froitos e
clarísimas fontes, pouco poboada de cidades, vilas e terras de labor, escasa en
pan de trigo e viño, abondosa en pan de centeo e sidra, rica en gando e
cabalerías, en leite e mel, en peixes mariños grandes e pequenos, en
ouro e prata, en teas e peles de animais salvaxes e outros recursos, abundante
mesmo en tesouros árabes. Os galegos seméllanse bastante nos costumes á nosa
xente gala máis cós outros incultos pobos españois, pero son iracundos e moi
preiteantes” (xa daquela…).
En rematando de ler
vin que o Mikel comezaba a espertar. Esperei que se fixera a súa composición de
lugar.
-Que che pareceu a
experiencia?-díxenlle.
-A min ben. Durmín
coma un burro.
-Non sei coma
dormen os burros... Falando de burros, aquí foi, segundo a lenda, onde San
Froilán domesticou ao lobo que lle comeu o seu burro e, dese xeito, cargou, a
partir de entón, cos libros do santo.
E volvendo ao de
durmir, a min dóenme todas as xuntas. Se pensas no Froilán da súa época seguro
que estaba algo mellor preparado, fálase dunha cova ou algo parecido, temos que
preguntar por ela e ir vela. Por algo se instalou neste lugar, pensa no
inverno, nos días fríos, pois aquí ten que nevar todos os anos.
-Ti e máis eu non
temos espírito de anacoretas –dixo o neno. A ti gústache o viño e a min a cama.
-Non creo que
penses en pedir aos veciños que nos dean o almorzo, como facía San Froilán, pedía
ou llo daban sen pedilo…De todos os xeitos temos que recoller e seguir o
Camiño. E antes teño que lerche o que pon dos galegos o Códice Calixtino.
Así ao tempo que
nos preparabamos lle fun lendo o Códice.
Ningún comentario:
Publicar un comentario